Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Martes, 8 de maio de 2012 Páx. 17101

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 17 de abril de 2012 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Deporte en Lalín e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Visto o expediente de extinción da Fundación Deporte en Lalín, adscrita ao protectorado desta consellería resultan os seguintes.

Feitos.

Primeiro. O 8 de marzo de 2012 presentouse ante este protectorado, solicitude de ratificación da extinción da Fundación Deporte en Lalín, adoptado por acordo do Padroado.

Segundo. A fundación foi constituída polo Concello de Lalín e pola Asociación de Empresarios do Deza, en escritura pública do 1 de marzo de 2005, foi clasificada pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de 26 de febreiro de 2005 e declarada de interese galego pola Orde da Consellería de Familia, Xuventude e Deporte, do 27 de xullo de 2005. Actualmente está adscrita ao Protectorado da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e figura inscrita na sección do Rexistro de Fundacións correspondente a esta consellería, co número 2005/8.

Terceiro. Os fins da fundación establecidos no artigo seis dos estatutos, son promover a actividade deportiva dentro do concello de Lalín.

Cuarto. O órgano de goberno da fundación, na súa reunión do 7 de decembro de 2011, adoptou o acordo de extinción da fundación, motivado na imposibilidade de realización dos fins fundacionais por insuficiencia de medios materiais.

No expediente tramitado para o efecto consta a seguinte documentación: certificación do acordo adoptado polo padroado, memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción, as contas da fundación en 31 de decembro de 2011, así como informe-proposta do Protectorado.

Quinto. En canto ao destino dos bens resultantes da liquidación, ao non existir nos estatutos nin na acta fundacional previsións sobre o seu destino nin facultades atribuídas ao padroado, corresponde ao protectorado esta competencia, de conformidade co disposto no artigo 45 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Tendo en conta a condición de fundador do Concello de Lalín, a súa participación no financiamento das actividades fundacionais, e que os fins da fundación continuarán realizándose pola dita Administración, este Protectorado, establece como destinatario dos bens e dereitos resultantes da liquidación da fundación o Concello de Lalín.

Consideracións legais.

Primeiro. Esta consellería é competente por razón da materia, de conformidade co Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, en relación co artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego. Corresponde, así mesmo, a esta consellería o exercicio das funcións de protectorado, de conformidade co establecido no artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Segundo. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, sendo necesario para tal efecto acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O mesmo artigo sinala que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceiro. O acordo de extinción adoptouse de conformidade cos requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da fundación, sendo aprobado por acordo do padroado, coas maiorías previstas no Regulamento de fundacións de interese galego. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción, e demais documentación establecida nos artigo 44 da Lei 12/2006 e artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego.

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego e o Decreto 15/2009, da mesma data polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, e demais normativa de xeral aplicación

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción adoptado polo Padroado da Fundación Deporte en Lalín.

Segundo. Ordenar a inscrición do acordo de extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Terceiro. Designar como entidade destinataria dos bens e dereitos resultantes da liquidación o Concello de Lalín.

Contra esta orde que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e poderase interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2012.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza