Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 13 de abril de 2012 Páx. 13315

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 30 de marzo de 2012 pola que se modifica a Orde do 31 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria.

Publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 43, do 1 de marzo de 2012, a Orde do 31 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria, apreciouse a necesidade de dar solución a determinados casos de empate que se poden dar na fase de avaliación dos proxectos presentados á convocatoria destas axudas.

Co fin de determinar o procedemento que se debe seguir de se produciren estas situacións, cómpre establecer claramente os criterios que deben aplicar de xeito uniforme as comisións de avaliación previstas na orde para os casos de que sexa necesario dirimir empates entre dous ou máis proxectos.

Por todo isto, e no uso das facultades que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Modifícase o número 6 do artigo 11 da Orde do 31 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria, que queda redactado como segue:

«6. Unha vez avaliadas todas as solicitudes admitidas a trámite, a comisión de avaliación correspondente emitirá un informe no cal se concretará o resultado da avaliación e prelación das solicitudes por orde decrecente de puntuación. No mesmo informe determinaranse as solicitudes que deban ser denegadas por non obteren a puntuación mínima requirida no artigo 12 desta orde. No caso de empate na puntuación entre un ou varios solicitantes das axudas e co fin de determinar a orde de prelación entre proxectos que obtiveron a mesma puntuación, fíxase como sistema de desempate a maior valoración que a comisión de avaliación realizase do proxecto en cada un dos criterios e baremos que se reflicten no artigo 12, seguindo a orde establecida nel».

Artigo 2.

A modificación non afecta os prazos establecidos para a presentación de solicitudes nin o resto do articulado.

Disposición derradeira única.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2012.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar