Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 14 de marzo de 2012 Páx. 9219

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 2012, da Jefatura Territorial da Coruña, de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación eléctrica no concello de Mazaricos (expediente IN407A 300/2010).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións que a seguir se detallan:

Solicitante: Electra del Jallas, S.A.

Domicilio social: pza. Constitución, 17. 15270 Cee (A Coruña).

Denominación: L.M.T., C.T. e R.B.T. O Señorío.

Situación: Mazaricos.

Características técnicas:

Liña eléctrica de media tensión aérea a 20 kV, de 197 m de lonxitude, en condutor LA-56, coa orixe no apoio n.º 8 da L.M.T. a C.T. Xestoso e final no C.T. O Señorío proxectado.

Centro de transformación (C.T.) tipo intemperie, de potencia 50 kVA, e relación de transformación de 20/0,4-0,23 kV.

Reforma da rede de baixa tensión aérea existente, coa instalación de novo condutor tipo R.Z., e o tendido de sete apoios novos de formigón tipo H.V.

Resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 18 de novembro de 2010, a empresa Electa de Jallas, S.A. presentou o proxecto L.M.T., C.T. e R.B.T., O Señorío.

Segundo. A petición someteuse a información pública por Acordo do 26 de novembro de 2010, da xefatura territorial, publicada no DOG do 7 de xaneiro de 2011, no BOP da Coruña, do 11 de marzo de 2011, e no xornal El Ideal Gallego do 17 de decembro de 2010, así como no taboleiro de anuncios do Concello de Mazaricos, en aplicación do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se aproba o regulamento de aplicación da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico. Así mesmo, practicouse notificación individual aos afectados.

Terceiro. Dentro do prazo establecido foron presentadas alegacións, das cales se deu traslado á empresa promotora, por:

Benito López Blanco, propietario dos predios n.º 2 e 3, que manifesta que as leiras na realidade é unha soa leira e que os planos do proxecto non se corresponden coa realidade, que a leira está en zona de concentración parcelaria, o cal está en fase de acordo, polo que non se pode afectar cunha servidume mentres no sexa declarado firme o acordo, e solicita que se rectifique o erro e se proceda a modificar o trazado da liña adaptándoo á estrada de acceso ao Señorío.

Cuarto. Con data do 10 de febreiro de 2011, a xefatura territorial practicou nova notificación individual ao afectado anexando o plano coa reunificación dos predios 2 e 3 nunha soa leira identificada co n.º 2.

Quinto. Con data do 17 de febreiro de 2011, a empresa promotora presenta anexo I ao proxecto en que se inclúe o plano parcelario modificado como continuación á contestación da alegación, solicitando que sexa incorporado ao expediente.

Sexto. Dentro do prazo establecido foron presentadas alegacións, das cales se deu traslado á empresa promotora, por:

Benito López Blanco, propietario do predio n.º 2 , manifesta que a leira está en zona de concentración parcelaria, que está en fase de acordo, polo que non se pode afectar cunha servidume mentres no sexa declarado firme o acordo; solicita marcación sobre a leira pola empresa solicitante, datos catastrais, n.º plantas afectadas, metros de muro afectados, e que se proceda a modificar o trazado da liña adaptándoo á estrada de acceso ao Señorío.

Sétimo. Con data do 13 de abril de 2011 a xefatura territorial notifica a empresa Electra del Jallas, S.A. que procede estimar a alegación formulada por Benito López Blanco no referente a proposta de cambio de trazado da liña aérea de media tensión.

Oitavo. Con data do 23 de maio de 2011 a empresa Electra del Jallas, S.A. presentou o anexo II ao proxecto L.M.T., C.T. e R.B.T. O Señorío, no cal se modifica o trazado da liña de maneira que a liña proxectada discorra o máis próxima á via municipal de acceso ao lugar do Señorío, co obxecto de minimizar a afección sobre o predio n.º 2, e xunta nova relación de bens e dereitos afectados.

Noveno. Por Resolución do 21 de outubro de 2011, a xefatura territorial somete a información pública o anexo II, publicada no DOG do 21 de novembro de 2011, no BOP da Coruña do 9 de novembro de 2011 e no xornal El Correo Gallego do 10 de novembro de 2011, así como no taboleiro de anuncios do Concello de Mazaricos, en aplicación do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se aproba o regulamento de aplicación da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico. Así mesmo, practicouse notificación individual ao afectado.

Décimo. Dentro do prazo establecido foron presentadas alegacións, das cales se deu traslado á empresa promotora por:

Benito López Blanco, propietario do predio n.º 2, que manifesta que a leira está en zona de concentración parcelaria, a cal está en fase de acordo, polo que non se pode afectar cunha servidume mentres non sexa declarado firme o acordo, e solicita marcación sobre a leira pola empresa solicitante, datos catastrais, número de plantas afectadas e metros de muro afectados.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de Autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio das competencias atribuídas polo Real decreto 1955/2000 e polo Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro (DOG do 16 de febreiro).

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites que sinala o artigo 53 da citada Lei 54/1997 e os regulamentos ordenados no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Tercero. Á vista das alegacións presentadas e das contestacións da empresa e do resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto o seguinte:

Unha vez vistas as alegacións, exclusivamente na parte que afecta a utilidade pública, feitas por Benito López Blanco, o predio n.º 2, recibidas con data 22.11.2011, e examinada a traza proxectada da liña, así como feita a visita de campo, sobre a anterior citada parcela non se observa ningunha das limitacións a imposición da servidume de paso recollidas no artigo 57 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, e no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Canto aos bens afectados, serán comprobados e recollidos na acta previa á ocupación polo perito designado pola Administración, acto o que serán oportunamente convocados os titulares dos bens e dereitos afectados.

Ademais, cómpre sinalar que non corresponde a esta fase do procedemento realizar as valoracións derivadas dos prexuízos que aos afectados lles ocasione o trazado desta liña eléctrica, xa que iso é competencia do Xurado da Expropiación de Galicia, logo de que ao expediente se incorporen a acta previa á ocupación e as follas de aprecio coas valoracións que presenten as partes.

De acordo co que antecede e no exercicio das competencias atribuídas,

Resolve:

Autorizar, aprobar o proxecto de execución e anexo II e declarar de utilidade pública, en concreto, das devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto e seu anexo II, e ás condicións técnicas e de seguranza establecidas nos regulamentos de aplicación.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

As instalacións executaranse nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data desta resolución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que se considere pertinente dereito.

A Coruña, 27 de febreiro de 2012.

Susana Vázquez Romero
Xefa territorial da Coruña