Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Xoves, 10 de maio de 2012 Páx. 17506

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 2 de maio de 2012 pola que se incrementa a dotación orzamentaria da Orde do 25 de xaneiro de 2012, pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría, e das axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable das terras agrícolas no ano 2012.

A Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar do 25 de xaneiro de 2012 (DOG núm. 21, do 31 de xaneiro), regula o procedemento para a solicitude, tramitación e concesión, para o ano 2012, das axudas previstas dentro do réxime do pagamento único e doutros réximes de axuda directa á agricultura e gandaría, e das axudas ao desenvolvemento rural, para a utilización sustentable das terras agrícolas no ano 2012.

Na súa disposición adicional primeira, parágrafo 1, precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas, e no seu parágrafo 3, sinálase que as dotacións iniciais se poderán incrementar, se for procedente, tramitando o expediente de modificación de crédito oportuno.

Coa finalidade de poder amparar todas as solicitudes das axudas especificadas no título II da orde, relativas aos pagamentos directos á agricultura e á gandaría no marco da aplicación da política agrícola común en Galicia financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e xestionadas polo Fondo Galego de Garantía Agraria, e posto que a dotación inicial resulta insuficiente, a Consellería de Facenda realizou as incorporacións automática de remanentes de crédito, polo que cómpre, mediante esta orde, incrementar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas axudas.

En consecuencia, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. A dotación orzamentaria prevista para as axudas especificadas no título II da Orde do 25 de xaneiro de 2012 (DOG n.º 21, do 31 de xaneiro), conforme a disposición adicional primeira, parágrafo 1, alínea a) da dita orde, increméntase no importe de 9.253.989,37 euros, e con cargo á aplicación 13.80.713F.779.1, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2012.

2. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional única.

O incremento de crédito previsto no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na devandita Orde do 25 de xaneiro de 2012 (DOG n.º 21 do 31 de xaneiro).

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2012.

Rosa M.ª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar