Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Xoves, 26 de abril de 2012 Páx. 15431

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ACORDO do 30 de marzo de 2012, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se lle dá trámite de audiencia á entidade mercantil Electroquímica del Noroeste, S.A.U., ao abeiro do artigo 14.5 do Decreto 185/1999, do 17 de xuño, polo que se establece o procedemento para a aplicación na Comunidade Autónoma galega dun sistema voluntario de xestión e auditoría ambiental (EMAS).

A entidade mercantil Electroquímica del Noroeste, S.A.U., co CIF A-36002541, con domicilio en Lourizán, s/n, 36153 Pontevedra, solicitou no seu día a inscrición no Rexistro Galego de Centros Adheridos ao Sistema de Xestión e Auditoría Ambiental, segundo o procedemento regulado no Decreto 185/1999, do 17 de xuño, de referencia no encabezamento.

Coa solicitude de inscrición xunta a declaración ambiental validada, así como o resto da documentación exixida no dito Decreto 185/1999.

Con data do 12 de novembro de 2004 procédese á inscrición do centro, sito en Lourizán, s/n, 36153 Pontevedra, e pertencente á dita entidade mercantil, no Rexistro Galego de Centros Adheridos ao Sistema de Xestión e Auditoría Ambiental co número ES-GA-000022.

O 17 de novembro de 2006 renovouse no rexistro a declaración ambiental do ano 2005, na cal constaba que a próxima declaración se editará en xuño de 2007, para proceder novamente á súa validación, e na resolución de renovación estableceuse como data límite para a súa presentación o 30 de xuño de 2007. Unha vez rematado este prazo, non se recibiu por parte de Electroquímica del Noroeste, S.A.U. ningún tipo de comunicación.

Con data do 7.2.2011 enviouse comunicación escrita á dita entidade mercantil, mediante notificación con xustificante de recepción, na cal se informaba de que, de non recibir ningún tipo de documentación ou comunicación relativa ao mantemento no rexistro no prazo de tres meses contados a partir da recepción do escrito, se procederá a dala de baixa no Rexistro Galego de Centros Adheridos ao Sistema Comunitario de Xestión e Auditoría Medio Ambiental (EMAS). Non se recibiu ningunha documentación ao respecto por parte de Electroquímica del Noroeste, S.A.U. no prazo concedido e, así mesmo, superáronse os 3 anos desde a última declaración ambiental presentada.

Considerando que o artigo 14.1 do Decreto 185/1999, do 17 de xuño, polo que se establece o procedemento para a aplicación na Comunidade Autónoma galega dun sistema voluntario de xestión e auditoría ambiental (EMAS), dispón: 1. Unha vez inscrito o centro no rexistro, se este non presentase a seguinte declaración ambiental validada no prazo fixado pola propia empresa na súa solicitude, que en ningún caso será superior a tres anos, e non pagase a taxa de rexistro, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cancelará a inscrición do centro no rexistro, e informará de tal medida a dirección do centro.

Tendo en conta tamén que o parágrafo 5 do mesmo precepto establece: 5. A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, antes de ordenar a suspensión ou cancelación da inscrición dun centro do rexistro, daralle trámite de audiencia ao interesado, concedéndolle un prazo de quince días para que presente as alegacións, documentos e xustificacións que considere oportunas. A resolución que acorde a suspensión ou cancelación da inscrición dun centro do rexistro será motivada e notificaráselle á Dirección do centro e ao Rexistro de Establecementos Industriais.

Este trámite de audiencia, así como a posterior resolución que se emita, correspóndelle ao secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, segundo os artigos 12 ao 14 do Decreto 185/1999, do 17 de xuño, polo que se establece o procedemento para a aplicación na Comunidade Autónoma galega dun sistema voluntario de xestión e auditoría ambiental, e o Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Ao abeiro do disposto no artigo 14.5 do devandito Decreto 185/1999, do 17 de xuño, concédese un prazo de quince días para formular alegacións e achegar os documentos e xustificacións que consideren convenientes, contado desde a notificación do presente acordo para achegar cantas alegacións, documentos ou informacións consideren convenientes, como trámite previo á resolución de cancelación da inscrición no dito Rexistro Galego de Centros Adheridos ao Sistema de Xestión e Auditoría Ambiental (EMAS).

Vistos os preceptos sinalados e demais de xeral e pertinente aplicación, esta Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en virtude da competencia que lle outorga o Decreto 185/1999, do 17 de xuño, polo que se establece o procedemento para a aplicación na Comunidade Autónoma galega dun sistema voluntario de xestión e auditoría ambiental, e o Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas,

ACORDA:

Darlle un trámite de audiencia á entidade mercantil Electroquímica del Noroeste, S.A.U., co CIF A-36002541, no seu centro de Lourizán, s/n, 36153 Pontevedra, concedéndolle un prazo de quince días contados desde a notificación do presente escrito para formular alegacións e achegar os documentos e as xustificacións que considere convenientes.

Notifíqueselle á interesada, coa mención expresa dos requisitos exixidos polo artigo 58.2 da dita Lei 30/1992, na súa redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2012.

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental