Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 13 de marzo de 2012 Páx. 8962

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 88/2012, do 1 de marzo, polo que se aproba o cambio de titularidade dun treito da estrada PO-300 desde o p.q. 6+330 ao p.q. 6+790 en prol da Deputación Provincial de Pontevedra.

Segundo o previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e a Deputación Provincial de Pontevedra asinaron un convenio de colaboración o día 2 de novembro de 2004 para levar a cabo o acondicionamento das estradas Porráns-Moraña, Simes-Dorrón e variante de Ponte Arnelas.

Segundo o establecido no artigo 5 da Lei 4/1994, de estradas de Galicia, este convenio actúa como acordo entre as partes.

Ao amparo das previsións legais, a Subdirección Xeral de Planificación e Programación, dependente da Dirección Xeral de Infraestruturas, emita informe favorable ao cambio de titularidade dun treito da estrada PO-300 desde o p.q.: 6+330 ao p.q.: 6+790. O treito que se vai transferir atópase entre dúas rotondas, as cales non son obxecto deste cambio de titularidade, segundo os criterios de planificación territorial da Xunta de Galicia.

Polo exposto, consonte o previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, despois do acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente,Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de marzo de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Apróbase o cambio de titularidade en prol da Deputación Provincial de Pontevedra do treito da estrada PO-300 desde o p.q.: 6+330 ao p.q.: 6+790.

Artigo 2.

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, as entidades locais, no marco das súas competencias e de acordo cos correspondentes plans de estradas, aprobarán a relación de estradas da súa titularidade. De acordo co exposto, a Deputación Provincial de Pontevedra deberá incorporar ao seu plan de estradas a vía a que se refire este decreto.

Artigo 3.

A entrega da vía formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4.

Corresponde á Deputación Provincial de Pontevedra, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía; así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira.

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de marzo de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas