Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Martes, 24 de abril de 2012 Páx. 14933

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 115/2012, do 12 de abril, polo que se aproba o cambio de titularidade da estrada autonómica LU-130 a prol do Concello de Mondoñedo.

Segundo o previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei dispón no artigo 54, en consonancia co artigo único do Decreto 308/2003, do 26 de xuño, polo que se aproba a relación de estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, que as estradas autonómicas ou provinciais ou treitos determinados delas en que a circulación adquira características urbanas se lles, entregarán aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da Administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo do acordo ou convenio entre as administracións implicadas.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e o Concello de Mondoñedo asinaron un convenio de colaboración o día 27 de xullo de 2001 para levar a cabo a urbanización das rúas San Lucas e Julia Pardo.

Segundo o establecido no artigo 5 da Lei 4/1994, de estradas de Galicia, este convenio actúa como acordo entre as partes.

Ao abeiro das previsións legais, a Subdirección Xeral de Planificación e Programación dependente da Dirección Xeral de Infraestruturas, emite informe favorable sobre o cambio de titularidade da totalidade da estrada LU-130 dunha lonxitude total de 1,08 km.

Polo exposto, consonte o previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día doce de abril de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Apróbase o cambio de titularidade, a prol do Concello de Mondoñedo, da totalidade da estrada LU-130, cunha lonxitude de 1,08 km.

Artigo 2.

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, as entidades locais, no marco das súas competencias, e de acordo cos correspondentes plans de estradas, aprobarán a relación de estradas da súa titularidade. De acordo co exposto, o Concello de Mondoñedo deberá incorporar ao seu plan de estradas á vía a que se refire este decreto.

Artigo 3.

A entrega da vía formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4.

Correspóndelle ao Concello de Mondoñedo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que poida corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira única.

Este decreto producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de abril de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas