Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Martes, 24 de abril de 2012 Páx. 14974

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 9 de abril de 2012 pola que se convocan probas selectivas para o ingreso na escala administrativa, subgrupo C1, desta universidade pola quenda de promoción interna.

Existindo prazas de adscrición indistinta aos subgrupos C1 e C2 ocupadas por persoal pertencente a corpos ou escalas do subgrupo C2, e coa finalidade de facilitar a promoción deste persoal que ocupa prazas na escala auxiliar, aínda mantendo os seus propios postos de traballo, de acordo co Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, co Real decreto 364/1995, do 10 de marzo e de conformidade co disposto nos estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto 28/2004, do 22 de xaneiro, da Xunta de Galicia.

O reitor, no uso das atribucións conferidas polo artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, así como nos estatutos da USC, resolve convocar probas selectivas para o ingreso na escala administrativa da USC pola quenda de promoción interna, con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir 37 prazas na escala administrativa da USC, subgrupo C1, pola quenda de promoción interna.

1.2. De conformidade coa disposición transitoria terceira da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, o subgrupo C2, é equivalente ao anterior grupo D.

1.3. Esta convocatoria non xerará prazas vacantes no corpo ou escala auxiliar da que procedan as persoas aspirantes.

1.4. As prazas convocadas terán o seu destino nas localidades de Santiago de Compostela e Lugo.

1.5. O sistema de selección das persoas aspirantes será o de concurso-oposición. No que se refire as probas e valoracións axustaranse ao que se especifica no anexo I.

1.6. O programa que rexerá para a fase de oposición é o que figura no anexo II desta convocatoria.

1.7. Na realización destas probas selectivas aplicaranse as seguintes normas e os seus desenvolvementos regulamentarios: Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público; Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública; Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de función pública de Galicia; os estatutos da USC, aprobados polo Decreto 28/2004, do 22 de xaneiro, da Xunta de Galicia, e as bases desta convocatoria.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. Para seren admitidas á realización das probas selectivas as persoas aspirantes deberán posuír no día de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata a data de toma de posesión como persoal funcionario do subgrupo C1, os seguintes requisitos:

a) Ser español ou ter a condición de nacional dun Estado membro da Unión Europea.

b) Ter cumpridos os 16 anos e non ter acadada a idade de xubilación.

c) Estar en posesión do título de bacharelato, técnico, bacharelato superior, formación profesional de segundo grao ou equivalente.

Así mesmo, considéranse equivalentes para os efectos desta convocatoria:

– Ter aprobadas as probas de acceso á Universidade para maiores de vinte e cinco anos ou estar en condicións de obter o certificado correspondente na data na que remate o prazo de presentación de solicitudes.

– De conformidade co establecido no Regulamento de ingreso do persoal ao servizo da Administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional, Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, na súa disposición adicional novena, ter unha antigüidade de 10 anos nun corpo ou escala do grupo D, ou ter unha antigüidade de cinco anos e superar un curso específico de formación.

d) Ser persoal funcionario de carreira da escala auxiliar, subgrupo C2, en servizo activo, con destino definitivo ou en adscrición provisional na USC e posuír unha antigüidade de, polo menos dous anos, como funcionario/a de carreira no devandito corpo ou escala. Así mesmo, poderán participar nesta convocatoria, cos mesmos requisitos de titulación e antigüidade exixidos ao persoal funcionario do corpo ou escala do subgrupo C2, o persoal laboral fixo que preste servizos en postos de traballo reservados a persoal funcionario.

e) Será requisito indispensable para o ingreso, ter acreditada a aptitude médica para o desempeño. Para estes efectos a persoa aspirante declarará ao facer a solicitude de participación no proceso selectivo, que nesa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto, e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar o traballo propio da escala á que pretende incorporarse.

f) Non estar separado/a do servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio da función pública, nin sancionado/a coa suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas.

g) Aboar as taxas por dereitos de exame, agás o previsto na base 3.4.2 desta convocatoria, para as persoas discapacitadas e para os membros de familias numerosas.

3. Solicitudes.

3.1. Quen desexe participar nestas probas selectivas deberá solicitalo ao reitor da USC en instancia segundo o modelo que figura como anexo IV desta convocatoria, no prazo de vinte días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A solicitude presentarase acompañada da seguinte documentación:

– Fotocopia do DNI ou do pasaporte.

– Fotocopia do certificado de coñecemento de lingua galega (Celga 4 ou certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega). As persoas aspirantes que non presenten esta acreditación deberán realizar a proba de lingua galega prevista no anexo I.

3.2. A xerencia expedirá de oficio, certificación que acreditará: a antigüidade recoñecida, o nivel de complemento de destino do posto que se desempeñe con carácter definitivo e os cursos de formación recibidos ou impartidos que figuren no expediente persoal. Esta certificación engadirase á solicitude presentada pola persoa aspirante. Os méritos da fase de concurso valoraranse con referencia á data do peche do prazo de presentación de solicitudes.

3.3. A presentación de solicitudes farase no rexistro xeral da USC, situado na Reitoría da USC (Colexio de San Xerome. Praza do Obradoiro s/n, Santiago de Compostela); no rexistro do Campus de Lugo, situado no edificio de Servizos Administrativos e Biblioteca Intercentros (avenida de Bernardino Pardo Ouro s/n, Polígono Fingoi, Lugo); ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3.4. Os dereitos de exame serán de 30,56 euros, que se ingresarán na conta de Novagalicia Banco oposicións número 2080 0388 20 3110000646. Para realizar o ingreso deberá utilizarse por triplicado o modelo de solicitude que figura como anexo IV.

En ningún caso a presentación e pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude.

3.4.1. Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen os dereitos de exame dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes, non concedéndose ningún prazo adicional para o seu aboamento.

3.4.2. Estarán exentas do pagamento da taxa por dereitos de exame aquelas persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33% e tamén as que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial. Así mesmo, gozarán dunha bonificación do 50% da taxa, os membros de familias numerosas de categoría xeral. Estas circunstancias deberán ser acreditadas documentalmente xunto coa solicitude, presentando copia orixinal ou compulsada da cualificación do grao de discapacidade ou do carné de familia numerosa, segundo corresponda.

3.4.3. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer constar a entidade bancaria e o número de conta no recadro que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.

3.5. Co fin de garantir a participación en condicións de igualdade, aquelas persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33% indicarán na súa solicitude as necesidades de adaptacións específicas e o seu motivo.

4. Admisión de persoas aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor da USC ditará resolución, declarando aprobada a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas. Nesta resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o lugar no cal se atopa exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, na cal constarán o nome e apelidos das persoas excluídas, o número de DNI, así como as causas que motivaran a exclusión e o prazo para reparalas.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas, disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución no Diario Oficial de Galicia, para poder emendar os defectos que motivaran a exclusión.

4.3. As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídas na relación de admitidas, serán definitivamente excluídas da realización das probas.

4.4. Na resolución que aprobe a listaxe definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o día, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio. Esta resolución esgotará a vía administrativa, podendo interpoñer contra ela recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou recurso potestativo de reposición diante do reitor no prazo dun mes, de acordo co previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4.5. O feito de figurar na listaxe de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión dos requisitos exixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 8.

5. Tribunal cualificador.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura como anexo III a esta convocatoria e terá a categoría segunda das recollidas no Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón de servizo.

O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5.2. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da USC.

5.3. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ao reitor da universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou se realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

A presidenta poderá solicitar dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estar incurso nas circunstancias previstas no dito artigo.

Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorran algunhas das circunstancias antes citadas.

5.4. Antes do inicio das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia resolución pola que se nomean os novos membros do tribunal que vaian substituír os que teñan perdida a súa condición por algunha das causas previstas na base 5.3.

5.5. Logo da convocatoria da presidenta, constituirase o tribunal, coa asistencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes. Na dita sesión o tribunal acordará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.6. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presenza da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes.

5.7. Dentro da fase de oposición o tribunal resolverá todas as dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

5.8. O órgano convocante, por proposta do tribunal, poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide pertinentes, limitándose a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. Os devanditos asesores deberán posuír titulación de igual ou superior nivel á exixida nesta convocatoria. O seu nomeamento farase público, e seranlles de aplicación as causas de abstención e recusación, ao igual que aos restantes membro do tribunal.

Así mesmo, o tribunal poderá dispoñer a incorporación, con carácter temporal, doutros/as funcionarios/as para colaborar no desenvolvemento do proceso selectivo, de acordo co previsto no artigo 12.4 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

5.9. O tribunal adoptará as medidas precisas para que as persoas aspirantes a que se refire o punto 3.5 participen en condicións de igualdade. Para tal efecto, o órgano de selección poderá requirir un informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou de órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar. Para os efectos de valorar a procedencia da concesión das adaptacións solicitadas, requirirase da persoa aspirante o correspondente certificado ou información adicional. A adaptación non se outorgará de forma automática, senón unicamente naqueles casos nos que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vai realizar.

5.10. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes que consignen nas follas de exame, o seu nome, trazos, marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

5.11. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron o proceso selectivo un número superior de persoas aspirantes que o das prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra Z de conformidade co establecido na Resolución do 7 de febreiro de 2012 da Consellería de Facenda.

6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en único chamamento, e serán excluídas da oposición as que non comparezan, agás nos casos de forza maior debidamente xustificados e considerados polo tribunal.

6.3. A publicación dos sucesivos anuncios de celebración dos demais exercicios efectuarase nos locais onde se realizara o primeiro deles así como na Reitoría da Universidade, na páxina web http://www.usc.es/xerencia/tribunais/tribunais.htm, ou por calquera outro medio que se considere conveniente para asegurar a súa máxima divulgación, cunha antelación de, polo menos, vinte e catro horas, á sinalada para o seu inicio.

6.4. O tribunal poderá requirir, en calquera momento do proceso selectivo, a acreditación da identidade das persoas aspirantes. Así mesmo, se tivese coñecemento de que algunha das persoas aspirantes non cumpre calquera dos requisitos exixidos na convocatoria, deberá propoñer a súa exclusión ao reitor da USC, logo de audiencia da persoa interesada.

Contra a exclusión da persoa aspirante, poderase interpor recurso perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da súa exclusión.

7. Listaxe de aprobados.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública, no lugar ou lugares da súa celebración, na sede do tribunal, na páxina web http://www.usc.es/xerencia/tribunais/tribunais.htm e naqueloutros que coide oportunos, a relación de persoas aspirantes que acadaran o mínimo establecido para superalo, con indicación da puntuación obtida e do documento acreditativo da identidade.

7.2. As persoas aspirantes disporán de 3 días hábiles, contados a partir do día seguinte á realización de cada exercicio, para presentar reclamacións ás preguntas formuladas polo tribunal no correspondente exercicio.

7.3. Así mesmo, as persoas aspirantes disporán de 7 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación das puntuacións do exercicio correspondente, para presentar reclamacións ás cualificacións.

7.4. A listaxe coa valoración de méritos da fase de concurso publicarase unha vez realizado o derradeiro exercicio da fase de oposición.

7.5. A cualificación final realizarase de acordo co previsto no anexo I desta convocatoria.

7.6. O tribunal fará pública a listaxe de persoas aspirantes que, segundo a orde da puntuación acadada por cada unha delas fosen seleccionadas, e que en ningún caso poderá conter un número de persoas candidatas superior ao das prazas convocadas.

7.7. Finalizado o proceso selectivo, o/a presidente/a do tribunal elevará ao reitor, a relación definitiva de persoas aspirantes aprobadas por orde de puntuación, na que constarán as cualificacións obtidas en cada unha das fases: oposición e concurso.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte a aquel no que se fixese pública a relación definitiva de persoas aprobadas na Reitoría da Universidade, as persoas aspirantes que figuren nela deberán presentar no Servizo de Planificación e Programación do PAS (Casa da Balconada, Rúa Nova n.º 6, Santiago de Compostela) a documentación requirida para proceder ao nomeamento como persoal funcionario de carreira da escala administrativa, que non se atope suficientemente acreditada no seu expediente.

8.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar os documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.3. Quen, dentro do prazo fixado, e salvo o caso de forza maior, non presentase a documentación ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser nomeado/a funcionario/a de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

9. Nomeamento de funcionarios/as de carreira.

9.1. Concluído o proceso selectivo, as persoas aspirantes que o superasen serán nomeadas funcionarias de carreira da escala administrativa, mediante resolución reitoral que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

9.2. Dadas as peculiaridades deste proceso de promoción interna, exclúese da adxudicación de destino pola orde de puntuación obtida no proceso selectivo. Ás persoas aspirantes que superen o concurso-oposición adxudicaráselles con carácter definitivo o mesmo posto do que son titulares.

9.3. A toma de posesión efectuarase no prazo dun mes, a partir da publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

10. Listaxe de espera.

10.1. Elaborarase unha listaxe de espera coas persoas aspirantes que superen algún exercicio da fase de oposición distinto do de galego.

Para estes efectos, e co fin de determinar a opción por campus, as persoas aspirantes presentarán a solicitude que figura como anexo V desta convocatoria, xunto coa solicitude de admisión ás probas selectivas.

11. Norma derradeira.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer un recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo antedito mentres non recaia resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2012.

Juan José Casares Long
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I
Denominación das prazas: escala administrativa

O sistema selectivo será o de concurso-oposición e constará das seguintes fases:

I. Fase de oposición: consistirá na realización dos exercicios que a continuación se indican e todos eles terán carácter obrigatorio e eliminatorio.

As persoas aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio co DNI ou outro documento que, a xuízo do tribunal, permita acreditar fidedignamente a súa identidade.

Primeiro exercicio: estarán exentas de realizar este exercicio, as persoas aspirantes que acreditaran documentalmente xunto coa solicitude, estar en posesión do certificado Celga 4 ou do certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega.

Este exercicio terá a seguinte estrutura:

Primeira proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión escrita.

As persoas aspirantes deberán redactar un texto seguindo unhas indicacións que se lle facilitarán por escrito. A elaboración do texto deberá basearse na comprensión dun texto escrito ou na comprensión dun fragmento de audio ou audio-vídeo.

A duración máxima desta proba será de noventa minutos.

Segunda proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión oral.

As persoas aspirantes deberán ler un texto ou escoitar un fragmento de audio ou audio-vídeo, e a seguir, nunha entrevista co examinador, pediráselles que resuman o input e que manteñan un diálogo ao respecto do input recibido, de modo que poida ser avaliada a súa produción oral.

A duración máxima desta proba será de quince minutos por persoa aspirante.

Para superar este exercicio será necesario acadar o resultado de apto.

Segundo exercicio: consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de 75 preguntas tipo test con 3 respostas alternativas das que só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes ao programa que figura como anexo II desta convocatoria.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será de 75 minutos.

Este exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos, sendo necesario para superalo, obter un mínimo de 15 puntos.

Para a realización desta proba, cómpre presentarse provistos do correspondente lapis do número 2 e goma de borrar.

Terceiro exercicio: consistirá na realización de dous supostos prácticos que se elixirán entre tres propostos polo tribunal. Cada suposto basearase nunha área das que figuran no programa do anexo II e estará desagregado en 15 preguntas tipo test, con tres respostas alternativas das que só unha será a correcta.

O tempo máximo para a súa realización será de 90 minutos.

A puntuación deste exercicio será de 0 a 40 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo de 20 puntos.

II. Fase de concurso: consistirá na valoración ás persoas aspirantes que superaron a fase de oposición, dos seguintes méritos referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Antigüidade: máximo 10 puntos.

– Por cada ano completo de servizos prestados: 0,65 puntos.

– Por cada mes completo de servizos prestados que reste: 0,054 puntos.

Nivel de complemento de destino: máximo 20 puntos.

Tanto para o persoal funcionario como para o laboral fixo, valorarase o nivel de complemento de destino correspondente ao posto de traballo que se desempeñe con carácter definitivo ou en adscrición provisional na data de remate do prazo de presentación de solicitudes, de acordo coa seguinte táboa:

Nivel

Puntos

22

20

21

19

20

18

19

17

18

16

17

15

16

14

15

13

No caso de non ser titular dun posto definitivo, puntuarase o grao persoal consolidado, e non tendo grao consolidado atenderase ao mínimo correspondente á escala á que pertenza a persoa funcionaria.

A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición máis a obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida no anexo I.

No suposto de que existise empate nas puntuacións de dúas ou máis persoas aspirantes, aquel resolverase a favor de quen obtivese unha maior puntuación na fase de oposición, e se isto non fose suficiente, pola maior puntuación obtida no terceiro exercicio, no segundo exercicio e na fase de concurso, por esta orde ata que se resolva o empate.

ANEXO II
Programa

I. Dereito administrativo.

1. As fontes do dereito administrativo. Concepto. Clases de fontes. A xerarquía das fontes.

2. A Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común: ámbito de aplicación. Os órganos das administracións públicas. Órganos colexiados.

3. Os interesados no procedemento. Dereitos dos cidadáns. Dereito de acceso a arquivos e rexistros. Acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

4. O procedemento administrativo: iniciación, ordenación, instrución e terminación. Termos e prazos.

5. O acto administrativo: concepto, clases e elementos. A motivación e a forma. O silencio administrativo e os actos presuntos. Eficacia do acto administrativo. A notificación e a publicación. Invalidez dos actos: actos nulos e actos anulables.

6. Os recursos administrativos: concepto e clases. Recursos de alzada, de reposición e de revisión.

7. Os contratos administrativos: concepto e clases. Estudo dos seus elementos. O seu cumprimento.

8. A Lei de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos: réxime xurídico da administración electrónica. Identificación dos cidadáns e autenticación da súa actuación. A Lei orgánica de protección de datos: estrutura e contido.

II. Xestión financeira.

1. Lei xeral orzamentaria: estruturas orzamentarias.

2. Dos créditos e das súas modificacións: créditos extraordinarios e suplementos de créditos. Créditos ampliables. Transferencias de crédito. Incorporación de créditos. Xeración de créditos. Anticipos de tesouraría.

3. O procedemento administrativo de execución do orzamento de gasto. Fases do procedemento e os seus documentos contables. A ordenación do pagamento: concepto e competencia. Realización do pagamento: modos e perceptores.

4. O orzamento da Universidade de Santiago de Compostela: estrutura, contido e procedemento de aprobación.

III. Recursos humanos.

1. O Estatuto básico do empregado público: obxecto e ámbito de aplicación. Clases de persoal ao servizo das administracións públicas. Dereitos e obrigas. Código de conduta dos empregados públicos.

2. A oferta de emprego público. Selección de persoal. Adquisición e perda da condición de funcionario público. Políticas públicas para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

3. Provisión de postos de traballo na función pública. A carreira profesional. Situacións administrativas do persoal funcionario.

4. O persoal laboral ao servizo das administracións públicas: dereitos e deberes laborais básicos. Clasificación profesional e promoción no traballo. Mobilidade funcional e xeográfica. Os dereitos de representación colectiva e de reunión dos traballadores na empresa. A negociación dos convenios colectivos.

IV. Organización e xestión universitaria.

1. A Lei orgánica de universidades.

2. Os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.

3. O Espazo Europeo de Educación Superior: definición e obxectivos. Declaracións de referencia. O proceso de Boloña.

4. O acceso á universidade. A ordenación das ensinanzas universitarias oficiais. Sistema europeo de créditos (ECTS). O suplemento europeo ao título. As ensinanzas oficiais de doutoramento.

ANEXO III
Tribunal

Tribunal titular:

Presidenta: Rosa María Fernández Somoza, funcionaria de carreira da escala de xestión da USC.

Vogais:

Xosé Delfín Pérez González, funcionario de carreira da escala de xestión da USC.

Ana María Brao Viña, funcionaria de carreira da escala de xestión da USC.

José Antonio Delgado Suárez, funcionario de carreira da escala administrativa da USC.

Secretaria: María Obdulia Lareo Currás, funcionaria de carreira da escala administrativa da USC.

Tribunal suplente:

Presidente: Elías Suárez González, funcionario de carreira da escala de xestión da USC.

Vogais:

Carmen Ríos López, funcionaria de carreira da escala de xestión da USC.

Jacinto Gamallo Theodosio, funcionario de carreira da escala de xestión da USC.

Manuel Fernández Iglesias, funcionario de carreira da escala administrativa da USC.

Secretaria: Amalia Díaz Sánchez, funcionaria de carreira da escala administrativa da USC.

missing image file
missing image file