Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Mércores, 2 de maio de 2012 Páx. 15956

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 19 de abril de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para programas de calidade desenvoltos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias e se convocan para 2012.

A Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, configurou os consellos reguladores das denominacións xeográficas de calidade como corporacións de dereito público, con personalidade xurídica de seu, autonomía económica e plena capacidade de obraren para o cumprimento dos seus fins. A dita lei atribúelles a estes organismos a xestión da respectiva denominación xeográfica, o que supón a realización de diversas funcións, entre as cales están a de velar polo prestixio da denominación e polo cumprimento das súas disposicións normativas e aplicar, de ser o caso, os sistemas de control necesarios para garantir a calidade e a orixe dos produtos certificados.

A realización destas tarefas supón un labor de notable complexidade, cuxo desenvolvemento eficaz constitúe un factor clave na credibilidade da denominación, e que representa un importante custo económico para os consellos reguladores.

Para apoiar a realización destas actividades polos consellos reguladores aprobouse a Orde do 23 de decembro de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para programas de calidade desenvoltos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias e se convocan para 2011.

Unha vez iniciado o exercicio orzamentario 2012, procede facer algunha modificación puntual nas ditas bases reguladoras e realizar a convocatoria correspondente a este ano. As ditas modificacións débense fundamentalmente aos cambios que desde a aprobación da orde se produciron na estrutura orgánica da Xunta de Galicia e da Consellería do Medio Rural e do Mar e á entrada en vigor do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Dado que afectan un número importante de artigos, óptase por publicar de novo as bases ao completo cos cambios necesarios.

Estas axudas acóllense ao establecido no Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379, do 28 de decembro).

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3.º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas que, en réxime de concorrencia competitiva, vai conceder a Consellería do Medio Rural e do Mar para actuacións relacionadas coa implantación e desenvolvemento de programas de mellora e control da calidade e da orixe dos produtos agroalimentarios galegos amparados por algunha denominación xeográfica de calidade dos regulados no capítulo II do título III da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, ou acollidos á produción ecolóxica, así como efectuar a convocatoria para o ano 2012.

Sección 1.ª Bases reguladoras das axudas para programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentaria

Artigo 2. Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os consellos reguladores das distintas denominacións de calidade agroalimentaria existentes no ámbito da comunidade autónoma de Galicia sempre que non incorran nalgunha das prohibicións do artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Actividades subvencionables.

Serán subvencionables todas aquelas actuacións realizadas, directa ou indirectamente, polos consellos reguladores, encamiñadas a garantir a calidade e a orixe dos produtos da correspondente denominación. Tamén serán subvencionables as actuacións en estudos, investigacións e desenvolvemento de programas encamiñados á mellora da calidade dos produtos obxecto de protección. Poderanse subvencionar, así mesmo, os gastos relacionados coa acreditación do consello regulador no cumprimento da norma EN-45011, así como os das auditorías necesarias para o mantemento da acreditación.

Artigo 4. Gastos subvencionables.

Consideraranse subvencionables os gastos orixinados pola participación do persoal propio do consello regulador no desenvolvemento e execución dos programas de calidade, os gastos derivados da realización de análises de laboratorio relacionadas coa certificación do produto e, en xeral, os gastos de consultoría externa e calquera outro gasto relacionado coa implantación e execución dos programas de calidade desenvoltos polo consello regulador. En particular, serán subvencionables os gastos das auditorías necesarias para acreditación na norma EN 45011 ou para o seu mantemento.

Artigo 5. Límites e contías das axudas.

1. Para a concesión destas subvencións resulta de aplicación o disposto no Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis.

2. A subvención asignada para cada programa poderá acadar o 50% do importe da actividade subvencionable, de acordo coa valoración do órgano xestor. O importe anual máximo por entidade beneficiaria poderá chegar ata 7.000 euros, aos cales se poderán engadir 3.000 euros adicionais de axuda para gastos directamente relacionados coa acreditación na norma EN 45011 ou co seu mantemento.

Artigo 6. Compatibilidade con outras axudas.

1. De acordo co establecido no Regulamento (CE) 1998/2006, estas axudas non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se a dita acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso nun regulamento de exención por categorías ou nunha decisión adoptada pola Comisión.

O beneficiario queda obrigado a comunicarlle de inmediato ao órgano concedente calquera subvención, axuda ou ingreso que, para a mesma finalidade e de calquera procedencia, solicitase ou lle fose concedida ou pagada.

2. Ademais, e segundo o recollido no dito regulamento, o importe da subvención concedida sumado a outras axudas de minimis recibidas polo beneficiario non superará o importe de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais.

Artigo 7. Criterios de valoración.

1. Na resolución das solicitudes presentadas teranse en conta os criterios de valoración prioritarios seguintes:

a) Coherencia e amplitude do programa presentado (ata 20 puntos).

b) Incidencia potencial da actuación na garantía da calidade e orixe do produto (ata 20 puntos).

c) Relación custo/beneficio da actuación (ata 20 puntos).

2. A porcentaxe de axuda que se concederá a cada expediente en función dos puntos obtidos na valoración é a que se recolle na seguinte táboa:

Equivalencia do % axuda con puntuación dos criterios de valoración do artigo 7:

Puntos % axuda

0-20 0

21-30 30

31-40 40

>40 50

3. Se aplicados os criterios do número 2 existise empate, resolverase atendendo ás solicitudes que obteñan maior puntuación no criterio de valoración a), e de persistir o empate teranse en conta as puntuacións dos criterios b) e c) sucesivamente.

Artigo 8. Solicitudes e prazo de presentación.

1. As solicitudes presentaranse en instancia dirixida á persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, de acordo co modelo que figura no anexo I que vai con esta orde, acompañada coa documentación que figura no anexo II.

Consonte o establecido no artigo 7 da Orde do 7 de xullo de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (DOG núm. 134, do 10 de xullo), pola que se desenvolve o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, os interesados poderán dar consentimento expreso na solicitude, para que o órgano competente da Administración comprobe por medios electrónicos os seus datos persoais. No caso de non autorizar esta consulta, deberá achegar copia do DNI.

2. O lugar de presentación será prioritariamente nos servizos centrais da Consellería do Medio Rural e do Mar, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. Tamén poderán presentarse en sede electrónica no enderezo da internet https://sede.xunta.es, conforme o disposto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. O prazo de presentación de solicitudes será o que se estableza na convocatoria anual correspondente.

4. Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda).

Para eses efectos, a presentación da solicitude de axuda supón a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións acreditativas correspondentes da Axencia Estatal da Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da Consellería de Facenda. Porén, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e deberá presentar entón os certificados nos termos previstos regulamentariamente.

Artigo 9. Instrución e resolución.

1. Correspóndelle á Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria a instrución do procedemento, para o que poderá solicitar do peticionario calquera documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

2. O exame e a valoración das solicitudes levaraos a cabo unha comisión de valoración constituída do seguinte xeito:

Presidente: o subdirector xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria.

Vogais: dous funcionarios do Servizo de Promoción da Calidade Agroalimentaria.

Secretario: un funcionario do dito servizo, que actuará con voz e voto.

3. A comisión de valoración, facendo aplicación dos criterios establecidos no artigo 7 desta orde, examinará as solicitudes presentadas e informará a Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, que elaborará a proposta de resolución e a elevará ao órgano competente para resolver. A proposta deberá conter unha relación dos solicitantes para os cales se propón a axuda, a contía desta e os criterios de valoración seguidos para efectuala.

4. As solicitudes serán resoltas pola persoa titular da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo máximo de seis meses contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que a persoa interesada recibise comunicación expresa, poderase entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

5. A resolución de concesión indicará os investimentos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que se consideren necesarias para garantir o cumprimento dos obxectivos da axuda. Especificamente indicará o prazo máximo para a realización e xustificación dos investimentos realizados, que será polo menos posterior en quince días á finalización da realización do gasto subvencionado segundo o calendario presentado e, en calquera caso, anterior á data límite do 30 de xuño dese ano.

Artigo 10. Tramitación e pagamento das axudas.

Realizados os gastos, o beneficiario presentará, preferentemente nos servizos centrais da Consellería do Medio Rural e do Mar, e sempre destinada á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, en Santiago de Compostela, a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa do programa desenvolvido e xustificantes dos gastos realizados, acompañados dunha relación numerada de todos eles. No caso das facturas, presentarase orixinal e fotocopia, e no do pagamento de salarios a traballadores, fotocopia compulsada das nóminas e TC2. Presentarase tamén a documentación que acredite o pagamento dos gastos realizados (extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario).

b) Declaración do beneficiario sobre o cumprimento dos requisitos exixidos no Regulamento (CE) 1998/2006 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis.

c) Declaración do beneficiario sobre outras axudas solicitadas ou concedidas para os mesmos gastos, así como a das axudas concedidas nos tres últimos anos fiscais para actuacións subvencionadas por convocatorias acollidas á citada normativa de minimis.

d) Declaración responsable do interesado en relación coa existencia da conta bancaria a ao seu nome para o pagamento da subvención.

Artigo 11. Seguimento e control.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. As resolucións de concesión de subvención establecerán o prazo máximo de xustificación dos investimentos. Non obstante, poderase conceder, por pedimento xustificado do interesado realizado antes da finalización do prazo establecido e sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan, unha ampliación do dito prazo.

3. Calquera modificación que afecte substancialmente a realización dos investimentos e gastos aprobados deberá ser previamente comunicada á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes. No caso de redución da contía dos gastos realizados, e sempre que se manteñan os obxectivos iniciais e se cumpran os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009 e de conformidade co artigo 14.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a subvención verase reducida na contía proporcional correspondente.

4. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir as unidades correspondentes da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación que deban efectuar estes, ás de control financeiro que lle correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 12. Incumprimento, reintegro e réxime de infraccións e sancións.

1. Se o beneficiario da axuda cumpre as condicións establecidas na resolución de concesión, executando e xustificando todos os conceptos dos gastos aprobados nos prazos establecidos, e cumprindo co resto dos requisitos da resolución de concesión, procederá a aboarse a totalidade da subvención concedida. No caso contrario existirá un incumprimento, en que se aplicarán os seguintes criterios:

– Cando o beneficiario non realice e non xustifique nos prazos establecidos ningunha das actuacións obxecto da axuda existirá un incumprimento total e non se pagará ningunha axuda.

– Cando o beneficiario realice parcialmente e xustifique nos prazos establecidos as actuacións obxecto da axuda, aboarase a subvención proporcional correspondente sempre que estea relacionada con actuacións finalizadas e se cumpran o resto das condicións establecidas.

2. En calquera caso, procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ao abeiro desta orde, e dos xuros de demora acumulados desde o momento da notificación da resolución do procedemento de reintegro ao interesado, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos establecidos na normativa de aplicación vixente.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Réxime de recursos.

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa.

Sección 2.ª Convocatoria 2012

Artigo 14. Convocatoria.

Convócanse para o exercicio orzamentario 2012 as axudas reguladas por esta orde. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán os establecidos con carácter xeral nos artigos anteriores.

Artigo 15. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria será dun mes contado desde o día seguinte ao de publicación desta orde.

Artigo 16. Financiamento das axudas.

As axudas concedidas financiaranse con cargo aos orzamentos da Consellería do Medio Rural e do Mar para o ano 2012, na aplicación orzamentaria 16.20.713D.781.0, código de proxecto 2011 00765, cunha dotación de 98.000 euros. Este importe poderase incrementar con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional primeira. Publicación e tratamento de datos.

De conformidade co artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración publica galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos para os efectos do disposto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Disposición adicional segunda. Réxime xurídico.

En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde haberá que aterse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa.

Queda derrogada a Orde do 23 de decembro de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para programas de calidade desenvoltos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias e se convocan para 2011.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento.

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes para ditar as disposicións que sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2012.

Rosa M. Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file