Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 28 de febreiro de 2012 Páx. 7221

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da liña eléctrica de evacuación da central hidroeléctrica Peares II, no termo municipal de Carballedo (expediente IN408A 001/2010-CH).

Examinado o expediente instruído a pedimento da empresa Generación Peninsular, S.L.U., con domicilio para efectos de notificación na avenida de San Luis, 77, 28033, Madrid, resultan os seguintes,

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 29 de xuño de 2010, Generación Peninsular, S.L.U. solicitou a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución das instalacións electromecánicas da Central Hidroeléctrica Peares II.

Segundo. Por Acordo do 27 de xaneiro de 2011, do Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo, someteuse á información pública a petición de autorización e a aprobación do proxecto de execución e de inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica para o proxecto electromecánico da central hidroeléctrica dos Peares II, e publicouse no DOG do 18 de febreiro e no BOP de Lugo do 10 de febreiro de 2011, non tendo constancia esta dirección xeral de que, durante o período de información pública se presentase ningunha alegación.

Terceiro. Con data do 6 de maio de 2011 Generación Peninsular, S.L.U. solicitou a desistencia da tramitación conxunta da liña de evacuación da Central Hidroeléctrica Peares II, comprendida no proxecto de execución Proxecto electromecánico da central hidroeléctrica dos Peares II, sendo obxecto a liña de interconexión dunha tramitación administrativa posterior.

Cuarto. Por Resolución do 29 de xullo de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, autorizouse administrativamente e aprobouse o proxecto de execución do aproveitamento hidroeléctrico no río Miño da central dos Peares II, situado nos termos municipais de Carballedo e Pantón (Lugo), promovido pola mercantil Generación Peninsular, S.L.U., excluíndo a liña de interconexión.

Quinto. Con data do 19 de outubro de 2011, Generación Peninsular, S.L.U. solicita a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución da liña eléctrica de evacuación da central hidroeléctrica Peares II, presentando o preceptivo proxecto de execución.

Sexto. As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

Liña eléctrica subterránea de corrente alterna trifásica a 132 kV de tensión nominal, condutor RHE 76/132 1×630 mm2 aluminio, con illamento XLPE, en canaleta, galería e/ou bandexa (segundo o tramo), un circuíto para a evacuación da enerxía que se xere con orixe, por tanto, na central hidroeléctrica Peares II e final na nova posición de liña de 132 kV (que se vai instalar) na subestación eléctrica dos Peares de Unión Fenosa Distribución, S.A., cunha lonxitude de 1.000 m.

Concello: Carballedo (Lugo).

Sétimo. Con data do 16 de novembro de 2011, os servizos técnicos da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo emiten informe favorable ao proxecto de execución da liña eléctrica de evacuación da Central Hidroeléctrica Peares II, facendo constar que a instalación descrita coincide exactamente coa sometida a información pública mediante o Acordo do 27 de xaneiro de 2011, do Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo, citado no antecedente de feito segundo.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Decreto 79/2009, do 19 de abril, e no Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polos que se fixa a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e das súas consellerías (DOG do 20.4.2009 e 3.2.2011, respectivamente), no Decreto 324/2009, do 11 de xuño (DOG do 17.6.2009) polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, modificada pola Lei 17/2007, do 4 de xullo e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a liña eléctrica de evacuación da Central Hidroeléctrica Peares II, no termo municipal de Carballedo (Lugo).

2. Aprobar o proxecto de execución e a súa modificación da instalación eléctrica que se cita.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa, asinado polo enxeñeiro industrial José María García Bernardo, e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid, con número de rexistro 201005987, con data do 27 de setembro de 2011, e cun orzamento total de 522.088,00 euros.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguranza.

Terceira. En todo momento se deberá cumprir canto establecen os regulamentos técnicos de aplicación, así como as demais normativas e directrices vixentes aplicables e, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas. Así mesmo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo, poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e debe comunicar a esta dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos pola empresa promotora.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Sétima. Esta autorización dáse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2011.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas