Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Venres, 27 de abril de 2012 Páx. 15513

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 23 de abril de 2012 pola que se regulan e convocan as subvencións para axudar a cubrir as necesidades de liquidez das explotacións agrarias como consecuencia da seca.

A escaseza de choivas, unida ás fortes xeadas que houbo en moitas zonas de Galicia, e a persistencia da crise económica están provocando unha situación moi preocupante para as explotacións agrarias da nosa Comunidade Autónoma.

Por estes motivos considérase necesario que a consellería promova coas entidades financeiras unhas medidas específicas de cooperación, de xeito que as persoas interesadas poidan dispor de liquidez mediante a concesión de préstamos por parte das ditas entidades, que as axuden a facer fronte á situación de seca, asumindo a Administración parte dos custos dos xuros correspondentes.

As medidas reguladas nesta orde réxense polo réxime establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aínda que acolléndose expresamente ao procedemento de concesión en concorrencia non competitiva, conforme o previsto no artigo 19.2 da dita lei.

Pola súa banda, estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto no Regulamento (CE) n.º 1535/2007, da Comisión, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción dos produtos agrícolas, quedando condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar as axudas de minimis, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a axudar a cubrir as necesidades de liquidez das explotacións agrarias como consecuencia da seca mediante a bonificación de xuros dos préstamos que subscriban as persoas titulares de explotacións agrarias de acordo co especificado no artigo 3.

Artigo 2. Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os titulares de explotacións agrarias que cumpran as seguintes condicións:

a) Que teñan solicitada a axuda do réxime de pagamento único (RPU) recollida no capítulo II do título II da Orde do 25 de xaneiro de 2012 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable das terras agrícolas no ano 2012 (DOG n.º 21, do 31 de xaneiro).

b) Que formalicen, como máis tarde o 30 de xuño de 2012, un préstamo con algunha das entidades colaboradoras acollidas ao correspondente convenio, por unha contía máxima equivalente ao 90 por cento da cantidade solicitada da axuda do réxime de pagamento único (RPU) recollida no capítulo II do título II da Orde do 25 de xaneiro de 2012. Esta cantidade poderase obter (descontando, de ser o caso, o importe da modulación) do documento de estimación de importes de axudas directas á agricultura e gandaría, que se obtén ao tramitar a solicitude unificada.

c) Que cumpran os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Cando unha explotación das previstas no punto anterior pertenza a varias persoas integradas nunha comunidade de bens ou sociedade civil, poderá resultar esta beneficiaria da axuda, coa condición de que cumpra os requisitos exixidos para iso, así como as exixencias previstas para estas agrupacións no artigo 8.3.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que deberán facer constar expresamente, segundo o modelo do anexo III desta orde, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberán nomear un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación e non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos do artigo 35 da citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Características dos préstamos subvencionados e obrigas dos beneficiarios.

1. O prazo para formalizar os préstamos subvencionados será o indicado na letra b) do número 1 do artigo 2 desta orde.

2. O prazo para cancelar o préstamo polo beneficiario será de oito días tras o ingreso do importe da axuda do réxime de pagamento único (RPU) da Orde do 25 de xaneiro de 2012.

3. As condicións dos préstamos determinaranse nos convenios que se subscriban, nos que se establecerá o tipo de xuro que será satisfeito pola Consellería do Medio Rural e do Mar e o momento do pagamento do importe do principal ás persoas interesadas.

Artigo 4. Tipo de axuda.

1. As axudas establecidas nesta orde consistirán na bonificación de 3,25 puntos dos xuros dos préstamos que o beneficiario subscriba coas entidades financeiras colaboradoras, para que os solicitantes poidan dispor dunha cantidade máxima do 90 por cento da cantidade solicitada da axuda do réxime de pagamento único (RPU) recollida na Orde do 25 de xaneiro de 2012.

2. Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto no Regulamento (CE) n.º 1535/2007, da Comisión, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción dos produtos agrícolas (DOUE L337/2007), quedando condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.

Artigo 5. Contía da axuda.

A contía da axuda consistirá na bonificación de 3,25 puntos do tipo de xuro anual sobre o préstamo que o beneficiario subscriba coas entidades financeiras, sendo o xuro total máximo do 6,25%. Esta contía non poderá exceder 7.500 € durante un período de 3 anos, incluíndo o total de axudas de minimis percibidas polo beneficiario nese mesmo período.

Artigo 6. Procedemento de concesión da axuda.

O procedemento de concesión destas subvencións efectuarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 7. Tramitación.

1. Os titulares de explotacións que teñan formalizado un préstamo coas entidades financeiras colaboradoras no marco do convenio indicado no artigo 1, poderán presentar nas oficinas agrarias comarcais da Consellería do Medio Rural e do Mar, ou en calquera forma das previstas pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ata o 15 de xullo de 2012 incluído, a solicitude de axuda aos xuros de acordo co modelo do anexo I desta orde. Tamén se poderá presentar electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo:  http://www.xunta.es/sede-electronica

2. Para solicitar a axuda presentarán a seguinte documentación:

– Anexo I.

– Fotocopia do DNI (só no caso de non autorizar a consulta de datos do sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Presidencia), ou do NIF (entidades xurídicas).

– Copia da correspondente póliza de préstamo formalizada.

– Declaración de cumprimento de requisitos para obter a condición de beneficiario do artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e declaración do conxunto de todas as axudas de minimis por calquera concepto concedidas ao solicitante polas distintas administracións públicas competentes, durante o período dos dous exercicios fiscais anteriores á data de presentación desta solicitude e no exercicio fiscal en curso, segundo o modelo que figura no anexo II.

– No caso de comunidades de bens e sociedades civís, declaración de porcentaxe de execución de compromisos e de subvención, segundo o modelo que figura no anexo III.

3. Así mesmo, a presentación da solicitude pola persoa interesada comporta a autorización ao órgano xestor para lles comunicar ás entidades financeiras as solicitudes de cambio de domiciliación dos pagamentos das axudas recollidas na Orde do 25 de xaneiro de 2012 que presenten os titulares de explotacións agrarias con préstamos formalizados ao abeiro desta orde.

4. Se a solicitude non estivese debidamente cumplimentada ou non se achegase a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirán a persoa interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Artigo 8. Resolución.

1. Unha vez comprobados os requisitos da persoa solicitante polos servizos técnicos da Consellería do Medio Rural e do Mar, a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria elevará a proposta de resolución ao secretario xeral de Medio Rural e Montes, por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar, en canto que órgano encargado da resolución das axudas. As solicitudes iranse resolvendo á medida que se vaian presentando.

2. Na resolución de concesión de axuda farase constar a contía da subvención do tipo de xuro dos préstamos e indicarase o seu carácter de minimis, de conformidade co Regulamento (CE) n.º 1535/2006.

Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

Artigo 9. Notificación, silencio administrativo e recursos.

1. A resolución da concesión da axuda esgota a vía administrativa. O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de tres meses a partir da data de presentación da solicitude. Se transcorrese o citado prazo máximo sen recaer resolución expresa por parte do órgano competente, as persoas interesadas poderán entender rexeitadas as súas solicitudes, de acordo co establecido no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Contra a resolución poderase interpor recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución. Potestativamente, poderase interpor recurso de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Publicación.

1. A resolución publicarase nos termos previstos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e expresará o beneficiario, a finalidade, a contía e a aplicación orzamentaria, polo que a formalización do préstamo leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios.

2. De conformidade cos números 3 e 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde; e incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren imporse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 11. Liquidación da subvención.

1. A Consellería do Medio Rural e do Mar a través do Fogga, unha vez comprobado o cumprimento dos condicionantes establecidos pola normativa correspondente a cada axuda da PAC, ingresará o importe das axudas recollidas na Orde do 25 de xaneiro de 2012, na conta indicada polo produtor, a partir do 1 de decembro de 2012, ou antes se existise autorización da Unión Europea conforme o Regulamento (CE) n.º 73/2009, do Consello, do 19 de xaneiro, polo que se establecen disposicións comúns aplicables aos réximes de axuda directa aos agricultores no marco da política agrícola común e se instauran determinados réximes de axuda aos agricultores e polo que se modifican os regulamentos (CE) n.º 1290/2005, (CE) n.º 247/2006, (CE) n.º 378/2007 e se derroga o Regulamento (CE) n.º 1782/2003.

2. A liquidación do tipo de xuro será practicada pola entidade financeira unha vez cancelado o préstamo polo beneficiario, que terá que realizalo no prazo de 8 días tras o ingreso do importe das axudas a que se fai referencia no número anterior ou da recepción da súa resolución denegatoria.

3. A Administración aboaralles antes do 31 de decembro de 2012 ás persoas interesadas, na mesma conta que a consignada para as axudas referidas no número 1 deste artigo, o importe do xuro subvencionado unha vez que se practique a cancelación do préstamo indicado no punto anterior.

Artigo 12. Modificacións.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou a súa revogación, no caso de se considerar que a modificación afecta un aspecto substancial da concesión.

2. O beneficiario queda obrigado a lle comunicar á Consellería do Medio Rural e do Mar calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar sustancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda. En particular, deberá remitir unha declaración complementaria das axudas de minimis no momento en que sexa comunicada calquera concesión e sempre coa presentación da solicitude de cobramento.

3. O órgano competente da Consellería do Medio Rural e do Mar poderá acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases.

b) Que a modificación non cause prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente, no cal se dará audiencia ás persoas interesadas. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas.

5. A resolución de modificación establecerá as novas condicións da concesión e, se é o caso, decretará o reintegro do indebidamente percibido. En ningún caso a resolución de modificación implicará aumentar o importe da subvención inicialmente aprobada.

6. O cambio de beneficiario da axuda poderá ser autorizado polo secretario xeral do Medio Rural e Montes, por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar sempre que se acredite documentalmente a subrogación na totalidade dos dereitos e obrigas derivados da actividade subvencionada e especificamente da operación subsidiada, así como o cumprimento dos requisitos establecidos no número 3 anterior. Presentarase a solicitude asinada polo novo titular, que deberá cumprir os mesmos requisitos do beneficiario da axuda, e xuntarase a documentación acreditativa da subrogación, constando o consentimento do anterior beneficiario.

Artigo 13. Réxime de reintegros, infraccións, sancións e responsabilidades.

O réxime de reintegros, infraccións, sancións e responsabilidades aplicables será o regulado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 14. Control.

1. Os beneficiarios da axuda quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que efectúe a Consellería do Medio Rural e do Mar, o Fogga ou os órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verificar o cumprimento dos requisitos e das finalidades das axudas acollidas a estas bases.

2. O beneficiario queda obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 15. Incompatibilidade.

As axudas financeiras previstas na presente orde serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan conceder outras administracións públicas.

Artigo 16. Convenio de entidades financeiras colaboradoras.

1. Poderán adherirse ao convenio todas aquelas entidades financeiras que colaborasen co Fogga na tramitación das axudas recollidas na Orde do 25 de xaneiro de 2012.

2. Tamén poderán instar a súa adhesión ao convenio todas aquelas entidades financeiras acreditadas polo Banco de España que, demostrando unha implantación significativa en Galicia, dispoñan dos medios técnicos adecuados para asegurar a correcta tramitación dos expedientes conforme o establecido no convenio, nestas bases e nos seus anexos.

3. As ditas entidades xustificarán mediante declaración responsable o cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade colaboradora no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Financiamento.

As axudas financeiras reguladas nesta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 16.22.712B.470 (CP 2010.01153) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, distribuído o seu importe do seguinte xeito: para o ano 2012 por un importe de catrocentos mil (400.000) euros.

A dita cantidade poderá ser incrementada con fondos adicionais procedentes desta ou outras administracións, tendo en conta o disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional primeira.

Nos aspectos non regulados nesta orde observarase o disposto na Lei 9/2007, do 14 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Disposición adicional segunda.

Os documentos exixidos nesta convocatoria e que figuren nos diferentes rexistros da Consellería do Medio Rural e do Mar ou na súa base de datos non será necesario que os presente a persoa solicitante, serán obtidos directamente pola unidade tramitadora do expediente. Así mesmo, terase en conta o que establece a orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 12 de xaneiro de 2012 (DOG n.º 10, do 16 de xaneiro), pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2012.

Rosa M.ª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file