Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 28 de febreiro de 2012 Páx. 7084

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

DECRETO 81/2012, do 16 de febreiro, polo que se crea a Confraría de Pescadores de Vilaboa Pedra da Oliveira.

As confrarías de pescadores están reguladas na Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia e no Decreto 261/2002, do 30 de xullo, polo que se aproban as normas reguladoras das confrarías de pescadores e as súas federacións, que as configura como corporacións de dereito público que representan intereses económicos e corporativos dos profesionais do sector pesqueiro e marisqueiro e dos seus asociados dentro do seu ámbito territorial.

O artigo 15 da lei e o artigo 65 do decreto prevén a creación de novas confrarías cando exista algunha zona do litoral galego non atribuído a ningunha confraría, e establecen os requisitos que se deben cumprir para a súa creación.

Con este amparo legal a Asociación Profesional de Mariscadores de Vilaboa Pedra da Oliveira instou a creación dunha nova confraría de pescadores para o ámbito territorial comprendido entre Punta do Cabalo ata Punta do Aradoiro no fondo da ría de Vigo, e presentou unha solicitude asinada por 99 profesionais habilitados no ámbito territorial no que se pretende establecer, lexitimada por notario, xunto cunha memoria dos servizos que a confraría podería prestar desde o momento da súa creación, un proxecto de estatutos e un estudo económico de viabilidade vinculado aos bens e dereitos da Asociación Profesional de Mariscadores de Vilaboa Pedra da Oliveira.

A Consellería do Mar comprobou que os solicitantes constitúen a maioría de profesionais exixida no artigo 15 da Lei 9/1993 e que se cumpren as demais formalidades para a creación dunha nova confraría, polo que solicitou informe ás confrarías lindantes e á Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra.

Unha vez emitidos estes informes, a Consellería do Medio Rural e do Mar propón elevar ao Consello da Xunta de Galicia o acordo para a creación da Confraría de Pescadores de Vilaboa Pedra da Oliveira.

En consecuencia, por proposta da conselleira do Medio Rural e do Mar e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaseis de febreiro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Créase a Confraría de Pescadores de Vilaboa Pedra da Oliveira como corporación de dereito público, dotada de personalidade xurídica e capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 2.

O ámbito territorial da Confraría de Pescadores de Vilaboa Pedra da Oliveira comprende desde punta do Cabalo ata punta do Aradoiro, tendo o seu límite na pedra da Espiga, sita nas coordenadas l: 42° 17’ 28,285”, L: 8° 39’ 32,764” (ETRS89).

Artigo 3.

A nova confraría de pescadores estará suxeita ás disposicións da Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia e do Decreto 261/2002, do 30 de xullo, polo que se aproban as normas reguladoras das confrarías de pescadores e as súas federacións.

Disposición derradeira.

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de febreiro de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar