Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Mércores, 25 de abril de 2012 Páx. 15223

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución dunha instalación solar fotovoltaica que Invest Cos, S.A. promove na cuberta do centro comercial Marineda City, no concello da Coruña.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 29 de marzo de 2011, Invest Cos, S.A. solicitou autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución dunha instalación solar fotovoltaica que promove na cuberta do centro comercial Marineda City, no concello da Coruña.

Segundo. Por Resolución do 24 de novembro de 2011 da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña sométese a información pública a dita solicitude, que se publicou con data do 16 de decembro de 2011 no Boletín Oficial da provincia da Coruña n.º 238 e no Diario Oficial de Galicia n.º 239, sen que conste que se presentase alegación ningunha.

Terceira. As características técnicas principais da instalación son as seguintes:

– Instalación solar fotovoltaica de 429,9 kW de potencia nominal (504,24 kWp), con 2.101 módulos de 240 Wp, 4 inversores de 100 kW e 1 inversor de 29,9 kW e equipamento de protección e medida en baixa tensión.

– 2 centros de transformación sobre cubertas dos núcleos n.º 3 e n.º 5, tipo seco, de potencias unitarias 250 kVA, relación de transformación 15-20/0,420 kV, e celas de liña e protección.

– Liña de media tensión a 15 kV, cunha lonxitude de 186 m en canalización soterrada e montantes, condutor tipo R.H.Z.1-2OL-12/20 kV-3 (1×95 mm2 Al) con orixe no centro de transformación situado no núcleo 3 e final no centro de seccionamento situado no núcleo 7, no soto -1.

– Liña de media tensión a 15 kV, cunha lonxitude de 464 m en canalización soterrada e montantes, condutor tipo R.H.Z.1-2OL-12/20 kV-3 (1×95 mm2 Al) con orixe no centro de transformación situado no núcleo 5 e final no centro de seccionamento situado no núcleo 7, no soto -1.

– Centro de seccionamento de tipo interior, situado no núcleo 7 no soto -1, equipado con 3 celas de liña de entrada, 1 de saída, 1 de medida e 1 de protección.

– Conexión do centro de seccionamento coa rede de distribución de Unión Fenosa Distribución, S.A., en nova cela a equipar no C.S. 15CGHJ GRN715, mediante condutor tipo R.H.Z.1-2OL-12/20 kV-3 (1×400 mm2 Al), cunha lonxitude de 15 m.

Cuarto. Con data do 27 de xaneiro de 2012, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña emitiu informe favorable á solicitude presentada.

Quinto. Con datas do 29 de febreiro e do 28 de marzo de 2012, Invest Cos, S.A. presenta documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 28 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, atribúe á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de enerxía.

Segundo. O artigo 28 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, establece que a construción, explotación, modificación substancial, a transmisión e o peche de instalacións de produción de enerxía eléctrica en réxime especial estará sometida ao réxime de autorización administrativa previa, que terá carácter regrado, correspondendo o seu outorgamento á Administración autonómica.

Terceiro. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, no Real decreto 661/2007, do 25 de maio, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Autorizar administrativamente a Invest Cos, S.A. unha instalación solar fotovoltaica que promove na cuberta do centro comercial Marineda City, no concello da Coruña.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución da citada instalación «Proxecto de execución de instalación solar fotovoltaica sobre cuberta», asinado polos enxeñeiros industriais Hugo Ramos Rodríguez e Luis Corrochano Corrochano, colexiados n.º 2144 e 2079, e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia o 2 de marzo de 2011 co número C0110522, e os seus anexos I e II, asinados polos citados enxeñeiros e visados respectivamente con datas do 3 de xuño de 2011 e do 9 de novembro de 2011 cos números C0111323 e C0112574.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto que por esta resolución se aproba, e referido no punto segundo da súa parte dispositiva.

Segunda. O titular da instalación deberá notificar á Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, con carácter previo á súa realización, calquera modificación que afecte o proxecto. Para modificacións que afecten datos básicos deste, será necesaria a autorización previa da Consellería de Economía e Industria.

Terceira. O prazo para a posta en servizo das instalacións que se autorizan será de doce meses contados a partir da data de notificación da presente resolución.

Cuarta. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, o promotor presentará unha solicitude de acta de posta en servizo de acordo co establecido no artigo 132.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, perante a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, co fin de que esta proceda a efectuar a inspección da totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificar o cumprimento dos compromisos contraídos por Invest Cos, S.A.

Quinta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Sexta. Como requisito necesario para a aplicación do réxime especial á devandita instalación, o titular deberá solicitar a súa inscrición no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola Orde da Consellaría de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14 de xullo).

Sétima. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización como consecuencia do incumprimento das condicións impostas nesta, así como en calquera outra lexislación vixente que sexa de aplicación.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2012.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas