Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Xoves, 19 de abril de 2012 Páx. 14135

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 111/2012, do 8 de marzo, polo que se acorda a transacción con Brenntag Química, S.A.U. e Chartis Europe, S.A., en relación coa acción civil da Xunta de Galicia derivada do sinistro acaecido o 1 de setembro de 2006 nas instalacións de Brenntag Química, S.A.U., en Caldas de Reis.

O día 1 de setembro de 2006 produciuse unha explosión no interior das instalacións da entidade Brenntag Química, S.A. (en adiante Brenntag), situadas na estrada nacional N-640, marxe esquerda da dita vía en sentido Vilagarcía de Arousa, nas inmediacións do río Umia, no concello de Caldas de Reis. Como consecuencia desa explosión, produciuse unha vertedura dos produtos que existían en tales instalacións ao río Umia que requiriu dunha serie de actuacións da Xunta de Galicia.

Para o esclarecemento dese feitos desde o punto de vista penal abríronse as dilixencias previas 577/2006 no Xulgado de Instrución número 2 de Caldas de Reis. En tales dilixencias compareceu a Xunta de Galicia para os efectos do exercicio das accións penais e civís.

Mediante o auto dese xulgado instrutor do 17 de marzo de 2011 decretouse a apertura de xuízo oral contra tres empregados de Brenntag por delito contra os recursos naturais e o ambiente, cometidos por omisión ou imprudencia grave. Consta tamén no proceso que a aseguradora de Brenntag é Chartis Europe, S.A.

Unha vez aberto o xuízo oral, as diferentes partes presentaron os seus escritos, de defensa ou acusación, segundo correspondeu. No caso da Xunta de Galicia presentouse escrito de acusación onde se exerce a acción penal e a civil, en concepto de custos de actuación e ecolóxicos, con base na cuantificación no seu día remitida pola Xunta de Galicia aos autos.

O xuízo oral foi repartido ao Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra, P.A 206/11.

O 5 de marzo de 2012 preséntase escrito de Chartis Europe, S.A. e Brenntag Química, S.A.U. do 2 de marzo de 2012, cunha proposta de indemnización e, de ser aceptada, a ulterior renuncia pola Xunta de Galicia ao exercicio das accións civís derivadas do evento descrito.

Logo da análise da proposta de transacción efectuada, a Xunta de Galicia considera, tras os informes elaborados, máis adecuada ao interese público unha solución extraxudicial, para o cal é preciso formalizar un acordo de transacción.

Sobre a oportunidade da transacción, polas razóns que se dan para a súa adopción, emitiu informe en sentido favorable a Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Secretaría Xeral Técnica e da Dirección da entidade pública empresarial Augas de Galicia.

Polo exposto, as partes teñen a vontade de chegar a esta solución extraxudicial no sentido da proposta efectuada, que implica, en síntese, o aboamento, por parte de Brenntag Química, S.A.U. e Chartis Europe, S.A., dunha indemnización en concepto de responsabilidade civil reclamada no procedemento penal aludido e a desistencia por parte da Xunta de Galicia das accións civís que puideren corresponderlle como consecuencia do sinistro ocorrido fronte a estas entidades, pero sen afectar o exercicio da acción penal da Xunta de Galicia no referido procedemento abreviado.

De conformidade co disposto no artigo 22.1.º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a transacción require decreto do Consello da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, sobre a que emitiu informe a Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e que foi fiscalizada pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de marzo de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1. Transacción.

Autorizar a transacción coa empresa Brenntag Química, S.A.U. e Chartis Europe, S.A. nos seguintes termos:

1.º Brenntag Química, S.A.U. e Chartis Europe, S.A. procederán, en concepto da responsabilidade civil reclamada pola Xunta de Galicia no Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra, P.A 206/11, ao aboamento dunha indemnización consistente no pagamento da cantidade de cinco millóns cincocentos mil euros (5.500.000 euros) á Xunta de Galicia, así como ao aboamento do proxecto denominado Migranet, desenvolto pola Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con para o desenvolvemento do plan de traballo de diagnoses e o seguimento da recuperación do río Umia desde o 1 de xaneiro de 2013 ao 31 de decembro de 2017. Neste plan de traballo, as mercantís asinantes non terán ningunha intervención e dos seus resultados non derivará ningunha responsabilidade para elas.

2.º Unha vez cumpridos os compromisos recollidos no punto anterior, a Xunta de Galicia procederá a renunciar ás accións civís exercidas no procedemento abreviado número 206/11 citado, así como ao exercicio de calquera outra acción civil que puider corresponderlle fronte ás acusadas no proceso penal de referencia, Brenntag Química, S.A.U. e Chartis Europe S.A., como consecuencia do sinistro ocorrido o 1 de setembro de 2006 nas instalacións desta entidade.

Artigo 2. Habilitación.

Autorízase a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Secretaría Xeral Técnica, para a sinatura dos documentos e a realización dos actos precisos para formalizar a transacción autorizada neste decreto.

Santiago de Compostela, oito de marzo de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas