Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 13 de marzo de 2012 Páx. 8964

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 1 de marzo de 2012 pola que se establecen as bases e se convocan, en réxime de concorrencia competitiva, subvencións para o desenvolvemento de programas dirixidos á redución do abandono escolar, nos concellos de Galicia para o ano 2012.

O artigo 27 da Constitución española establece o dereito de todos á educación e asigna aos poderes públicos a obriga de garantir este dereito. Actualmente este dereito á educación só pode entenderse no sentido de que a educación que reciben os nenos e nenas ten que acadar uns niveis altos de calidade, independentemente das condicións sociais, culturais e económicas da familia e do contorno.

O Estatuto de autonomía de Galicia declara no seu artigo 31 a competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo das limitacións impostas polos artigos 27 e 149 da Constitución española.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no seu preámbulo atribúe a responsabilidade do éxito escolar ao alumnado individualmente, pero tamén ao apoio das familias, do profesorado, dos centros docentes, das administracións educativas e da sociedade no seu conxunto, xa que é esta a responsable última da calidade do sistema educativo.

Así mesmo, a colaboración das administracións educativas coas corporacións locais na planificación e desenvolvemento da política educativa establécese como un dos principios desta lei, na que se inclúe na disposición adicional décimo quinta a posibilidade de establecer procedementos e instrumentos para favorecer e estimular a xestión conxunta coas administracións locais.

Na Conferencia Sectorial de Educación que tivo lugar o 28 de setembro de 2010 acordouse aprobar programas de cooperación territorial, para desenvolver en colaboración coas comunidades autónomas, coa finalidade de abordar as necesidades máis urxentes do sistema educativo español, mellorar o rendemento escolar e diminuír o abandono temperán.

Por outra parte, cabe sinalar que o artigo 80 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, establece como competencia propia dos concellos a promoción de toda clase de actividades e a prestación de servizos públicos que contribúan a satisfacer as necesidades e aspiracións da comunidade de veciños, engadindo, nese mesmo artigo, que exercerán as competencias relativas á participación na programación do ensino e na cooperación coa Administración educativa, entre outras, na participación na vixilancia do cumprimento da escolaridade obrigatoria, na execución de programas propios destinados á infancia e á xuventude e na participación na formación de activos e desempregados.

Con esta convocatoria preténdese favorecer o desenvolvemento de actividades que proporcionen unha formación integral ao alumnado e, ao mesmo tempo, promover o esforzo compartido de toda a comunidade educativa na procura do éxito escolar e na redución do abandono temperán dos estudos por parte da nosa mocidade.

Procurarase, xa que logo, diminuír o impacto dos factores que inciden no abandono do sistema educativo por parte do alumnado galego sen acadar a titulación de educación secundaria obrigatoria, así como desenvolver programas de segunda oportunidade, orientados á reincorporación de mozos e mozas, con actividade laboral ou sen ela, que abandonaron a súa formación sen cualificación nin titulación.

Así pois, para dotar de eficacia o mencionado nos parágrafos anteriores establécese nesta orde unha convocatoria de axudas económicas dirixidas aos concellos coa finalidade de financiar, apoiar e potenciar accións encamiñadas a incidir sobre as causas do abandono escolar e facilitar que os mozos e mozas que abandonaron o sistema educativo poidan prepararse para as probas de obtención do graduado en educación secundaria obrigatoria ou para incorporarse a estudos de formación profesional de grao medio e/ou de bacharelato.

Por todo o exposto, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que rexerán a convocatoria e o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas aos concellos de Galicia para o desenvolvemento de programas dirixidos á redución do abandono escolar para o ano 2012.

Artigo 2. Entidades beneficiarias.

1. Poderán acceder á condición de beneficiarios as corporacións locais que cumpriran coa obriga de remitir ao Consello de Contas as contas xerais de 2010 e sempre que os proxectos para os que solicitan a subvención se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. En virtude do previsto no parágrafo 2 do artigo 8.3.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as agrupacións de concellos indicarán, en anexo á súa solicitude, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da subvención que se aplicará por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. O anexo deberá ser subscrito por quen exerza a representación legal da agrupación solicitante.

Artigo 3. Programas subvencionables.

1. Os programas subvencionables terán como obxectivos:

a) Propiciar que o alumnado que abandonou o sistema educativo poida continuar estudos de bacharelato ou de formación profesional de grao medio.

b) Atender o alumnado con menor motivación e capacidade para aprender, de xeito que se lle ofrezan respostas adaptadas ás súas posibilidades e intereses, coa finalidade de diminuír o risco de abandono ou desinterese e de preparar para as probas de graduado en ESO.

c) Mellorar a adquisición das competencias básicas no alumnado en risco de abandono escolar.

d) Favorecer a atención educativa dos colectivos máis vulnerables, como o alumnado inmigrante ou o alumnado en risco de exclusión social.

e) Impulsar a coordinación entre organizacións e institucións do contorno para diminuír o abandono escolar.

2. Para a consecución destes obxectivos os programas deberán incluír, entre outras:

a) Actividades formativas dirixidas ás familias e á poboación escolar en risco de abandono, coa finalidade de facilitar a permanencia do alumnado no sistema educativo ou a súa reincorporación, segundo o caso.

b) Actividades que desenvolvan medidas preventivas que procuren a diminución do fracaso escolar e/ou a reincorporación ao sistema educativo.

c) Actividades de sensibilización sobre a importancia da prevención do abandono escolar temperán e de información sobre as posibilidades de continuidade ou retorno ao sistema educativo.

d) Actividades de formación, información e orientación encamiñadas á preparación para as probas de obtención do título de graduado en ESO e á busca e definición do perfil profesional máis axeitado ás características do alumnado.

e) Actividades de apoio e reforzo educativo dirixidas ao alumnado con menor motivación e/ou capacidade para aprender, orientadas á adquisición das competencias básicas.

Artigo 4. Persoas destinatarias dos programas.

Poderán participar nas actividades subvencionables:

a) O alumnado de terceiro e cuarto de educación secundaria ou de programas de cualificación profesional inicial (PCPI) en risco de exclusión social, aquel que presenta altos índices de absentismo ou o que ten un elevado fracaso escolar.

b) Os mozos e mozas de entre 16 e 24 anos que abandonaron o sistema educativo sen acadar a titulación de graduado en educación secundaria obrigatoria ou superior.

Artigo 5. Requisitos das actividades.

a) Os concellos contarán cunha persoa coordinadora xeral do programa e porán á disposición das persoas participantes os medios precisos para o desenvolvemento das actividades.

b) As actividades realizaranse entre o 1 de xaneiro e o 31 de agosto de 2012.

c) As actividades dirixidas a alumnado que permanece no sistema educativo realizaranse fóra do horario escolar.

Artigo 6. Financiamento e tipo de axuda.

1. As solicitudes de axuda reguladas nesta orde serán atendidas con cargo ás aplicacións orzamentarias 15.05.423B.460.0 e 15.05.423B.460.1 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dos orzamentos de 2012.

2. O importe total das axudas ascende a 2.094.881,94 euros. Esta contía poderá incrementarse na medida en que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio económico do ano 2012, de acordo co establecido no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Nesta orde convócanse axudas para o desenvolvemento das actividades que teñen como finalidade compensar os gastos producidos nos seguintes conceptos:

a) Gastos de persoal.

b) Gastos xerais imputables ao desenvolvemento directo das actividades.

4. O importe máximo da axuda solicitada non superará o 80% do orzamento solicitado para cada unha das actividades recollidas no proxecto presentado.

5. Quedan excluídos como gastos subvencionables os de transporte, formación do persoal que desenvolve as actividades, actuacións e representacións e adquisición de material inventariable.

6. O importe das axudas solicitadas en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras institucións públicas ou privadas, supere o custo da actividade.

Artigo 7. Criterios de valoración e de cálculo das axudas.

1. Para a baremación e ordenación prioritaria do proxecto de cada unha das actividades teranse en conta os seguintes criterios:

a) Pola formulación detallada dos obxectivos e contidos que se van desenvolver en cada actividade: ata 30 puntos. Valorarase o grao de detalle e adecuación dos obxectivos e contidos ás características das persoas ás que van dirixidas as actividades.

b) Pola proposta detallada das técnicas de motivación, técnicas de aprendizaxe e temporalización das actividades: ata 40 puntos. Valorarase a coherencia das actividades cos obxectivos e contidos propostos.

c) Pola proposta metodolóxica e de criterios de avaliación: ata 30 puntos. Valorarase a coherencia deste punto cos obxectivos e contidos das actividades.

Para cada unha das actividades solicitadas cubrirase o anexo III.

2. O cálculo da axuda será proporcional á puntuación obtida nas actividades que se vaian desenvolver. Só se subvencionarán aquelas actividades que acaden como mínimo 50 puntos.

3. Para fixar a contía da axuda de cada actividade dividirase o total do orzamento entre a suma de puntos obtida da valoración de todas as actividades aprobadas; obténdose así a cantidade en euros establecida para cada punto. Unha vez obtido o valor en euros de cada punto multiplicarase pola puntuación obtida en cada actividade, o que proporcionará a contía da axuda para cada actividade.

Artigo 8. Solicitudes de participación e prazo de presentación.

1. Deberase completar en liña a solicitude e os outros anexos que como formulario electrónico atoparán na páxina web www.edu.xunta.es/acrae. As solicitudes, unha vez gardadas e impresas, deberán estar asinadas polas persoas representantes das entidades solicitantes.

Para poder cubrir a solicitude en liña é necesario que o representante da entidade solicitante posúa un enderezo no dominio edu.xunta.es

2. As solicitudes, xunto coa documentación indicada no artigo 9, deberán dirixirse á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, e deberán presentarse a través do Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nos seus departamentos territoriais ou mediante calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sendo imprescindible que na instancia apareza a data de recepción no organismo público correspondente. Se a solicitude é remitida por correo, é necesario que se presente en sobre aberto para que sexa datado e selado nunha oficina de Correos antes de que se proceda á súa certificación.

3. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo cardinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 9. Documentación.

Á solicitude xuntaráselle a seguinte documentación:

a) Proxecto, axustado ao anexo II.

b) Fichas individuais de cada unha das actividades a desenvolver, empregando o anexo III.

c) Declaración de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 7 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Declaración de cumprimento das obrigas exixidas polo artigo 11 da Lei 9/2007, do 7 de xuño, de subvencións de Galicia, agás as exencións recollidas no artigo 49 da Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

e) Acreditación da personalidade e o apoderamento suficiente e subsistente de quen actúa en nome e representación da entidade solicitante. Esta circunstancia farase constar mediante certificado expedido para tales efectos pola secretaría xeral da entidade solicitante e que, no suposto de agrupacións de concellos, deberá indicar que dispón de poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden a tal agrupación.

f) Certificado, expedido pola secretaría da entidade solicitante no que se recolla o acordo do órgano municipal competente de solicitar a subvención prevista nesta orde e a concreta finalidade para a cal se solicita, incluíndo o orzamento total do proxecto, con detalle dos custos de cada unha das actividades.

g) Declaración do representante legal da entidade solicitante no que conste o conxunto de ingresos ou subvencións, solicitados, aprobados, concedidos ou pendentes de resolución, para a mesma finalidade para a que solicita a subvención, segundo o modelo do anexo IV.

Artigo 10. Instrución e tramitación do procedemento.

1. Será competente para instruír o procedemento, así como para formular a correspondente proposta de resolución, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

2. Os expedientes serán tramitados pola Subdirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado.

3. A unidade encargada da xestión dos expedientes comprobará que as solicitudes cumpran co establecido nesta orde e, se é o caso, requirirá os interesados para que, no prazo de dez días emenden as faltas ou acheguen os documentos preceptivos. Se non o fixesen así, teráselles por desistidos da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Os expedientes, unha vez revisados e, se é o caso, completados, remitiranse á comisión de avaliación, recollida no artigo 11 desta orde, que terá a función de valorar e propoñer a concesión ou denegación das subvencións, seguindo os criterios obxectivos recollidos no artigo 7 desta orde.

5. Finalizada a valoración das solicitudes e feita a proposta de concesión pola comisión de avaliación, procederase a expoñer na páxina web www.edu.xunta.es/acrae a proposta provisional que incluirá a cantidade asignada a cada concello por cada unha das actividades e concederalles un prazo de dez días para que formulen alegacións e presenten os documentos e xustificantes que consideren pertinentes.

6. Estudadas e valoradas as alegacións presentadas, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elevará proposta de resolución ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, coa indicación da concesión ou da denegación das axudas solicitadas e, de ser o caso, a exclusión daquelas entidades solicitantes que non reúnan algún dos requisitos da convocatoria.

Artigo 11. Comisión de avaliación.

Crearase unha comisión para valorar as solicitudes presentadas, e que estará composta como segue:

a) Presidencia: persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ou persoa en quen delegue.

b) Vogais: tres persoas pertencentes á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, con categoría de subdirector xeral ou xefe de servizo.

c) Secretaría: unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada para os efectos de colaborar na valoración dos documentos achegados e na baremación.

Para os efectos previstos no artigo 26.2.º do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, esta comisión considerarase incluída na categoría 3.ª.

Artigo 12. Resolución.

1. Será competente para ditar a resolución o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O prazo para ditar e notificar a resolución será de seis meses a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de solicitude.

2. A resolución favorable conterá, como mínimo, os seguintes puntos:

a) Importe total da subvención outorgada.

b) Contía da axuda por actividade.

c) Calquera outra especificación que se considere oportuna en cada caso concreto; en especial, e tal e como determina o derradeiro parágrafo do artigo 8.3.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para o suposto de que a entidade beneficiaria sexa unha agrupación de concellos, deberán indicarse os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da subvención que se aplicará por cada un deles.

3. Transcorrido o prazo de seis meses sen que se lle notificase a resolución expresa, o solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. A resolución incluirá os concellos ou –agrupacións de concellos– beneficiarios, publicándose no Diario Oficial de Galicia e na páxina web nos termos previstos no artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas administrativas na Administración pública galega.

Artigo 13. Modificación da resolución de concesión de axudas ás entidades locais.

De acordo co previsto no artigo 7 do Decreto 193/2011, a entidade beneficiaria dunha subvención poderá solicitar a modificación do seu proxecto sempre que se cumpran as seguintes condicións:

1. A solicitude deberá presentarse cunha antelación mínima dun mes á data de remate do prazo de realización da actividade.

2. Non pode afectar as obrigas establecidas nesta orde, aos criterios de valoración tidos en conta no momento de concederlle a subvención ou supoñer unha minoración das obrigas asumidas no seu proxecto.

3. Non se concederá se concorren requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveran lugar con posterioridade a ela, ou tendo a entidade beneficiaria coñecemento anticipado desas circunstancias que, de coñecelas, influirían na aceptación ou na valoración da súa solicitude, non as comunicara inmediatamente.

4. Xunto coa solicitude deberá presentar:

a) Unha memoria xustificativa na que se fará constar, de xeito razoado e, cando sexa posible, documentalmente, que non se desvirtúa o proxecto subvencionado, que non suporá unha actividade deficiente e que se cumpre co obxectivo da resolución da concesión.

b) Orzamento ou proxecto modificado.

c) Relación e identificación concreta dos cambios introducidos en cadro comparativo.

d) O prazo para resolver e notificar a resolución sobre a solicitude será de quince días hábiles desde a entrada da documentación completa na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Será competente para resolvela a persoa titular da consellería convocante e contra esa resolución, definitiva en trámite administrativo, non caberá presentar ningún recurso.

De producirse silencio administrativo terá, neste caso, carácter negativo.

Artigo 14. Réxime de recursos.

As resolucións dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta orde, esgotarán a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se for expresa; se non o fose, o prazo será de seis meses e, para a entidade solicitante, contarase a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Malia o anterior, por ter a recorrente a condición de Administración pública, poderá facer uso do requirimento previo a que alude o artigo 44 da antedita Lei 29/1998.

Artigo 15. Compatibilidade.

Estas axudas son compatibles co aproveitamento doutro tipo de axudas de institucións públicas ou privadas destinadas ao mesmo fin, sempre e cando o importe das subvencións, axudas, ingresos ou recursos non supere o custo das actividades subvencionadas, tal e como establece o artigo 17.3.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Subcontratación.

Para os efectos do previsto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, autorízanse expresamente as entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde, para que subcontraten ata o 100% do importe dos traballos necesarios para a realización das actividades susceptibles de seren subvencionados. Tal autorización considérase concedida sen prexuízo das previsións que establecen os números 3 e seguintes do devandito artigo 27.

Artigo 17. Pagamento das axudas.

As cantidades concedidas con cargo á aplicación orzamentaria detallada no artigo 6 desta orde, seranlles transferidas aos concellos pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, unha vez feita a debida xustificación de gastos, no período correspondente ao exercicio económico 2012.

Artigo 18. Xustificación da subvención.

1. Os concellos deberán, de acordo co previsto nos artigos 8 e 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, xustificar os seus gastos mediante a presentación dunha conta xustificativa integrada polos seguintes documentos:

a) Unha certificación expedida pola Secretaría da entidade local, co visto e prace do/a alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención na que se faga constar, de forma detallada:

– O cumprimento da finalidade da subvención.

– Memoria das actividades realizadas, axustadas ao proxecto presentado na solicitude.

– Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen, se é o caso, a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia. No caso de non ter percibido ou solicitado ningunha outra axuda, é necesario achegar igualmente a declaración, indicando este feito, segundo o modelo do anexo V.

b) Unha certificación da intervención, ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control, na que se faga constar a toma de razón en contabilidade, así como do cumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. A xustificación dos gastos realizados polo concello para a posta en marcha do programa farase ata o 1 de outubro de 2012, tendo en conta que se deberá xustificar o 100% do custo total de cada actividade subvencionada. A xustificación dun importe menor ao proposto supoñerá a minorización proporcional do concedido.

3. Toda a documentación achegarase á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Servizo de Ordenación, Innovación e Orientación Educativa; edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

4. Non se realizará o pagamento da subvención de non cumprirse o estipulado no punto 7 do artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. O incumprimento do prazo de xustificación dará lugar á perda do dereito de percibir a axuda outorgada.

Artigo 19. Avaliación e seguimento.

A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa levará a cabo, a través do Servizo de Inspección Educativa, o seguimento e a avaliación das actividades.

O incumprimento total ou parcial das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión, poderá dar lugar á anulación ou modificación da contía do importe concedido.

Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias.

A entidade beneficiaria das axudas está obrigada a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ademais a:

a) Achegar os informes e a información que lle sexa requirida pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

b) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

c) As entidades beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do financiamento en todas as actuacións que derivan da execución do proxecto. Mencionarase expresamente a participación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e faranse visibles os logotipos desta convocatoria de axudas nos documentos, folletos, publicacións, soportes web que se realicen no cumprimento dos obxectivos da mesma. Estes logotipos poderanse descargar desde a páxina http://www.xunta.es/composicion-con-presidencia-e-consellerias

Disposición derradeira primeira.

Contra esta orde as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira segunda.

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar as medidas necesarias para a execución e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO II
Guión para a elaboración do proxecto

1. Título do proxecto.

2. Datos identificativos do concello.

3. Relación de actividades, distribuídas ao longo do prazo establecido nesta orde.

4. Vinculación das actividades propostas coa problemática do contexto e/ou do contorno e coas características do alumnado.

5. Descrición en detalle das actividades que se van desenvolver atendendo ao especificado no anexo III.

6. Orzamento.

7. Establecemento de criterios e procesos para a avaliación das actividades, referidos, polo menos, aos seguintes aspectos:

a) Aplicación e repercusión na prevención do abandono escolar.

b) Metodoloxía empregada.

c) Organización dos recursos humanos e materiais.

d) Propostas de mellora e, se é o caso, de continuidade do traballo.

8. As canles, recursos e medios de difusión, comunicación e sensibilización á comunidade educativa do proxecto.

ANEXO IV
Declaración do representante legal da entidade

D./Dona , alcalde/sa do concello CIF

En relación á subvención solicitada por este concello respecto da Orde do 1 de marzo de 2012 pola que se establecen as bases e se convocan, en réxime de concorrencia competitiva, subvencións para o desenvolvemento de programas dirixidos á redución do abandono escolar, nos concellos de Galicia, para o ano 2012,

DECLARA: (marcar o que proceda)

□ Que este concello non ten solicitado, aprobado, concedido nin pendente de resolución outras subvencións ou ingresos para a mesma finalidade.

□ Que o conxunto das subvencións ou ingresos, solicitados, aprobados, concedidos ou pendentes de resolución, para a mesma finalidade, é o que se relaciona:

(especificar cantidade e procedencia)

……………………, ……….. de………………….…. de 201..

O/A alcalde/sa

Asdo.:……………………

ANEXO V
Certificación expedida pola Secretaría da entidade local

D./Dona , secretario/a do concello CIF

En relación á subvención concedida a este concello respecto da Orde do 1 de marzo de 2012 pola que se establecen as bases e se convocan, en réxime de concorrencia competitiva, subvencións para o desenvolvemento de programas dirixidos á redución do abandono escolar, nos concellos de Galicia, para o ano 2012 e cumprindo co disposto no artigo 18.1.a,

DECLARA: (marcar o que proceda)

□ Que este concello non ten solicitado, aprobado, concedido nin pendente de resolución outras subvencións ou ingresos para a mesma finalidade.

□ Que o conxunto de subvencións ou ingresos, solicitados, aprobados, concedidos ou pendentes de resolución, para a mesma finalidade, é o que se relaciona:

(especificar cantidade e procedencia)

……………………, ……….. de………………….…. de 201..

Visto e prace O/A secretario/a

O/A alcalde/sa

missing image file
missing image file