Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 24 de febreiro de 2012 Páx. 6897

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 5 de Las Palmas de Gran Canaria

AUTO (30/2012).

Auto.

Las Palmas de Gran Canaria, 1 de febreiro de 2012.

Unha vez presentado o anterior escrito n.º 4721 pola representación da demandante, únase aos autos e rexístrese a solicitude a que se refire co seu número de orde no libro correspondente.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Que con data do 14 de decembro de 2011 recaeu sentenza nestes autos, que é firme en dereito, e cuxa resolución ten o teor literal seguinte:

«Que estimando a demanda promovida por Ernesto López Silveira contra Infoelga Montajes Eléctricos, S.L.N.E. e o Fondo de Garantía Salarial, declaro a improcedencia do despedimento de que foi obxecto o demandante, e condeno a empresa demandada a se ater a esta decisión. A empresa demandada deberá readmitir o traballador ou, alternativamente, aboarlle ao demandante a cantidade de tres mil cincocentos setenta e sete euros con cincuenta céntimos (3.577,50 euros), en concepto de indemnización. Deberá exercer a opción no prazo de cinco días desde a notificación desta sentenza, por escrito ou por comparecencia ante este xulgado, coa advertencia de que, de non optar expresamente dentro dese prazo, se entenderá obrigatoria a readmisión, con aboamento, en ambos os casos, sexa cal sexa o sentido da opción, así como a cantidade de 39,75 euros diarios desde o 19 de maio de 2011 –día seguinte ao do despedimento producido– ata a data de notificación da sentenza, en concepto de salarios de tramitación. Así mesmo, condeno o Fondo de Garantía Salarial a se ater a esta resolución e a asumir as responsabilidades que lle poidan corresponder.

Segundo. Que no anterior escrito n.º 4721 a parte demandante solicita a execución da sentenza, alegando que non se produciu a readmisión ordenada e solicita a extinción da relación laboral.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A execución de sentenzas firmes iniciarase por instancia de parte, e tramitarase de oficio na forma previda na Lei de axuizamento civil, coas especialidades previstas na Lei de procedemento laboral. O órgano xudicial que coñecese do asunto na instancia ditará as resolucións e dilixencias necesarias (artigos 237 e 239 da Lei reguladora da xurisdición social). No caso concreto das sentenzas de despedimento, o artigo 280 da Lei reguladora da xurisdición social prevé que, unha vez instada a execución, o xuíz competente ditará auto que conteña a orde xeral de execución e a despachará.

Segundo. Neste caso, concorrendo os presupostos e requisitos procesuais de aplicación e carecendo o título executivo de irregularidade formal e ao seren os autos de execución solicitados conformes coa natureza e contido do título, procede ditar orde xeral de execución para o cumprimento da sentenza firme de despedimento fronte á empresa demandada, que se levará a efecto consonte os trámites previstos nos artigos 280 e seguintes da Lei reguladora da xurisdición social. Correspóndelle ao/á secretario/a xudicial competente dispor as concretas medidas executivas en atención ao disposto no título executivo.

Parte dispositiva.

Acordo:

Despáchase execución por instancia de Ernesto López Silveira contra Infoelga Montajes Eléctricos, SLNE, para o cumprimento da sentenza firme de despedimento ditada en autos, que se levará a efecto polos trámites do incidente de non readmisión recollido nos artigos 278 e seguintes da Lei de procedemento laboral.

Póñase o procedemento á disposición do secretario xudicial para os efectos do artigo 280 da Lei reguladora da xurisdición social.

Modo de impugnación:

Recurso de reposición no prazo de tres días ante este órgano, con expresión da infracción en que incorrese a resolución, en que poderá deducir oposición á execución aducindo pagamento ou cumprimento, prescrición ou outros feitos impeditivos, extintivos ou excluíntes de responsabilidade (artigo 239.4 da Lei reguladora da xurisdición social).

Advírtese, ademais, que todo aquel que, sen ter a condición de traballador ou habente causa seu, beneficiario do réxime público da Seguridade Social ou de xustiza gratuíta, Estado, comunidades autónomas, entidades locais e organismos autónomos dependentes deles, intente interpor recurso de reposición, deberá efectuar un depósito de 25,00 euros na conta de depósitos e consignacións deste xulgado na entidade Banesto, na conta corrente 0030 1846 42 0005001274, e co concepto clave 3500 0000 64 0615 11.

Así o acorda, manda e asina Miguel Ángel Limón Luque, maxistrado xuíz do Xulgado do Social número 5 de Las Palmas de Gran Canaria. Dou fe.

O maxistrado xuíz O/A secretario/a xudicial».

Dilixencia de ordenación da secretaria xudicial Gloria Alonso Santana.

Las Palmas de Gran Canaria, 1 de febreiro de 2012.

Unha vez ditado auto coa orde xeral de execución da sentenza de despedimento ditada nestes autos e despachada xa que o demandado non procedeu á readmisión acordada, de conformidade co disposto no artigo 283 da Lei reguladora da xurisdición social, cítense ambas as partes para comparecencia ante este xulgado, o día 5 de marzo, ás 9.30 horas, co fin de se examinaren sobre os feitos concretos da non readmisión alegada e coa advertencia de que unicamente poderá achegar as probas que, unha vez consideradas pertinentes, se poidan practicar no mesmo acto e de que, se o demandante non comparece, se arquivarán sen máis as actuacións e, se non comparece o demandado, terá lugar o acto na súa ausencia.

Modo de impugnación: recurso de reposición no prazo de tres días ante esta secretaria xudicial, con expresión da infracción en que incorrese a resolución.

Acórdoo e asínoo. Dou fe.

A secretaria xudicial