Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 24 de febreiro de 2012 Páx. 6823

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 2012 pola que se fai público o acordo do Consello de Dirección do Igape polo que se modifican as bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) á reorientación e competitividade das pemes galegas, en parte cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

Mediante Resolución do 15 de abril de 2010 (DOG número 80, do 29 de abril) publicáronse as bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica á reorientación e competitividade das pemes galegas, en parte cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

A experiencia na avaliación dos programas destas bases reguladoras, xunto coas demandas das propias empresas, motivan a proposta dunha serie de modificacións do seu articulado, como a supresión da posibilidade de solicitar anticipos, xa que a súa baixa utilización comporta unha ineficacia dos recursos.

A necesidade de favorecer a recuperación do emprego aconsella a inclusión da obriga da creación de emprego, e en correspondencia adécuanse os criterios de avaliación ao obxecto de valorar a creación de emprego, con especial valoración cando se trate de empregados que pertenzan a colectivos de difícil inserción.

Ante o elevado número de solicitudes que erroneamente solicitan software non vinculado ao servizo prestado pola peme, faise precisa unha maior concreción no software que non se considera subvencionable.

A nova estrutura orgánica do Igape atribúe as competencias en apoios á mellora competitiva á nova Área de Competitividade, polo que procede á súa modificación no texto das bases.

O Consello de Dirección do Igape, na súa reunión do 13 de outubro de 2011, acordou a modificación das bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica á reorientación e competitividade das pemes galegas, en parte cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

Por todo o anterior, e en virtude das facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro.

Publicar a modificación das bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica á reorientación e competitividade das pemes galegas, en parte cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, no seguinte sentido:

– Modifícase o artigo 1.1.3, que queda redactado do seguinte xeito:

Segundo a regulación específica establecida no artigo 8, poderán ser subvencionables proxectos de investimento tecnolóxico das pemes cando creen emprego cun investimento subvencionable entre 100.000 e 500.000 €.

– Modifícase o artigo 4.1.a), que queda coa seguinte redacción:

As actividades de produción primaria dos produtos agrarios, e as actividades nos sectores da pesca e da acuicultura regulamentadas polo Regulamento (CE) 104/2000.

- CNAE 09: divisións 01, 02, 03 e 05 (todos os grupos e clases agás 01.61, 01.62 e 02.40).

- CNAE 09: grupo 10.2 (todas as clases) e clase 46.38.

– Engádese o punto 5 no artigo 4:

Tamén será requisito para poder ser beneficiario destas axudas a inscrición no Rexistro de establecementos industriais de Galicia para as empresas incluídas no ámbito de aplicación do Decreto 115/2000, do 11 de maio (DOG número 100, do 24 de maio).

– Modifícase o artigo 5.3, que queda redactado do seguinte xeito:

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren. A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán xuntar ao cuestionario de solicitude, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta economicamente máis vantaxosa.

– Modifícase o artigo 5.9, que pasa a ter a seguinte redacción:

Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda.

– Modifícanse as letras b) e c) do artigo 6.4., que quedan redactadas como segue:

b) A localización do proxecto, segundo o anexo III a estas bases (0-20 puntos).

c) A dimensión da empresa, son prioritarios os proxectos propostos por medianas empresas (0-25 puntos).

– Engádese o artigo 8.1.3 co seguinte texto:

Para seren subvencionables, os proxectos deberán comprometerse á creación de polo menos un novo emprego, de xeito que se poida comprobar o cumprimento desta condición mediante a comparación do emprego existente en 1 de xaneiro e o emprego existente en 30 de setembro do ano do desenvolvemento ou execución do proxecto para o cal se solicita axuda; para acreditar o incremento de emprego neto, presentaranse as copias dos contratos de traballo formalizados rexistrados no SEPE e os informes de vida laboral da empresa nesas dúas datas. O incumprimento da condición de creación de emprego considerarase incumprimento total.

– Modifícase o artigo 8.3, que queda redactado do seguinte xeito:

Criterios de avaliación para a selección de proxectos: cun mínimo dun 10% e ata un máximo de axuda do 40% sobre os gastos subvencionables, teranse en conta na avaliación e puntuación para a selección de proxectos e na determinación da intensidade da axuda os criterios seguintes:

a) Sectores prioritarios relacionados no anexo IV a estas bases (10 puntos).

b) Empresa adscrita a un clúster galego legalmente constituído (5 puntos).

c) Compromiso de creación de emprego na peme. Outorgaranse 3 puntos por cada novo emprego que se comprometan a crear respecto aos traballadores existentes en 1 de xaneiro do ano da convocatoria. Asignaránselle 2 puntos adicionais se o compromiso relativo a algún dos empregos que se van crear nese período pertence a colectivos con dificultades de acceso ao emprego: persoas desempregadas que esgotasen as prestacións por desemprego, persoas desempregadas de máis de 45 anos, mozas e mozos menores de 30 anos, vítimas de violencia de xénero, persoas con discapacidade, persoas desempregadas que pertencen a colectivos en risco de exclusión social ou mulleres (3-20 puntos).

d) Localización do proxecto dentro de Galicia, segundo o anexo III a estas bases (0-20 puntos).

e) Grao de innovación:

i. No nivel de empresa:

1. Novos produtos (15 puntos).

2. Procesos non realizados previamente (10 puntos).

3. Mellora ou automatización de procesos preexistentes (5 puntos).

ii. Orixe da innovación (lugar de fabricación dos activos que se van implantar):

1. Galicia (15 puntos).

2. Resto de España (10 puntos).

3. Estranxeiro (5 puntos).

f) A existencia de sistemas de calidade e de xestión ambiental certificados por entidade acreditada (10 puntos).

g) A utilización da lingua galega na actividade subvencionada (5 puntos).

– Modifícase o artigo 9.1.1.b), que queda como segue:

O comercio por xunto e o comercio polo miúdo: reparación de vehículos de motor e motocicletas. (CNAE 09, grupos 45.1, 45.2 e 45.4).

– Engádese o seguinte parágrafo no artigo 9.2.c):

Non será subvencionable calquera software que apoie procesos internos da empresa (como o propio ERP da empresa).

– Modifícase o artigo 9.3, que queda coa seguinte redacción:

Criterios de avaliación para a elección de proxectos: cun mínimo dun 15% e un máximo de axuda do 40% sobre os gastos subvencionables, teranse en conta na avaliación e puntuación para a selección de proxectos e na determinación da intensidade da axuda os criterios seguintes:

a) Sectores de servizos de apoio, comercialización ou directamente relacionados cos prioritarios relacionados no anexo IV a estas bases (10 puntos).

b) Empresa adscrita a un clúster galego legalmente constituído (5 puntos).

c) Compromiso de creación de emprego na peme. Outorgaranse 3 puntos por cada novo emprego que se comprometan a crear respecto aos traballadores existentes en 1 de xaneiro do ano da convocatoria. Asignaránselle 2 puntos adicionais se o compromiso relativo a algún dos empregos que se van crear nese período pertence a colectivos con dificultades de acceso ao emprego: persoas desempregadas que esgotasen as prestacións por desemprego, persoas desempregadas de máis de 45 anos, mozas e mozos menores de 30 anos, vítimas de violencia de xénero, persoas con discapacidade, persoas desempregadas que pertencen a colectivos en risco de exclusión social ou mulleres (0-20 puntos).

d) Localización do proxecto dentro de Galicia, segundo o anexo III a estas bases (0-20 puntos).

e) Grao de innovación:

i. No nivel de empresa:

1. Xeración dun novo servizo (15 puntos).

2. Procesos non realizados previamente (10 puntos).

3. Mellora ou automatización de procesos preexistentes (5 puntos).

ii. Orixe da innovación (lugar de fabricación dos activos que se van implantar):

1. Galicia (15 puntos).

2. Resto de España (10 puntos).

3. Estranxeiro (5 puntos).

f) A existencia de sistemas de calidade e de xestión ambiental certificados por entidade acreditada (10 puntos).

g) A utilización da lingua galega na actividade subvencionada (5 puntos).

– Modifícase o artigo 11.2, que queda redactado como segue:

Co fin de prestar asistencia para cubrir o cuestionario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente o cuestionario. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente.

– Modifícase o artigo 12, que pasa a ter a seguinte redacción:

A Área de Competitividade será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e corresponde ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

– Modifícase o artigo 14.3, que queda redactado do seguinte xeito:

14.3. A proposta de resolución provisional das solicitudes puntuadas, que cuantificará, de ser o caso, as subvencións propostas e conterá unha lista de reserva (a cal estará vixente ata a emisión da resolución definitiva) para cubrir posibles revogacións ou desistencias, publicarase na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es e no taboleiro de anuncios do Igape, no prazo máximo de catro (4) meses desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes.

– Modifícase o artigo 14.6, que queda redactado do seguinte xeito:

Unha vez analizadas as ditas alegacións e a documentación recibida, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, na cal se reflectirá a contía da axuda concedida a cada solicitude.

– Modifícase o artigo 16, que queda redactado do seguinte xeito:

16.1. Unha vez que se dite a resolución de concesión non se admitirán modificacións a ela, agás aquelas que puidesen derivar da tramitación do procedemento de incumprimento parcial de acordo co previsto no artigo 21.3 destas bases.

16.2. Sen necesidade de instar procedemento de incumprimento ou modificación da subvención, o Igape poderá aceptar variacións nos diversos capítulos de gasto aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20% de cada capítulo e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de gasto aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

– Modifícase o artigo 18.1, que queda redactado como segue:

Os beneficiarios deberán presentar a solicitude de cobramento da subvención no prazo dun mes desde o remate do prazo de execución establecido na resolución de concesión sen que nunca poida exceder o 30 de outubro do exercicio correspondente á anualidade establecida na resolución de concesión (en caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo finalizará o día hábil seguinte), excepto no caso de presentación de recurso administrativo, en que a data límite se establecerá na resolución que o resolva.

– Modifícase o artigo 18.6.2, que queda redactado do seguinte xeito:

Para as liñas de axuda dos artigos 8 e 9: acreditación do lugar de fabricación dos activos subvencionados e copia dos contratos de traballo formalizados rexistrados no SEPE e certificados de vida laboral da empresa en 1 de xaneiro do ano de convocatoria da axuda e en 30 de setembro do ano do desenvolvemento ou execución do proxecto para o cal se solicita axuda.

– Modifícase o artigo 18.6.3.b) i), que pasa a ter a seguinte redacción:

i) Xustificante de transferencia bancaria ou dos documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de execución, así como, se é o caso, o seu cargo en conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Os extractos bancarios a través da internet deberán ter estampado o selo orixinal da entidade financeira.

– Elimínase o artigo 18.6.3 e) e reenuméranse as letras.

– Modifícase o artigo 20, que queda redactado como segue:

20. Anticipos.

Nesta liña de axudas non se poderán solicitar anticipos.

– Modifícase o artigo 21, que pasa a ter a seguinte redacción:

21.1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

21.2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

21.3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e deberán, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50% da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) Non será necesario iniciar procedemento de incumprimento cando se xustifiquen gastos por importe inferior ao aprobado na resolución de concesión, sempre que non sexan inferiores ao 50% del, que a minoración non desvirtúe o proxecto, que se cumpran o resto das condicións da resolución e que o beneficiario manifeste a súa conformidade coa minoración proporcional da subvención en función dos gastos xustificados.

c) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida.

– Substitúese o anexo II, «Solicitude de cobramento», polo que se anexa a esta resolución.

– Substitúese o anexo III, «Localizacións preferentes», polo que se anexa a esta resolución.

– Substitúese o anexo IV, «Sectores prioritarios», polo que se anexa a esta resolución.

Segundo.

Esta modificación entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e rexerá soamente para as convocatorias de axuda publicadas posteriormente á dita entrada en vigor.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2012.

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO III
Localizacións preferentes
Axudas do Igape á reorientación e competitividade das pemes galegas, en parte cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013

– Para os proxectos que se van implantar nos seguintes municipios, nos criterios de avaliación e selección de proxectos, o criterio de localización avaliarase con 20 puntos:

• Municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal: municipios da Capela, As Pontes de García Rodríguez, Ares, Cabanas, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño.

• Municipios da Costa da Morte: A Laracha, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muros, Muxía, Ponteceso, Santa Comba, Vimianzo, Zas.

• Municipios da provincia de Lugo.

• Municipios da provincia de Ourense.

– Para os proxectos que se van implantar nos seguintes municipios, nos criterios de avaliación e selección de proxectos o criterio de localización avaliarase con 10 puntos:

Provincia da Coruña.

Abegondo

Dodro

Pino, O

Aranga

Frades

Porto do Son

Arzúa

Irixoa

Rois

Baña, A

Lousame

Santiso

Betanzos

Melide

Sobrado

Boimorto

Mesía

Toques

Boqueixón

Negreira

Tordoia

Brión

Noia

Touro

Cerceda

Ordes

Trazo

Cesuras

Outes

Val do Dubra

Coirós

Oza dos Ríos

Vedra

Curtis

Paderne

Vilasantar

Padrón

Vilarmaior

Provincia de Pontevedra.

Agolada

Dozón

Oia

Arbo

Estrada, A

Pazos de Borbén

Barro

Forcarei

Ponte Caldelas

Campo Lameiro

Fornelos de Montes

Pontecesures

Cañiza, A

Lama, A

Portas

Catoira

Lalín

Rodeiro

Cerdedo

Meis

Salvaterra de Miño

Cotobade

Mondariz

Silleda

Covelo

Mondariz-Balneario

Vila de Cruces

Crecente

Moraña

Valga

Cuntis

Neves, As

ANEXO IV
Sectores prioritarios
Axudas do Igape á reorientación e competitividade das pemes galegas, en parte
cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do
Programa operativo Feder Galicia 2007-2013

1. Sector auxiliar de automoción.

2. Industria da madeira.

3. Industria de transformación agroalimentaria.

4. Sector moda (confección e complementos), agás o que se refira ao sector das fibras sintéticas tal como o define o anexo II das directrices comunitarias sobre as axudas de estado de finalidade rexional para o período 2007-2013 (2006/C 54/08), DOUE do 4.3.2006.

5. Industria aeronáutica e auxiliar.

6. Sector náutica deportiva e de recreo e auxiliar de náutica deportiva e de recreo.

7. Sector químico e industria farmacéutica.

8. Fabricación de material sanitario.

9. Biotecnoloxía, biomecánica.

10. Fabricación de equipamentos ambientais.

11. Fabricación de equipamentos e sistemas para instalacións de enerxías renovables.

12. Eliminación, valorización ou reciclaxe de residuos.

13. Servizos e desenvolvemento de software.

14. Sector audiovisual e desenvolvemento de contidos.

15. Centros telemáticos.

missing image file