Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Martes, 24 de abril de 2012 Páx. 14935

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 116/2012, do 12 de abril, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción: mellora da intersección na AC-424, p.q. 1+550, coa DP-6803. Acceso de Balarés, no concello de Ponteceso (clave AC/12/003.06).

Con data do 27 de marzo de 2012, a Axencia Galega de Infraestruturas resolveu aprobar o proxecto de construción: mellora da intersección na AC-424, p.q. 1+550, coa DP-6803. Acceso de Balarés, no concello de Ponteceso (clave AC/12/003.06).

O obxecto deste proxecto é a construción dunha glorieta na intersección entre a estrada autonómica AC-424, no p.q. 1+550, coa estrada provincial DP-6308, en Ponteceso. A primeira destas vías pertence á rede primaria complementaria da rede de estradas da Xunta de Galicia.

A xustificación da urxencia de ocupación dos bens e dereitos precisos para a execución desta actuación vén motivada pola necesidade de mellorar a seguridade viaria e a visibilidade na citada intersección, xa que existen graves problemas en períodos estivais, debido ao forte incremento do tráfico de vehículos que circulan cara á praia de Balarés pola estrada provincial, o cal provoca un conflito co tráfico proveniente de Corme pola estrada autonómica AC-424.

A competencia para efectuar a declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia, en virtude do artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación ao departamento competente, actualmente a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación con previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de abril de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único.

Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a súa execución, para os efectos de expropiación do proxecto de construción: mellora da intersección na AC-424, p.q. 1+550, coa DP-6803. Acceso de Balarés, no concello de Ponteceso (clave AC/12/003.06).

Santiago de Compostela, doce de abril de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas