Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 29 de febreiro de 2012 Páx. 7362

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 3 da Coruña

EDICTO (827/2011).

Juan Rey Pita, secretario xudicial do Xulgado do Social número 3 da Coruña, fago saber que no procedemento de despedimento/cesamentos en xeral 827/2011 deste xulgado do social, seguido por instancia de María del Carmen Pardo Casal contra a empresa Intermediarios Coruña, S.L. sobre despedimento, foi ditada a seguinte resolución:

«Na cidade da Coruña o 1 de febreiro de 2012.

Carlos Villarino Moure, maxistrado xuíz do Xulgado do Social número 3 do xulgado e localidade ou provincia A Coruña, despois de ver os presentes autos sobre despedimento entre partes, dunha e como demandante María del Carmen Pardo Casal, e comparece asistido polo letrado Manuel Fernández Veiga, e doutra, como demandado, Intermediarios Coruña, S.L., que non comparece a pesar de estar citada.

En nome do rei ditou a seguinte sentenza 80/2012.

Antecedentes de feito.

Primeiro. María del Carmen Pardo Casal presentou no 20 de setembro de 2011, ante o decanato desta cidade, unha demanda contra a empresa Intermediarios de Coruña, S.L., que foi tramitada e deu lugar ao xuízo de referencia, e na cal, despois das alegacións de feito e de dereito que tivo por oportunas, solicitaba a declaración de nulidade ou, subsidiariamente, de improcedencia do despedimento, e de condena da empresa demandada nos termos que aparecen recollidos na demanda.

Segundo. Admitida a trámite, sinalouse como data para a celebración do xuízo o 1 de febreiro de 2011, comparecendo só a parte demandante. Aberto o acto, e dada conta, a parte actora afirmouse e ratificou a súa demanda. Atendendo ás solicitudes, acordouse recibir o preito a proba e no devandito trámite practicouse a proba proposta, cuxo resultado consta na acta; a seguir pasouse ao trámite de conclusións, co que se deu por finalizado o acto e ficaron os autos conclusos para sentenza.

Terceiro. Na tramitación do presente xuízo observáronse e cumpríronse as disposicións legais.

Feitos probados.

Único. A parte demandante presentou unha papeleta de conciliación ante o SMAC o 8 de setembro de 2011, celebrándose acto de conciliación o 19 de setembro de 2011 sen presenza da empresa e con resultado de intentado sen efecto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Os feitos probados antes referidos resultan da acta de conciliación presentada coa demanda. Á marxe disto, a parte demandante non presenta ningún outro medio de proba para demostrar a existencia dunha relación laboral, e remítiese unicamente á documental requirida á empresa na demanda e ao interrogatorio desta con aplicación do artigo 91.2 LPL. Non obstante, entende este xulgador que a parte demandante debeu demostrar, polo menos indiciariamente, a existencia dunha relación laboral, sen prexuízo de que posteriormente a demostración das causas do suposto despedimento ou extinción da relación laboral correspondan á empresa, por aplicación do artigo 105 LPL, ou de que puideren terse por recoñecidos outros feitos que á empresa lle resultaren prexudiciais, tal e como sinala o artigo 91.2 LPL. Sendo isto así, resulta que a parte demandante non presenta principio de proba ningún sobre a relación laboral, sen xustificar, se é o caso, a existencia de motivo para isto. Por todo isto, non pode terse por probada a existencia dunha relación laboral entre as partes.

Segundo. Non probada a relación laboral entre as partes, a acción de despedimento debe ser desestimada.

Resolvo:

1.º Desestimar a demanda sobre despedimento formulada por María del Carmen Pardo Casal contra a empresa Intermediarios de Coruña, S.L., todo isto con absolución da demandada.

Notifíquese esta sentenza ás partes e advírtaselles que contra ela poderán interpor recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza, que deberá ser anunciado por comparecencia, ou mediante escrito neste xulgado dentro dos cinco días seguintes á notificación desta sentenza, ou por simple manifestación no momento en que se lle practique a notificación. Advírtase igualmente ao recorrente que non sexa traballador ou beneficiario do réxime público de Seguridade Social, ou habente causa seu, ou non teña recoñecido o beneficio de xustiza gratuíta, que deberá depositar a cantidade de 300 euros na conta aberta no Banesto (0030.1846) a nome deste xulgado co núm. 1533 0000 65 0827 11, demostrando mediante a presentación do comprobante de ingreso no período comprendido ata a formalización do recurso, así como, no caso de ter sido condenado en sentenza ao pagamento dalgunha cantidade, consignar na conta de depósitos e consignacións a nome deste xulgado, co n.º 1533 0000 60 0827 11 a cantidade obxecto de condena, ou formalizar aval bancario pola devandita cantidade en que se faga constar a responsabilidade solidaria do avalista, incorporándoos a este xulgado co anuncio de recurso. En todo caso, o recorrente deberá designar letrado para a tramitación do recurso, no momento de anuncialo.

Así o pronuncio, mando e asino por esta miña sentenza, xulgado definitivamente».

Publicación. A anterior sentenza foi lida e publicada polo maxistrado que a ditou, estando a celebrar audiencia pública no día da data, do que dou fe.

Advírtese ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

Na Coruña, 9 de febreiro de 2012.

O secretario xudicial