Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 29 de febreiro de 2012 Páx. 7365

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 3 da Coruña

EDICTO (853/2009).

Juan Rey Pita, secretario do social número 3 da Coruña, fago saber que no proceso seguido por instancia de Fernando Vigo Sánchez contra Pilar Feijoo Eventos, S.L. e o Fogasa, en reclamación por ordinario, rexistrado co n.º 853/2009, foi ditada a seguinte sentenza:

«Na cidade da Coruña o 24 de xaneiro de 2012.

Carlos Villarino Moure, maxistrado xuíz do Xulgado do Social número 3 do xulgado e localidade ou provincia da Coruña, despois de ver os presentes autos sobre ordinario entre partes, dunha e como demandante Fernando Vigo Sánchez, asistido polo letrado Fernando Aradas Balbás, e doutra, como demandado, Pilar Feijoo Eventos, S.L. e o Fogasa, que non comparecen a pesar de estaren citados en legal forma.

En nome do rei ditou a seguinte sentenza 52/12.

Antecedentes de feito.

Primeiro. En data 29.7.2009 entrou neste xulgado demanda instada pola parte demandante contra a anterior demandada e, despois de expor os feitos, solicita que se dite sentenza de conformidade coa súas peticións; posta a trámite, foron convocadas as partes para celebrar o xuízo que tivo lugar o día 17.1.2012. Aberto o acto, a demandante ratifica a súa demanda e, recibido o xuízo a proba, practicáronse as propostas e únese a documental aos autos; elevándose as conclusións a definitivas e quedando o xuízo por concluso e visto para sentenza.

Segundo. Na tramitación deste procedemento observáronse as prescricións legais establecidas.

Feitos probados.

Decláranse probados os seguintes feitos:

Primeiro. O actor veu traballando por conta da demandada dedicada á actividade de organización de eventos cunha antigüidade desde 1.9.2008 con categoría de auxiliar administrativo e salario con rateo de extras que ascende a cantidade de 973,22 euros.

Segundo. A empresa débelle as cantidades seguintes:

Novembro de 2008

756,98 €

Decembro de 2008

756,98 €

Extra de Nadal

902,06 €

Xaneiro de 2009

834,19 €

Febreiro de 2009

834,19 €

Marzo de 2009

188,24 €

Rateo pagas extras

338,00 €

Rateo de vacacións

167,61 €

Total débito:

4.778,25 €

Terceiro. Celebrouse o acto conciliatorio previo sen avinza.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Os feitos declarados probados estano pola proba practicada e por ter o demandado por confeso en virtude da facultade recoñecida ao xulgador no artigo 91.2 da Lei de procedemento laboral.

Segundo. Probada a relación laboral, corresponde á empresa xustificar o aboamento dos salarios e demais conceptos debidos que deriven da devandita relación, polo que, non o tendo feito e téndoa por confesa, procede a súa condena ao solicitado na súplica da demanda, todo de acordo co artigo 4.2.f) e 29.3 ET.

Terceiro. En relación co Fondo de Garantía Salarial, non procede ningunha condena, polo momento, pois aínda cando a súa calidade de debedor xurdiría dalgún dos supostos do artigo 33 do ET, non é menos certo que a responsabilidade do devandito organismo exixe aínda nestes casos a tramitación do expediente a que fai referencia o número 4 do precepto citado, polo que a condena directa ao fondo, á marxe das obrigadas actuacións administrativas, non é posible.

Vistos os preceptos legais e demais de concordante aplicación,

Resolvo que, estimando a demanda formulada por Fernando Vigo Sánchez contra a empresa Pilar Feijoo Eventos, S.L. condeno a empresa a lle aboar a cantidade de 4.778,25 euros, que lle debe en concepto de salarios e demais conceptos cos xuros conforme o artigo 29.3 ET e absolvo da demanda ao Fondo de Garantía Salarial.

Notifíquese esta sentenza ás partes e advírtaselles que contra ela poderán interpor recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza, que deberá ser anunciado por comparecencia ou mediante escrito neste xulgado dentro dos cinco días seguintes á notificación desta sentenza, ou por simple manifestación no momento en que se lle practique a notificación. Advírtase igualmente ao recorrente que non sexa traballador ou beneficiario do réxime público de Seguridade Social, ou habente causa seus, ou non teña recoñecido o beneficio de xustiza gratuíta, que deberá depositar a cantidade de 300 euros na conta aberta no Banesto (0030 1846) a nome deste xulgado co n.º 1533 0000 65 0853 09, demostrando mediante a presentación do comprobante de ingreso no período comprendido ata a formalización do recurso así como, no caso de ter sido condenado en sentenza ao pagamento dalgunha cantidade, consignar na conta de depósitos e consignacións a nome deste xulgado, co n.º 1533 0000 60 0853 09 a cantidade obxecto de condena, ou formalizar aval bancario pola devandita cantidade en que se faga constar a responsabilidade solidaria do avalista, incorporándoos a este xulgado co anuncio de recurso. En todo caso, o recorrente deberá designar letrado para a tramitación do recurso ao momento de anuncialo.

Así o pronuncio, mando e asino por esta miña sentenza, xulgando definitivamente».

Publicación. A anterior sentenza foi lida e publicada polo maxistrado que a ditou, estando a celebrar audiencia pública no día da data, do que dou fe.

E para que sirva de notificación a Pilar Feijoo Eventos, S.L., expídese a presente cédula para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e colocación no taboleiro de anuncios.

Na Coruña o 9 de febreiro de 2012.

O secretario xudicial