Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Mércores, 9 de maio de 2012 Páx. 17338

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 30 de abril de 2012 pola que se clasifica de interese asistencial, de fomento da economía social, educativa, deportiva e cultural a Fundación Emalcsa.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Emalcsa con domicilio na praza de María Pita número 1, na Coruña.

Feitos:

1. Carlos Negreira Souto, presidente do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Emalcsa foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o 17 de febreiro de 2012, ante o notario José Guillermo Rodicio Rodicio, co número de protocolo 284, pola entidade mercantil Empresa Municipal de Aguas de La Coruña, S.A. que actúa representada polo presidente do seu Consello de Administración Carlos Negreira Souto.

Esta escritura foi emendada por outra outorgada tamén na Coruña o 2 de abril de 2012, ante o notario Isidoro Antonio Calvo Vidal, co número de protocolo 385.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto:

a) Deseñar, promover e realizar, de xeito directo ou concertado, programas de integración social, prestacións sociais, promoción económica e fomento do emprego, e todas aquelas actividades de colaboración e apoio ás funcións que o Concello da Coruña leve a cabo, ou teña previsto desenvolver no futuro, no marco da súa política social, de asistencia social e axuda humanitaria, de promoción e desenvolvemento económico e empresarial, e de emprego.

b) Promoción, desenvolvemento e fomento da educación e do deporte.

c) Desenvolvemento e impulso de todo tipo de manifestacións culturais na cidade da Coruña e difusión da cidade no mundo e especialmente no ámbito da Unión Europea.

d) Contribuír á análise, deseño e execución de novas estratexias de funcionamento e desenvolvemento urbanos e de prestación de servizos municipais.

4. O padroado inicial da Fundación está formado polo alcade presidente do Concello da Coruña, Carlos Negreira Souto, como presidente; o tenente de alcalde concelleiro responsable da Área de Seguridade e Mobilidade do Concello da Coruña, Julio Antonio Flores Pérez, como vicepresidente; e a tenente de alcalde concelleira responsable da Área de Servizos Sociais, Cultura, Deportes e Educación do Concello da Coruña, Ana María Fernández Gómez; o concelleiro delegado de Servizos Sociais do Concello da Coruña, Miguel Lorenzo Torres; e o concelleiro delegado de Educación, Deportes e Xuventude do Concello da Coruña, Francisco José Mourelo Barreiro, como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese asistencial, de fomento da economía social, educativa, deportiva e cultural da Fundación Emalcsa, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios, procede a súa clasificación como de interese asistencial, de fomento da economía social, educativa, deportiva e cultural e a súa adscrición á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 27 de abril de 2012.

DISPOÑO:

Clasificar de interese asistencial, de fomento da economía social, educativa, deportiva e cultural a Fundación Emalcsa, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta orde que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2012.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza