Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 28 de febreiro de 2012 Páx. 7081

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 13 de febreiro de 2012 sobre aprobación definitiva da modificación número 11 do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Mugardos para actuación rehabilitadora do Castelo da Palma.

O Concello de Mugardos solicita a aprobación definitiva da modificación puntual referida en virtude do artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Mugardos conta na actualidade cun Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente polo Pleno do concello o 19.10.1999.

2. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible decidiu non someter a modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica, en Resolución do 30.7.2007.

3. A Dirección Xeral de Urbanismo emitiu o informe previo á aprobación inicial, conforme o artigo 85.1 da LOUG, con data do 8.11.2007.

4. Consta informe xurídico do secretario con data do 1.2.2008, previo á aprobación inicial.

5. O Pleno do concello aprobou inicialmente a modificación en sesión do 12.2.2008. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (Diario de Ferrol e La Voz de Galicia do 29.2.2008, e Diario Oficial de Galicia do 6.3.2008) sen se ter presentado ningunha alegación, segundo o certificado municipal con data do 15.5.2008.

6. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible) emitiu informe, de carácter favorable, con data do 8.4.2008.

7. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (Consellería de Cultura e Deporte) tras un primeiro informe desfavorable con data do 9.4.2008, emite informe favorable o 29.8.2008.

8. A Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda (Consellería de Vivenda e Solo) emite informe favorable o 29.9.2008.

9. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe favorable en materia de costas en data 25.3.2009.

10. A Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar (Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño) tras emitir informes desfavorables con datas do 30.9.2008, do 2.2.2009 e do 13.9.2010, emitiu informe favorable con data do 17.5.2011.

11. No expediente constan os informes municipais, técnico con data do 15.7.2011, e xurídico con data do 28.7.2011, previos á aprobación provisional.

12. O proxecto foi aprobado provisionalmente polo Pleno municipal con data do 2.8.2011.

13. O Consello de Ministros acordou, con data do 28.10.2011, autorizar a execución das obras comprendidas no denominado «Proxecto básico de rehabilitación, reforma e ampliación do Castelo da Palma para hotel de 5 estrelas con Spa» na zona de servidume de protección de costas (autorización preceptiva para este uso, segundo o artigo 25.3 da Lei 22/1988, de costas, e artigo 47 do Regulamento).

14. A técnica municipal e o secretario emitiron cadanseus informes con data do 12.12.2011 e do 13.12.2011.

15. O proxecto corrixido foi aprobado provisionalmente polo Concello Pleno en sesión con data do 23.12.2011.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

A modificación ten por obxecto suprimir a cualificación de sistema xeral de equipamento de parte da parcela do castelo, e establecer unha nova cualificación de sistema xeral de equipamentos nunhas parcelas de titularidade municipal.

E destinar o Castelo da Palma a usos de carácter hoteleiro e hosteleiro, para viabilizar o mantemento da edificación e obter un aproveitamento produtivo, o que é congruente cos obxectivos de ordenación expresados na memoria do PXOM vixente para a Enseada do Baño.

Ademais de alterar a ficha do catálogo para permitir os novos usos, clasifícase como solo rústico de protección de patrimonio o ámbito de solo rústico incluído na delimitación do contorno do Castelo da Palma como Ben de Interese Cultural (Decreto 186/2007).

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación remitida polo Concello de Mugardos, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

1. Os motivos que se invocan inclúense entre as razóns de interese público referidas no artigo 94.1 da LOUG como base das modificacións de planeamento urbanístico.

2. Esta Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo informou favorablemente a actuación no marco da tramitación da excepcionalidade prevista no artigo 25.3 da Lei de costas, constando autorización en materia de costas para a actuación por Acordo do Consello de Ministros do 28 de outubro de 2011.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións de planeamento xeral lle corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 de Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de  Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual n.º 11 do PXOM de Mugardos, para actuación rehabilitadora do Castelo da Palma.

Segundo. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa notificación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2012.

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas