Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 28 de febreiro de 2012 Páx. 7086

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 17 de febreiro de 2012 pola que se acorda a cesión en propiedade dun guindastre hidráulico ao Concello de Cervo (Lugo).

O Concello de Cervo, con data do 29 de setembro de 2011, solicitou a cesión dun guindastre hidráulico propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia e adscrito á Consellería do Medio Rural e do Mar, dispoñible no porto de San Cibrao.

Os concellos como entidades públicas, dotadas de personalidade xurídica e capacidade de obrar, para o cumprimento dos fins e o exercicio das funcións que lles están encomendadas, entre outras a función de xestionar e administrar aqueles bens patrimoniais que lles sexan cedidos por outras administracións públicas.

A Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, permite a cesión de bens mobles da Comunidade Autónoma sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social, exixindo o Decreto 50/1989, polo que se aproba o regulamento da Lei 3/1985, aínda en vigor, que a orde de cesión exprese a finalidade concreta á cal a entidade beneficiaria debe destinar o ben, así como as súas condicións.

Tal é o caso do guindastre hidráulico existente no porto de San Cibrao. A Consellería do Medio Rural e do Mar non vai empregar o dito ben e concorren circunstancias que aconsellan acceder á mencionada solicitude.

Para tal fin, a Consellería do Medio Rural e do Mar tramitou o expediente de cesión, de conformidade co disposto na sección 5.ª do capítulo V, do título III da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 96 bis, do regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, engadido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo, en vigor.

Polo exposto e, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Acórdase a cesión en propiedade a favor do Concello de Cervo do seguinte ben moble: guindastre telescópico non pregable de funcionamento hidráulico para varada de embarcacións (capacidade 10 toneladas a 5 metros do eixo), sita no porto de San Cibrao coas seguintes características:

Cabrestante hidráulico con freo, modelo GBW-4100, núm. 953043 con cable, limitador de tiro, final de carreira hidráulico que se vai desenvolver, polea de reenvío 6.100-10.000 kg e contrapeso, instalado.

Central electrohidráulica CH-300P, con depósito inoxidable de 150 litros, motor eléctrico de 30 CV, bomba de pistóns, campa e acoplamento para bomba, filtros e nivel de aceite.

Equipo de radio control con caixa de conexións, botoeira e seta de emerxencia, emisor núm. 717-0710089 e receptor núm. 717-0710090, báscula de peso inalámbrica, modelo LHS 125, núm. 5057-0718, estrutura en cruz para eslingas, núm. EP 107002 e dúas eslingas para 6 toneladas e 14 metros de lonxitude.

Identificación do ben cedido:

Fabricante/marca

Industrias Guerra, S.A.

Modelo

MR500.45A1

N.º serie

C5525

Ano adquisición

Xaneiro 2008

N.º de expediente

2007-14-00199

Valor total

117.189 euros

Artigo 2.

A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O ben cedido tal como establecen os artigos 82.1 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 96 bis, do Decreto 50/1989, polo que se aproba o seu regulamento, destinarase a fins de utilidade pública ou interese social do Concello de Cervo (Lugo), concretamente, á realización de actividades de varada de embarcacións pesqueiras no porto de San Cibrao e aos servizos complementarios demandados no porto.

b) Coa cesión outorgarase ao concello citado a propiedade do ben moble cedido.

c) Se o ben cedido non se aplicase ao fin sinalado, se se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá na Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que experimentasen.

d) Serán por conta da entidade cesionaria todos os gastos de conservación e mantemento do ben moble cedido, así como obter todas as autorizacións precisas para o seu funcionamento de acordo á lexislación vixente.

e) O cesionario estará obrigado a remitir cada tres anos á consellería competente en materia de patrimonio a documentación que acredite o destino do ben cedido, tal e como establece o artigo 85.3 da Lei 5/2011.

Artigo 3.

A devandita cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral técnico desta consellería ou funcionario/a en que delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira primeira.

A Consellería do Medio Rural e do Mar, a través da secretaría xeral técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2012.

Rosa M.ª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar