Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 28 de febreiro de 2012 Páx. 7186

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 3 da Coruña

EDICTO (773/2011).

Juan Rey Pita, secretario xudicial do Xulgado do Social número 3 da Coruña, fago saber que no procedemento de despedimento/cesamentos en xeral 773/2011 deste xulgado do social, seguido por instancia de Carmen Mónica Parga Veiga contra a empresa Inrola, S.L., Costa da Morte Desarrollos, S.L. sobre despedimento, ditouse a seguinte resolución:

«Na Coruña o 19 de xaneiro de 2012.

Carlos Villarino Moure, maxistrado xuíz do Xulgado do Social número 3, tras ver o presente procedemento de despedimento/cesamentos en xeral 773/2011 a instancia de Carmen Mónica Parga Veiga asistida polo letrado Francisco Valiño Ferreiro contra Inrola, S.L. e Costa da Morte Desarrollos, S.L., que non comparecen malia estar citado en legal forma.

En nome do rei, pronunciou a seguinte sentenza 37/12.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Carmen Mónica Parga Veiga presentou o 29 de agosto de 2011, ante o Decanato desta cidade, unha demanda fronte ás empresas Inrola, S.L. e Costa da Morte Desarrollos, S.L., que foi tramitada dando lugar ao xuízo de referencia, e na que, tras facer as alegacións de feito e de dereito que tivo por oportunas, solicitaba a declaración de improcedencia do despedimento, e condenaba ás empresas demandadas nos termos que aparecen recollidos na demanda.

Segundo. Admitida a trámite, sinalouse como data para a realización do xuízo o 17 de xaneiro de 2011, e compareceu só a parte demandante. Aberto o acto, e dada conta, a parte demandante afirmouse e ratificou na súa demanda. Atendendo ás solicitudes acordouse recibir o preito a proba e no devandito trámite practicouse a proba proposta, cuxo resultado obra na acta. A continuación pasouse ao trámite de conclusións, co que se deu por rematado o acto e quedaron os autos conclusos para sentenza.

Terceiro. Na tramitación do presente xuízo observáronse e cumpríronse as disposicións legais.

Feitos probados.

1. A parte demandante prestaba servizos a tempo parcial para a empresa Inrola, S.L. como expendedora de combustible desde o 5 de xuño de 2010, e percibía un salario mensual de 356,52 euros con rateo de pagas extraordinarias.

2. A demandante prestaba servizos no centro de traballo (gasolineira) de Buño o cal foi transmitido a Costa da Morte Desarrollos, S.L. a mediados de xullo de 2011.

O día 22 de xullo de 2011, Inrola, S.L. cursou a baixa da traballadora demandante na Seguridade Social e a codemandada Costa da Morte Desarrollos, S.L. denegoulle o acceso ao posto de traballo sen cursar a súa alta na Seguridade Social.

3. Realizouse acto conciliatorio previo ante o SMAC sen efecto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Os feitos probados antes referidos resultan da proba documental practicada valorada no seu conxunto –en especial, das nóminas, certificado de empresa e acta de conciliación en autos–, e da facultade para ter por confeso o demandado recollida no artigo 91.2 LPL. En concreto, a transmisión do centro de traballo en que prestaba servizos a demandante enténdese acreditada pola aplicación do citado artigo 91.2 LPL, e ademais polo recorte de prensa do día 24 de xullo de 2011, achegado coa documental da demandante, onde figura unha noticia relativa á «reapertura da estación de servizo de Buño» pola empresa Costa da Morte Desarrollos.

Segundo. Está acreditada a relación laboral entre a parte demandante e Inrola, S.L. Así mesmo, está acreditada a sucesión de empresa por transmisión dun centro de traballo co conseguinte dereito da traballadora demandante a que o novo empresario, Costa da Morte Desarrollos, S.L., se subrogue na súa relación laboral por aplicación do artigo 44 ET. Sendo isto así, e dado que Costa da Morte Desarrollos, S.L. non permitiu á traballadora o acceso ao seu posto de traballo, debe entenderse que se produciu un despedimento tácito o día 22 de xullo de 2011. Este despedimento debe ser declarado improcedente por aplicación do artigo 122.1 e 108.1 LPL, xa que se incumpriron os requisitos formais para iso sen que se acreditase ademais causa ningunha que xustifique a extinción da relación laboral por parte de Costa da Morte Desarrollos, S.L.

A condena debe ditarse respecto da citada empresa, pero non en relación con Inrola, S.L., posto que o mencionado despedimento tivo lugar despois da transmisión do centro de traballo; polo que as obrigas nacidas do citado despedimento terían nacido con posterioridade á transmisión e, por iso, non tendo sido declarada delito a cesión, a responsabilidade non debe alcanzar o cedente por aplicación o artigo 44.3 ET. Por iso, Inrola, S.L. debe ser absolta.

A consecuencia da declaración de improcedencia é a obriga da empresa demandada de optar, no prazo de cinco días desde a notificación da sentenza, entre a readmisión, nas mesmas condicións que rexían antes do despedimento, ou o aboamento dunha indemnización de 45 días de salarios por ano de servizo, rateándose por meses os períodos inferiores a un ano (e tomando as fraccións de mes que puidesen resultar como un mes completo segundo, entre outras, STS unif. doc. 31-10-07, Rec. 4181/06) ata un máximo de 42 mensualidades; e, en todo caso, con aboamento dos salarios deixados de percibir desde a data do despedimento –artigo 123.2 e 110.1 LPL e artigo 56 ET– ata a notificación da presente resolución.

Por todo iso, procede admitir a demanda nos termos indicados.

Resolución.

1. Estimo a demanda sobre despedimento formulada por Carmen Mónica Parga Veiga fronte a Costa da Morte Desarrollos, S.L. e, en consecuencia, declaro a improcedencia do seu despedimento con condena da empresa indicada a que readmita inmediatamente a traballadora nas mesmas condicións que rexían antes de producirse o despedimento, ou ben, a elección da empresa, á extinción da relación laboral con aboamento da indemnización detallada no número segundo desta resolución. Todo iso con aboamento, calquera que fose a súa opción, dos salarios de tramitación que non percibise ata a data da notificación da presente sentenza.

A devandita opción deberá exercitarse en 5 días a partir da notificación desta sentenza, mediante escrito ou comparecencia ante este xulgado. Transcorrido o devandito prazo, sen que se optase, entenderase que procede a readmisión.

2. A indemnización e os salarios de tramitación que debe aboar a empresa demandada, segundo o disposto no número anterior, son os seguintes:

– En concepto de indemnización, e de optar a empresa por ela: 623,70 € (seiscentos vinte e tres con setenta céntimos de euro).

– En concepto de salarios de trámite, os deixados de percibir desde a data do despedimento, calculados a razón de 11,88 €/día, e que ata a data da presente sentenza ascenden a 2.151 euros.

3. Absolvo á empresa Inrola, S.L. en relación coa acción exercitada fronte a esta.

Notifíquese esta sentenza ás partes advertindo que contra ela poderán interpoñer recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza que deberá ser anunciado por comparecencia, ou mediante escrito neste xulgado dentro dos cinco días seguintes á notificación desta sentenza, ou por simple manifestación no momento en que se lle practique a notificación. Advírtase igualmente ao recorrente que non fose traballador ou beneficiario do réxime público de Seguridade Social, ou habentes causa seus, ou non teña recoñecido o beneficio de xustiza gratuíta, que deberá depositar a cantidade de 300 euros na conta aberta en Banesto (0030.1846) a nome deste xulgado co número 1533.0000.65.0773.11 acreditando mediante a presentación do xustificante de ingreso no período comprendido ata a formalización do recurso así como, no caso de ter sido condenado en sentenza ao pagamento dalgunha cantidade, consignar na conta de depósitos e consignacións a nome deste xulgado, co número 1533.0000.60.0773.11 a cantidade obxecto de condena, ou formalizar aval bancario pola devandita cantidade en que se faga constar a responsabilidade solidaria do avalista, incorporándoos a este xulgado co anuncio de recurso. En todo caso, o recorrente deberá designar letrado para a tramitación do recurso, no momento de anuncialo.

Así, por esta a miña sentenza, definitivamente xulgando, pronúncioo, mando e asino».

Publicación. Lida e publicada foi a anterior sentenza polo maxistrado que a ditou, achándose celebrando audiencia pública no día da data, do que dou fe.

Advírteselle ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de localización.

A Coruña, 9 de febreiro de 2012.

O secretario xudicial