Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 13 de marzo de 2012 Páx. 8959

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 2012 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación José Manuel López Souto.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación José Manuel López Souto, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a continuación:

Feitos.

1. Carmen Tarrón Couto, en representación do presidente do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación José Manuel López Souto foi constituída en escritura pública outorgada en Foz, o 24 de agosto de 2011, ante o notario Francisco Manuel Mariño Pardo, co número de protocolo 869, José Bello Lagüela, José Ramón Pérez López e Jesús Otero Méndez, en cumprimento do estipulado no testamento de José Manuel López Souto.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto fins educativos, culturais e sanitarios: axudar a mozos sen medios económicos e que se considere que posúen suficientes aptitudes; sufragar gastos médicos e de asistencia social a favor dos menos beneficiados en xeral e pertencentes ás parroquias de Vilaronte (Foz) e Bacoi (Alfoz).

4. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade da entidade fundadora, a súa capacidade e vontade de constituír a fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da fundación consta a denominación e natureza, o domicilio, obxecto e finalidade, as regras para aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, e a designación do padroado inicial.

6. O padroado inicial da fundación está formado por Fernando Monterroso Carril, como presidente; Lorenzo Martínez González, como secretario; Jesús Otero Méndez, como administrador-tesoureiro; e José Bello Lagüela e Ramón Pérez López, como vogais.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese educativo, cultural e sanitario da Fundación José Manuel López Souto, atendendo á diversidade do obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

8. De conformidade coa dita proposta, por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 6 de febreiro de 2012, clasificouse como de interese educativo, cultural e sanitario a Fundación José Manuel López Souto, e adscribiuse á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, correspóndelle á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación José Manuel López Souto, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións e interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, da Fundación José Manuel López Souto, polo que:

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación José Manuel López Souto.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2012.

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza