Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 24 de febreiro de 2012 Páx. 6836

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 2012 pola que se fai público o acordo do Consello de Dirección do Igape polo que se modifican as bases reguladoras das axudas do Igape aos proxectos colectivos empresariais, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013.

Mediante Resolución do 15 de abril de 2010 (DOG número 73, do 20 de abril) publicáronse as bases reguladoras das axudas do Igape aos proxectos colectivos empresariais, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, as cales foron modificadas mediante Resolución do 10 de xaneiro de 2011 (DOG número 11, do 18 de xaneiro).

A experiencia na avaliación dos programas destas bases reguladoras, xunto coas demandas das propias empresas motivan a formulación dunha serie de modificacións do seu articulado, como a supresión da posibilidade de solicitar anticipos, xa que a súa baixa utilización leva consigo unha ineficacia dos recursos.

Ante a dificultade por parte dos organismos intermedios na consecución de proxectos de inmersión profesional que conten cun mínimo de cinco pemes faise precisa a admisión de proxectos solicitados por pemes individuais, manténdose a prioridade dos proxectos presentados por organismos intermedios.

A nova estrutura orgánica do Igape atribúe as competencias en apoios aos proxectos colectivos empresariais á nova Área de Competitividade, polo que procede a correspondente modificación no texto das bases.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 13 de outubro de 2011, acordou a modificación das bases reguladoras das axudas do Igape aos proxectos colectivos empresariais, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2007-2013.

Por todo o anterior e en virtude das facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar a modificación das bases reguladoras das axudas do Igape aos proxectos colectivos empresariais, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, no seguinte sentido:

– Modifícase o artigo 1.3.b), engadindo o seguinte texto:

Neste programa, ben que serán prioritarios os proxectos presentados por organismos intermedios, poderán tamén admitirse proxectos de inmersión profesional solicitados por pemes individuais.

– Engádese a letra c) no artigo 4.1:

Na liña de axuda do punto 1.3.b), ben que serán prioritarios os proxectos presentados por organismos intermedios, poderán tamén admitirse proxectos de inmersión profesional solicitados por pemes individuais e será requisito a inscrición no Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia para as empresas incluídas no ámbito de aplicación do Decreto 115/2000, do 11 de maio (DOG número 100, do 24 de maio).

– Modifícase o artigo 4.3.a), quedando redactado do seguinte xeito:

As actividades de produción primaria dos produtos agrarios, e as actividades nos sectores da pesca e da acuicultura regulamentadas polo Regulamento (CE) 104/2000:

- CNAE 09: divisións 01, 02, 03 e 05 (todos os grupos e clases agás 01.61, 01.62 e 02.40).

- CNAE 09: grupo 10.2 (todas as clases) e clase 46.38.

– Modifícase o artigo 5.3, quedando redactado do seguinte xeito:

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse ao cuestionario de solicitude, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta economicamente máis vantaxosa.

– Modifícase o artigo 6.2.1, quedando redactado do seguinte xeito:

Para as iniciativas previstas na letra a) do artigo 1.1 anterior, con carácter xeral cun mínimo dun 25% e ata un máximo do 70% dos gastos subvencionables, teranse en conta na avaliación e selección de proxectos e na determinación da intensidade da axuda, os seguintes criterios:

a) Proxectos presentados por clústers galegos legalmente constituídos (10 puntos).

b) A localización da celebración do evento, segundo o anexo IV a estas bases (10 puntos).

c) A participación de representantes de empresas privadas, institucións públicas e universidades no evento (0-20 puntos).

d) A singularidade da temática e as formulacións previstas (0-20 puntos).

e) O nivel contrastado dos relatores (0-25 puntos).

f) A previsión de difusión de iniciativas e programas do Igape relacionados coa temática do evento (0-10 puntos).

g) A utilización da lingua galega nos eventos subvencionados (5 puntos).

– Modifícase o artigo 7.2, quedando redactado do seguinte xeito:

Criterios de avaliación e selección de proxectos.

O expediente avaliarase cos seguintes criterios, seleccionando aqueles que obteñan maior puntuación ata o límite do orzamento asignado:

a) O sector de actividade, sendo prioritarios os sectores definidos no anexo III destas bases reguladoras (10 puntos).

b) A localización do proxecto, segundo o anexo IV a estas bases (10 puntos).

c) O valor do servizo en termos de cobertura de necesidades para quen se dirixe (0-15 puntos).

d) O número de asociados que representa o organismo solicitante (0-20 puntos).

e) A inexistencia previa do servizo que se desenvolverá, prestado a través de terceiros, en Galicia (0-20 puntos).

f) A utilización da lingua galega na actividade subvencionada (5 puntos).

– Modifícase o artigo 8.2, quedando redactado do seguinte xeito:

Criterios de avaliación e selección de proxectos.

O expediente avaliarase cos seguintes criterios, seleccionando aqueles que obteñan maior puntuación ata o límite do orzamento asignado:

a) Proxectos presentados por clústers galegos legalmente constituídos (15 puntos).

b) A localización do proxecto, segundo o anexo IV a estas bases (10 puntos).

c) A singularidade, novidade e oportunidade do obxectivo do proxecto (0-20 puntos).

d) O número de pemes (identificadas) que participen no proxecto e a adecuación deste número ao obxecto do proxecto (0-20 puntos).

e) A experiencia do organismo intermedio en coordinación e execución de proxectos dirixidos a pemes (0-10 puntos).

f) O carácter sectorial do proxecto, sendo neste caso prioritarios os proxectos dirixidos a algún dos sectores que figuran no anexo III destas bases reguladoras (0-20 puntos).

g) A utilización da lingua galega na actividade subvencionada (5 puntos).

– Modifícase o artigo 11.2, que pasa a ter a seguinte redacción:

Co fin de prestar asistencia para cubrir o cuestionario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que, en cada momento, se establezan para esta finalidade. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente o cuestionario. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente.

– Modifícase o artigo 12, que pasa a ter a seguinte redacción:

A Área de Competitividade será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e correspóndelle ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

– Modifícase o primeiro parágrafo do artigo 14.3, que queda redactado do seguinte xeito:

14.3. A proposta de resolución provisional das solicitudes puntuadas que cuantificará, se é o caso, as subvencións propostas e conterá unha lista de reserva (a cal estará vixente ata a data de emisión da resolución definitiva), para cubrir posibles revogacións ou desistencias, publicarase na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es e no taboleiro de anuncios do Igape, no prazo máximo de 4 meses desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes. A proposta seralle notificada individualmente a todos os interesados. Os interesados propostos como beneficiarios ou como reservas serán requiridos para que, no prazo de 10 días, presenten a seguinte documentación, con indicación de que, se non o fixesen, se lles terá por desistidos da súa solicitude, arquivándoa sen máis trámite e propoñendo a concesión ou o posto de reserva na lista de espera ao seguinte solicitante da relación:

– Modifícase o artigo 14.5, que queda redactado do seguinte xeito:

Unha vez analizadas as ditas alegacións e a documentación recibida, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, na que se reflectirá a contía da axuda concedida a cada solicitude.

– Modifícase o artigo 16, que pasa a ter a seguinte redacción:

16.1. No caso das axudas aos proxectos establecidos nos artigos 1.3.b) e 1.3.c) poderanse solicitar modificacións da resolución, tramitando o cuestionario sinalado no artigo 11 destas bases e presentando a súa instancia dirixida ao director do Instituto Galego de Promoción Económica. A solicitude de modificación deberá presentarse con anterioridade mínima de tres meses ao vencemento do prazo de execución do proxecto. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo director do Igape, logo da instrución do correspondente expediente no cal se lles dará audiencia aos interesados. Nas restantes liñas de axuda non se admitirán modificacións das resolucións de concesión, salvo no tocante á identificación das empresas participantes.

16.2. En ningún caso a modificación poderá supoñer a elevación da contía da base subvencionable e da axuda inicialmente aprobada, nin se admitirán nin aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 50% do gasto subvencionable inicialmente aprobado.

16.3. Sen necesidade de instar procedemento de incumprimento ou modificación da subvención, o Igape poderá aceptar variacións nos diversos capítulos de gasto aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20% de cada capítulo e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de gasto aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

– Modifícase o artigo 18.1, que pasa a ter a seguinte redacción:

Os beneficiarios deberán presentar a solicitude de cobramento da subvención no prazo dun mes desde a fin do prazo de execución establecido na resolución de concesión sen que poida presentarse a solicitude de cobramento despois do 30 de outubro do exercicio correspondente á anualidade establecida na resolución de concesión (en caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo finalizará o día hábil seguinte), excepto no caso de presentación de recurso administrativo no que a data límite se establecerá na resolución que o resolva.

– Modifícase o artigo 18.6.1.b).i), que queda redactado como segue:

i) Xustificante de transferencia bancaria ou dos documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de execución, así como, se é o caso, o seu cargo en conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Os extractos bancarios a través da internet deberán ter estampado o selo orixinal da entidade financeira.

– Elimínase o artigo 18.6.1.c) e reenuméranse as letras.

– Elimínase o último parágrafo do artigo 19.2.

– Modifícase o artigo 20, que queda redactado como segue:

Nestas axudas non se prevé a concesión de anticipos.

– Modifícase o artigo 21, que queda redactado do seguinte xeito:

21.1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

21.2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

21.3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superase o 50% da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, debendo reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) Non será necesario iniciar procedemento de incumprimento cando se xustifiquen gastos por importe inferior ao aprobado na resolución de concesión, sempre que non sexan inferiores ao 50% do mesmo, que a minoración non desvirtúe o proxecto, que se cumpran o resto das condicións da resolución e que o beneficiario manifeste a súa conformidade coa minoración proporcional da subvención en función dos gastos xustificados.

c) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida.

21.4. Poderase considerar plenamente xustificada a subvención no proceso de comprobación cando o Igape constate que os gastos efectivamente xustificados sexan inferiores á contía do importe subvencionado e esta diferenza dese lugar a unha minoración no importe da subvención ou no importe que se vaia reintegrar inferior a 30 € ou á contía que, para eses efectos, fixe a consellería competente.

21.5. En todo caso, cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución, omitíndose o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o Igape poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros e sen que a aceptación das alteracións exima o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

– Substitúese o anexo II, «Solicitude de cobramento» polo que se anexa a esta resolución.

– Substitúese o anexo III, «Sectores prioritarios», polo que se anexa a esta resolución.

– Engádese o anexo IV, «Localizacións preferentes» que se anexa a esta resolución.

Segundo. Esta modificación entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e rexerá soamente para as convocatorias de axuda publicadas posteriormente á dita entrada en vigor.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2012.

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO III
SECTORES PRIORITARIOS

Axudas do Igape aos proxectos colectivos empresariais, cofinanciados co Fondo Social Europeo no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013

1. Sector auxiliar de automoción.

2. Industria da madeira.

3. Industria de transformación agroalimentaria.

4. Sector moda (confección e complementos), agás o que se refira ao sector das fibras sintéticas tal como o define o anexo II das directrices comunitarias sobre as axudas de Estado de finalidade rexional para o período 2007-2013 (2006/C 54/08), DOUE do 4.3.2006.

5. Industria aeronáutica e auxiliar.

6. Sector náutica deportiva e de recreo e auxiliar de náutica deportiva e de recreo.

7. Sector químico e industria farmacéutica.

8. Fabricación de material sanitario.

9. Biotecnoloxía, biomecánica.

10. Fabricación de equipos ambientais.

11. Fabricación de equipos e sistemas para instalacións de enerxías renovables.

12. Eliminación, valorización ou reciclaxe de residuos.

13. Servizos e desenvolvemento de software.

14. Sector audiovisual e desenvolvemento de contidos.

15. Centros telemáticos.

ANEXO IV
LOCALIZACIÓNS PREFERENTES

Axudas do Igape aos proxectos colectivos empresariais, cofinanciados co Fondo Social Europeo no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013

– Para os proxectos que se van implantar nos seguintes municipios, nos criterios de avaliación e selección de proxectos, o criterio de localización avaliarase con 10 puntos:

• Municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal: municipios da Capela, As Pontes, Ares, Cabanas, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño.

• Municipios da Costa da Morte: A Laracha, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muros, Muxía, Ponteceso, Santa Comba, Vimianzo, Zas.

• Municipios da provincia de Lugo.

• Municipios da provincia de Ourense.

missing image file