Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Mércores, 25 de abril de 2012 Páx. 15205

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 20 de xaneiro de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente a planta de coxeración situada no concello de Narón (A Coruña) titularidade de Polipropileno de Galicia, S.A.U.

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 28 de febreiro de 2011, Francisco Hurtado López, actuando en nome e representación de Polipropileno de Galicia, S.A.U., solicitou a autorización administrativa para unha instalación de coxeración no polígono industrial A Gándara, 114-118, Narón (A Coruña).

Segundo. Por Acordo do 25 de abril de 2011, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, someteuse a información pública a autorización administrativa das instalacións eléctricas no concello de Narón (expediente IN408A 2011/3), que se publicou no BOP da Coruña n.º 87 do 9 de maio e no DOG n.º 130, do 7 de xullo de 2011, coas seguintes características básicas:

Solicitante: Polipropileno de Galicia, S.A.U.

Domicilio social: polígono industrial A Gándara 114-118 Par, Narón, 15570 (A Coruña).

Denominación: instalación de coxeración.

Situación: polígono industrial A Gándara 114-1148 Par, Narón 15570 (A Coruña).

Descricións técnicas:

Planta de coxeración eléctrica constituída por:

– Motor de combustión interna de 1.000 kW alimentado por gas natural.

– Alternador de 1.000 kW, 1.250 kVA e 0,4 kV de tensión de xeración.

– Centro de transformación de 1.250 kVA de 0,4/15 kV.

– Aparellaxe de protección, mando, sinalización e medida.

Esta dirección xeral non ten constancia de que se presentase ningunha alegación.

Terceiro. O 3 de novembro de 2011 a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña emitiu informe favorable á solicitude achegada.

Cuarto. O 5 de decembro de 2011 a Subdirección Xeral de Enerxía requiriu á mercantil peticionaria documentación necesaria para o fin pretendido.

Quinto. O 22 de decembro de 2011 e o 2 de xaneiro de 2012 a sociedade titular achegou a información que lle fora requirida.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 28 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, establece que a construción, explotación, modificación substancial, a transmisión e o peche de instalacións de produción de enerxía eléctrica en réxime especial estará sometida ao réxime de autorización administrativa previa, que terá carácter regrado, correspondendo o seu outorgamento á Administración autonómica.

Segundo. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no artigo 28 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG do 17 de xuño), que atribúe á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de enerxía, modificado polo Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG do 5 de xaneiro).

Terceiro. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, no Real decreto 661/2007, do 25 de maio, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Autorizar administrativamente a instalación de coxeración titularidade de Polipropileno de Galicia, S.A.U., situada no polígono industrial da Gándara, no concello de Narón, (A Coruña), de acordo co anteproxecto instalación de coxeración. Polipropileno de Galicia, SAU. Poligal, asinado polo enxeñeiro industrial Alejandro Allegue Alvedro e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia o 15.2.2011 co número CO110358.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. Polipropileno de Galicia, S.A.U. achegará ante a xefatura territorial da Consellaría de Economía e Industria da Coruña, no prazo de seis meses contado a partir da data de publicación no DOG da presente resolución, o proxecto de execución da devandita instalación de coxeración autorizada.

Segunda. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, ou por incumprimento das condicións impostas.

Terceira. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Cuarta. Como requisito necesario para a aplicación do réxime especial á devandita instalación, o titular e/ou o explotador deberá solicitar a súa inscrición previa e definitiva no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14 de xullo), para o cal acreditará o cumprimento das condicións previstas nos artigos 11 e 12 do Real decreto 661/2007, do 25 de maio, e presentará a documentación que figure nas instrucións que dite esta dirección xeral en desenvolvemento da citada orde.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2012.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas