Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Xoves, 26 de abril de 2012 Páx. 15471

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Becerreá

ANUNCIO de aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

O Pleno do Concello de Becerreá, en sesión extraordinaria que tivo lugar o día 29 de marzo de 2012, conforme o disposto no artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, acordou por unanimidade:

Primeiro. Aprobar inicialmente o Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Becerreá, nos termos que constan no expediente.

Segundo. Que o plan aprobado inicialmente con todos os documentos integrantes do expediente tramitado, incluído o informe de sustentabilidade ambiental, sexa sometido:

1. Ás consultas previstas no documento de referencia.

2. Ao trámite de información pública durante o prazo de dous meses, mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia e en dous dos periódicos de maior difusión na provincia de Lugo.

3. Ao trámite de audiencia, durante o mesmo prazo, aos municipios limítrofes.

Terceiro. Ao mesmo tempo que o trámite de información pública, solicitaranse das administracións públicas competentes os informes sectoriais que resulten necesarios.

Cuarto. Suspender o procedemento de outorgamento de licenzas naqueles ámbitos do territorio obxecto de planeamento cuxas novas determinacións supoñan a modificación da ordenación urbanística vixente. A duración máxima da suspensión, segundo o artigo 77 da Lei 9/2002, é de dous anos contados desde esta aprobación inicial, e en calquera caso extinguirase coa aprobación definitiva do planeamento.

Motívase a suspensión no feito de que as determinacións urbanísticas presentan diferencias substanciais entre ambos os plans, as normas subsidiarias vixentes e o novo PXOM que se eleva a aprobación inicial polo Pleno do Concello, polo que se fai complexa a determinación gráfica das áreas concretas, que presentan incompatibilidade de ordenación, xa que a casuística posible é ilimitada, sendo imposible concretar as áreas de compatibilidade, posto que dependerán de cada caso particular, de cada parcela ou mesmo da actuación que se pretenda realizar en cada unha delas en cada momento; non é o mesmo tratar do uso dominante, por exemplo, ca dos compatibles ou auxiliares. Permítense, en termos xerais, as obras de reforma que non modifiquen o parámetro urbanístico relativo ao volume e ao uso.

O ámbito de suspensión de licenzas derivado da aprobación inicial do PXOM é a totalidade do municipio de Becerreá, salvo naquelas actuacións permitidas simultaneamente neste plan e nas vixentes normas subsidiarias.

En todo caso, pódense establecer uns criterios de interpretación que permitan tratar con maior claridade a confluencia sobre cada parcela de dous planeamentos xerais municipais, e que, en cualquera caso, deberán suxeitarse para cada parámetro urbanístico ou determinación gráfica ás condicións máis estrictas establecidas no planeamento que sexa máis limitativo en cada aspecto que se vai considerar.

En función das catro clases de solo definidas pola lexislación do solo autonómica, e os contidos que o novo PXOM lles outorga, pódese facer a seguinte valoración:

– Solo rústico. A ordenación deste tipo de solo vén moi condicionado pola lexislación urbanística, en concreto pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e as sucesivas modificacións, especialmente a Lei 2/2010, do 25 de marzo, xa que o novo PXOM realiza unha trascrición literal da normativa contida nas citadas leis.

A compatibilidade de ambos os dous planeamentos analizarase para cada solicitude concreta cos réximes de autorizacións establecidas na lexislación indicada, aínda que os usos edificatorios están moi restrinxidos.

– Solo de núcleo rural. A maioría dos NN.RR. delimitados no novo planeamento non estaban así establecidos nas normas vixentes, de tal maneira que nestas novas incorporacións non será posible a concesión de licenzas mentres o novo PXOM non alcance a aprobación definitiva, especialmente para o uso principal residencial. Para os usos vinculados ás actividades agropecuarias tradicionais, autorizables no solo rústico das anteriores NN.SS., será preciso analizar cada caso particular.

Os NN.RR. xa delimitados nas vixentes NN.SS. son:

Castelo (integrado no PXOM como
un barrio no solo urbano de Becerreá)

Cereixal

Cruzul

Ferreiros de Balboa

Guilfrei

Guillén

Armesto

Eixibrón

Herbón

Morcelle

Torallo

Vilouta

Coto

Bullán

Tucende

Souto

Castelmaría

Quintá

Cascallá

Lagua

Fontarón

Pumarín de Abaixo

Monel

Nantín

Fontes

San Pedro

Montañadagra

Cadoalla

Vilar de Ousón

Horta

Pozacas (1)

Narón

Buisán

Casares

Cantiz

(1) Hoxe está incorporado no núcleo de Agüeira (entón non delimitado).

En todo caso, nestes núcleos analizarase para cada caso a inclusión da parcela en ambas as delimitacións, xa que non son coincidentes ao 100%, e o resto de parámetros urbanísticos (parcela mínima, edificabilidade, uso, recuamentos, etc.).

– Solo urbanizable. No novo Plan Xeral tan só se delimitan dous ámbitos de solo urbanizable, de uso industrial ambos e coa consideración de SUR non delimitado. Nestes solos non é posible a concesión das licenzas citadas, xa que requiren dunha tramitación e dunha xestión urbanísticas previas.

– Solo urbano. A delimitación de solo urbano proposta no PXOM é basicamente coincidente coa vixente, ben que o modelo de ordenación é substancialmente distinto, ao pasar dunha predominancia do cuarteirón pechado á da edificación aberta, o cal dificulta calquera actuación para o uso dominante.

Nas zonas de vivenda unifamiliar illada de ambos os plans prodúcese a compatibilidade do uso dominante; as zonas de vivenda tradicional familiar do novo PXOM tamén presentan un uso dominante de vivenda unifamiliar.

No solo urbano non consolidado requirirase previamente a calquera licenza a tramitación da regulamentaria ordenación e xestión urbanísticas.

De conformidade co artigo 85.2 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, sométese a información pública durante o prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao de publicación do presente anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Durante o dito prazo poderá ser examinado por calquera interesado nas dependencias municipais para que se formulen as alegacións que se consideren pertinentes.

Becerreá, 4 de abril de 2012.

Manuel Martínez Núñez
Alcalde