Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Luns, 2 de abril de 2012 Páx. 11624

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 22 de marzo de 2012 pola que se fai público o acordo do Consello de Dirección do Igape polo que se modifican as bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) ao programa de apoio á innovación das pequenas e medianas empresas en Galicia (Programa Innoempresa), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Mediante Resolución do 21 de maio de 2010 (DOG núm. 100, do 28 de maio) publicáronse as bases reguladoras das axudas do Igape ao programa de apoio á innovación das pequenas e medianas empresas en Galicia (Programa Innoempresa), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013. Posteriormente corrixíronse nos DOG núm. 108, do 9 de xuño de 2010; DOG núm. 124, do 1 de xullo de 2010, e no DOG núm. 26, do 8 de febreiro de 2011.

A experiencia na avaliación do programa, as demandas das propias empresas, a procura da simplificación administrativa, así como a inclusión de novos conceptos subvencionables e unha maior concreción dos xa existentes motivan a abordaxe dunha serie de modificacións no seu articulado, como a supresión da posibilidade de solicitar anticipos, xa que a súa baixa utilización comporta unha ineficacia dos recursos.

A nova estrutura orgánica do Igape atribúe as competencias en apoiar a modernización e a innovación tecnolóxica e organizativa das empresas galegas á nova Área de Competitividade, polo que procede a correspondente modificación no texto das bases.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 13 de outubro de 2011, acordou a modificación das bases reguladoras das axudas do Igape ao programa de apoio á innovación das pequenas e medianas empresas en Galicia (Programa Innoempresa), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Por todo o anterior e en virtude das facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar a modificación das bases reguladoras das axudas do Igape ao programa de apoio á innovación das pequenas e medianas empresas en Galicia (Programa Innoempresa), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, publicadas no DOG núm. 100, do 28 de maio de 2010 e corrixidas nos DOG núm. 108, do 9 de xuño de 2010; DOG núm. 124, do 1 de xullo de 2010, e no DOG núm. 26, do 8 de febreiro de 2011, no seguinte sentido:

– Modifícase o primeiro parágrafo da exposición de motivos, que queda redactado como segue:

O Real decreto 1579/2006, do 22 de decembro (BOE núm. 29, do 2 de febreiro de 2007), establece o réxime de axudas e o sistema de xestión do programa de apoio á innovación das pequenas e medianas empresas 2007-2013 (Programa Innoempresa), e fixan que corresponde ás comunidades autónomas a xestión dos proxectos de carácter rexional acollidos a ese programa de axudas. En Galicia, a dita xestión encoméndaselle ao Igape en cumprimento dos seus obxectivos fundacionais de promoción e fomento do desenvolvemento rexional, contribución á dinamización da economía de Galicia e impulso da capacidade de innovación e competitividade da economía, en cooperación, de ser o caso, coa Administración xeral do Estado.

– Engádese a letra e) no artigo 1.2, co seguinte texto:

e) Non se concederá axuda a aqueles proxectos que, unha vez avaliados, recibirían unha axuda inferior a 3.000 €.

– Modifícase o artigo 4.1.1., engadindo unha precisión respecto do requisito das empresas de ter un empregado contratado, de xeito que o parágrafo queda así:

4.1.1. As pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 800/2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), que sexan sociedades con personalidade xurídica propia ou autónomo, que teñan un centro de traballo en Galicia, no cal se vaia realizar o proxecto, que desenvolvan actividades subvencionables e conten con, polo menos, un empregado a xornada completa con contrato laboral ou ben o equivalente en termos UTA (de acordo co artigo 5 do citado anexo I do Regulamento 800/2008). Tamén será requisito a inscrición no Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia para as empresas incluídas no ámbito de aplicación do Decreto 115/2000, do 11 de maio (DOG núm. 100, do 24 de maio).

– Modifícase o artigo 4.1.1.2.c), que queda redactado como segue:

As actividades de produción primaria dos produtos agrarios e as actividades nos sectores da pesca e da acuicultura dos produtos regulamentados polo Regulamento (CE) 104/2000:

● CNAE 09: divisións 01, 02, 03 e 05 (todos os grupos e clases agás 01.61, 01.62 e 02.40).

● CNAE 09: grupo 10.2 (todas as clases) e clase 46.38.

– Elimínase o artigo 4.1.1.2.d).

– Modifícase o artigo 5.8, que queda redactado do seguinte xeito:

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán xuntarse ao cuestionario de solicitude, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta economicamente máis vantaxosa.

– Modifícase o artigo 6.2, que pasa a ter a seguinte redacción:

Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:

Carácter innovador: 0 a 18 puntos.

Grao de elaboración e concreción: 0 a 10 puntos.

Capacidade e experiencia do director do proxecto do equipo interno que participa no seu desenvolvemento, así como das principais colaboracións externas, se as houber: 0 a 18 puntos.

Eficacia e idoneidade prevista do proxecto (en función das características das solucións que se van implantar ou metodoloxía de execución, segundo os casos) para a peme ou conxunto de pemes destinatarias: 0 a 15 puntos.

Inserción nun plan ou actuación especial do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo e/ou da Comunidade Autónoma de Galicia: 0 a 15 puntos. Valoraranse, sen superar a puntuación máxima, con 10 puntos os proxectos que se desenvolvan nas provincias de Lugo e Ourense e nas comarcas de Ferrolterra e nas da Costa da Morte; con 5 puntos os que se desenvolvan nos municipios preferentes do anexo V; con 5 puntos os proxectos de empresas asociadas a clústers constituídos en Galicia; e con 5 puntos as empresas de actividades preferentes establecidas no anexo VI.

Puntuación alternativa segundo que o proxecto sexa individual ou de organismo intermedio:

● En proxectos de organismos intermedios asignaranse 5 puntos como base, e ata 8 puntos adicionais segundo o grao de identificación das pemes participantes nos proxectos.

● En proxectos promovidos por pemes, asignaranse ata 13 puntos segundo o impacto previsible do proxecto na competitividade da empresa.

Utilización da lingua galega: ata 5 puntos en función do grao de utilización.

Creación de emprego: asignaránselles 3 puntos aos proxectos de solicitantes que se comprometan a crear, polo menos, un novo emprego (en termos de traballo anual equivalente) no período de execución do proxecto. Asignaranse 2 puntos adicionais se o compromiso relativo a algún dos empregos que se van crear nese período corresponde a colectivos con dificultades de acceso ao emprego: persoas desempregadas que esgotasen as prestacións por desemprego, persoas desempregadas de máis de 45 anos, mozas e mozos menores de 30 anos, vítimas de violencia de xénero, persoas con discapacidade, persoas desempregadas que pertencen a colectivos en risco de exclusión social ou mulleres.

– Modifícase o artigo 8.2, que pasa a ter a seguinte redacción:

Co fin de prestar asistencia para cubrir o cuestionario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente o cuestionario. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente.

–Modifícase o artigo 9, que pasa a ter a seguinte redacción:

A Área de Competitividade será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e corresponde ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

– Modifícase o artigo 11.4.1.b) e c), que queda redactado como segue:

b) No caso de pemes, informe de vida laboral da empresa desde o 1 de xaneiro do ano da convocatoria da axuda.

c) Os organismos intermedios: certificado de exención de IVE, de ser o caso; os organismos públicos deberán facer referencia á norma que os rexe; se no proxecto aprobado o organismo se comprometeu á creación de emprego, deberá achegar tamén informe de vida laboral desde o 1 de xaneiro do ano da convocatoria da axuda.

– Modifícase o artigo 13, que queda coa seguinte redacción:

Artigo 13. Modificación da resolución.

13.1. Unha vez que se dite a resolución de concesión, nos proxectos individuais non se admitirán modificacións a ela.

13.2. Nos proxectos propostos por organismos intermedios ou grupos de empresas poderanse solicitar modificacións da resolución, agás ampliacións dos prazos de execución, tramitando o cuestionario sinalado no artigo 8 destas bases e presentando a súa instancia dirixida ao director do Instituto Galego de Promoción Económica. A solicitude de modificación deberá presentarse con anterioridade mínima de tres meses ao vencemento do prazo de execución do proxecto. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo director do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lles dará audiencia aos interesados.

13.2.1. En ningún caso a modificación poderá supoñer a elevación da contía da base subvencionable e da axuda inicialmente aprobadas, nin se admitirán nin aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 50 % do gasto subvencionable inicialmente aprobado.

13.3. Sen necesidade de instar procedemento de incumprimento ou modificación da subvención, o Igape poderá aceptar variacións nos diversos capítulos de gasto aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada capítulo e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de gasto aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

– Modifícanse as alíneas a) e e) do artigo 14, que quedan redactadas como segue:

Artigo 14. Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión e, se for o caso, manter os investimentos durante polo menos 3 anos desde a finalización do dito prazo. Na súa virtude, a axuda concedida só será definitiva se a situación inicial tida en conta para a concesión non sofre unha modificación substancial que afecte a natureza do investimento, o cesamento da actividade ou os postos de traballo. A axuda está condicionada ao respecto desas condicións e poderá ser obxecto dun procedemento de reintegro noutro caso.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un prazo de tres anos contados desde o peche do programa operativo Feder Galicia 2007-2013. Todo isto, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control; e deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas con gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

– Modifícase o artigo 15.1, que queda redactado do seguinte xeito:

Os beneficiarios deberán presentar a solicitude de cobramento da subvención no prazo dun mes desde o fin do prazo de execución establecido na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 31 de outubro do exercicio correspondente á anualidade establecida na resolución de concesión (no caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo finalizará o día hábil seguinte), excepto no caso de presentación de recurso administrativo, en que a data límite se establecerá na resolución que o resolva.

– Modifícase o artigo 15.6 b) i), que queda redactado como segue:

i) Xustificante de transferencia bancaria ou dos documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de execución, así como, se é o caso, o seu cargo na conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Os extractos bancarios a través da internet deberán ter estampado o selo orixinal da entidade financeira.

– Elimínanse as letras d), e) e g) do artigo 15.6 e renuméranse.

– Modifícase o artigo 15.6.h), que queda redactado como segue:

i) As pemes deberán achegar, en todos os casos, informe de vida laboral do período de execución do proxecto. De existir compromiso de creación de emprego, deberán xuntar tamén copia dos contratos formalizados nese período rexistrados no SEPE.

ii) Os organismos intermedios só deberán achegar o informe de vida laboral e a copia dos contratos se no proxecto aprobado se comprometeron á creación de emprego.

– Engádese unha nova letra g) ao artigo 15.6, co seguinte texto:

A copia simple dos libros de contabilidade onde se reflictan os custos subvencionados, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que aqueles reflicten a realidade contable da operación subvencionada. Aquelas entidades que non teñan obriga de levar libros de contabilidade deben acreditar a non obrigatoriedade mediante o pertinente documento expedido pola Axencia Tributaria.

– Modifícase o atigo 16.2, que queda redactado como segue:

16.2. Os órganos competentes do Igape ou as súas entidades colaboradoras poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

– Modifícase o artigo 17, que queda redactado como segue:

Artigo 17. Anticipos.

Nesta liña de axudas non poderán solicitarse anticipos.

– Modifícase o artigo 18, que pasa a quedar redactado do seguinte xeito:

18.1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou o resto da normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de mora correspondentes.

18.2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

18.3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, polo que deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, de ser o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios: 

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo, se for o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superar o 50% da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) Non será necesario iniciar procedemento de incumprimento cando se xustifiquen gastos por importe inferior ao aprobado na resolución de concesión, sempre que non sexan inferiores ao 50 % daquel, que a minoración non desvirtúe o proxecto, que se cumpran o resto das condicións da resolución e que o beneficiario manifeste a súa conformidade coa minoración proporcional da subvención en función dos gastos xustificados.

c) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida.

18.4. En todo caso, cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución, omitíndose o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o Igape poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros e sen que a aceptación das alteracións exima o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

– Modifícase o artigo 1.1, do anexo I, que pasa a ter a seguinte redacción:

Proxectos que impliquen a adopción de novos modelos empresariais innovadores que incidan na mellora das diferentes áreas da empresa como:

● Organización da produción (incluída a implementación de ferramentas de Lean Productivity, Lean Office, Lean Manufacturing e similares).

● Relacións con provedores ou clientes.

● Innovacións nos modelos de márketing e de comercialización.

● Xestión ambiental.

● Innovación en eficiencia enerxética.

● Innovación en loxística e distribución.

● Innovación na área de recursos humanos.

● Integración dos sistemas de xestión empresarial.

Estes proxectos consistirán na implantación de ferramentas de xestión avanzada existentes e contrastadas nos mercados, cuxa necesidade e escolla estea convenientemente xustificada. No caso de que sexa necesaria a adquisición de hardware para a implantación da ferramenta, a base subvencionable para ese concepto non superará o 20% do orzamento total do proxecto.

No caso de que as ferramentas software se adquiran en modelo de pagamento por uso (Software as a Service) poderán incluírse como gasto subvencionable de tipo «servizos directamente relacionados coa execución do proxecto» do artigo 5.5.c) destas bases os conceptos de gasto de migración de datos e aplicacións á nova plataforma, incluíndo o custo de alta –de existir– ou subscrición ao servizo de nova implantación durante o período de execución do proxecto, cun máximo do custo de un ano de servizo.

– Engádese ao final do artigo 1.2, do anexo I, o seguinte texto:

Nesta liña de axudas non se subvencionarán investimentos.

– Modifícase o penúltimo parágrafo do artigo 2.4, do anexo I, que queda redactado como segue:

As empresas que presenten proxectos de implantación do modelo de excelencia EFQM deberán acreditar estar previamente certificadas na norma ISO 9001, e ao finalizar o proxecto deberán acadar unha puntuación igual ou superior a 300 puntos EFQM, acreditados por unha entidade licenciataria do modelo.

– Substitúese o anexo III, Solicitude de cobramento, polo que se anexa a esta resolución.

– Engádense o anexo V, Localizacións preferentes, e o anexo VI, Actividades preferentes, que se xuntan a esta resolución.

Segundo. Esta  modificación entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e rexerá soamente para as convocatorias de axuda publicadas posteriormente á dita entrada en vigor.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2012.

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO V
Localizacións preferentes

Axudas do Igape ao programa de apoio á innovación das pequenas e medianas empresas (Innoempresa), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

– Para os proxectos que se vaian implantar nos seguintes municipios, nos criterios de avaliación e selección de proxectos, o criterio de localización avaliarase con 10 puntos:

● Municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal: municipios da Capela, As Pontes de García Rodríguez, Ares, Cabanas, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, San Sadurniño, As Somozas e Valdoviño.

● Municipios da Costa da Morte: A Laracha, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muros, Muxía, Ponteceso, Santa Comba, Vimianzo e Zas.

● Municipios da provincia de Lugo.

● Municipios da provincia de Ourense.

– Para os proxectos que se vaian implantar nos seguintes municipios, nos criterios de avaliación e selección de proxectos, o criterio de localización avaliarase con 5 puntos:

Provincia da Coruña

Abegondo

Dodro

Pino, O

Aranga

Frades

Porto do Son

Arzúa

Irixoa

Rois

Baña, A

Lousame

Santiso

Betanzos

Melide

Sobrado

Boimorto

Mesía

Toques

Boqueixón

Negreira

Tordoia

Brión

Noia

Touro

Cerceda

Ordes

Trazo

Cesuras

Outes

Val do Dubra

Coirós

Oza dos Ríos

Vedra

Curtis

Paderne

Vilasantar

Padrón

Vilarmaior

Provincia de Pontevedra

Agolada

Dozón

Oia

Arbo

Estrada, A

Pazos de Borbén

Barro

Forcarei

Ponte Caldelas

Campo Lameiro

Fornelos de Montes

Pontecesures

Cañiza, A

Lama, A

Portas

Catoira

Lalín

Rodeiro

Cerdedo

Meis

Salvaterra de Miño

Cotobade

Mondariz

Silleda

Covelo

Mondariz – Balneario

Vila de Cruces

Crecente

Moraña

Valga

Cuntis

Neves, As

ANEXO VI
Sectores prioritarios
Axudas do Igape ao programa de apoio á innovación das pequenas
e medianas empresas (Innoempresa), cofinanciado polo Fondo Europeo
de Desenvolvemento Rexional

1. Sector auxiliar de automoción.

2. Industria da madeira.

3. Industria de transformación agroalimentaria.

4. Sector moda (confección e complementos), agás o que se refira ao sector das fibras sintéticas tal como o define o anexo II das Directrices Comunitarias sobre as axudas de estado de finalidade rexional para o período 2007-2013 (2006/C 54/08), DOUE do 4.3.2006.

5. Industria aeronáutica e auxiliar.

6. Sector náutica deportiva e de recreo e auxiliar de náutica deportiva e de recreo.

7. Sector químico e industria farmacéutica.

8. Fabricación de material sanitario.

9. Biotecnoloxía, biomecánica.

10. Fabricación de equipos ambientais.

11. Fabricación de equipos e sistemas para instalacións de enerxías renovables.

12. Eliminación, valorización ou reciclaxe de residuos.

13. Servizos e desenvolvemento de software.

14. Sector audiovisual e desenvolvemento de contidos.

15. Centros telemáticos.

missing image file
missing image file