Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 23 de febreiro de 2012 Páx. 6747

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Castroverde

ANUNCIO de información pública polo que se aproba definitivamente o Plan especial de protección e ordenación do conxunto histórico do barrio da Fortaleza no concello de Castroverde.

O Pleno da Corporación, na sesión ordinaria do 26 de xaneiro de 2012, aprobou definitivamente o Plan especial de protección e ordenación do conxunto histórico do barrio da Fortaleza, Castroverde, o que se publica para os efectos do artigo 92.2 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, procedéndose á publicación do acordo.

Visto que, por Acordo da Xunta de Goberno do 28 de setembro de 2011, se aprobou inicialmente o Plan especial de protección do barrio da Fortaleza.

Visto, así mesmo, que o plan se someteu a información pública polo prazo dun mes mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia n.º 194, con data do 10 de outubro de 2011, no xornal El Progreso, con data do 10 de outubro, e no xornal La Voz de Galicia, con data do 11 de outubro.

Visto que, así mesmo, se notificou o trámite de información pública aos titulares que figuren no catastro para efectos de que presentasen as alegacións pertinentes.

Visto que simultaneamente se requiriron os informes do Instituto Galego da Vivenda e Solo e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que tiveron entrada no concello o 24 de outubro e o 5 de decembro, respectivamente.

Visto que durante o período de información pública se presentaron as seguintes alegacións:

– Esperanza Pardo Gómez, en relación co perímetro do plan, co aplacado de granito, coas chemineas, coa carpintaría das fachadas, que se corrixan os erros en canto ao nome de rúas, e que se especifiquen con claridade as alturas.

– M.ª del Carmen Cancelas Villamide, en relación coa catalogación como «fóra de ordenación», dun inmoble da súa propiedade.

– César Marey Vivero, referida a unha errata existente no plan, e en relación cunha liña de alta tensión, cun inmoble da súa propiedade cualificado como «desconforme», e co tipo de pavimentación.

Visto que, con data do 22 de decembro, en relación coas alegacións presentadas e os informes, emitiu informe o redactor do proxecto, do teor literal seguinte:

Plan especial de protección do barrio da Fortaleza

Cambios derivados do informe da Consellería de Cultura:

Con data do 5 de decembro de 2011 o Concello de Castroverde recibe o referido informe, emitido unha vez vistos os respectivos informes do Servizo de Arqueoloxía e de Arquitectura do Departamento Territorial da Consellería de Cultura.

1. Introdúcese na normativa que, aínda que o plan sexa aprobado «todas as intervencións que se realicen nos elementos recollidos no catálogo ou no ámbito do plan deberán seguir sendo autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural».

2.1. Engádese na ficha do castelo o seguinte texto: «o Castelo de Castroverde é un ben de interese cultural por aplicación do Decreto do 22 de abril de 1949 sobre os castelos españois e, en virtude do establecido pola disposición adicional primeira da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia».

2.2.1. Inclúese unha ficha individualizada para o Camiño de Santiago, Camiño Primitivo.

2.2.2. Engádese a seguinte información nas fichas:

– Coordenadas UTM referidas ao punto central de cada ben.

– Clasificación do solo, todos os bens están en solo urbano consolidado e a cualificación non existe de:

– Data aproximada ou período.

– Titularidade.

2.2.3. Corríxense os erros detectados.

A Cova das Vitureiras (GA27011049) está fóra do ámbito do Plan especial.

3.1. Os niveis de protección (integral, estrutural e ambiental) adecúanse ás definicións do cadro achegado no informe da Consellería de Cultura e Turismo.

3.2. Nos tipos de obras que aparecen no punto II.2.4, artigo 14, do Plan especial, elimínase a letra e) de obras de nova edificación, incorporando este tipo de obras a un artigo independente.

En relación coas obras permitidas nos edificios existentes, recóllese o contido no anexo do informe.

O artigo 38 e seguintes adecúanse ao contido do anexo 1.

No artigo 42 elimínase a letra f).

3.3. No artigo 14.5 engádese o número de plano (O-03).

No artigo 16 indícase que non se permiten recercados de cantería.

No artigo 19 sinálase que os canalóns poderán ser de cinc ou cobre, sempre de sección circular.

No artigo 43 suprímese a referencia a un artigo inexistente.

No artigo 46 indícase a referencia do plano, e no propio plano O-03 indícase a división en subparcelas da parcela n.º 20, única parcela do ámbito do plan que permite segregacións.

Corríxese unha duplicidade no artigo 47.

Dáse cumprimento estrito a todas as indicacións e correccións detectadas no informe.

Realízase un axuste no límite do plan na parcela n.º 20 que afecta a parte traseira desta, como consecuencia da apertura dunha nova vía, coincidindo coa delimitación que figura no PXOM.

Cambios derivados do informe do Instituto Galego da Vivenda e Solo:

Engádese o parágrafo indicado: «...que poden ser exceptuados...».

Informe ás alegacións:

N.º 1. Alegación presentada por Esperanza Pardo Gómez.

A alegación consta de 6 puntos:

1. Que o perímetro do Plan especial sexa o establecido no Plan xeral.

O estudo detallado necesario para a redacción do Plan especial permite chegar a un grao de detalle non exixible na redacción do Plan xeral, en consecuencia, axústase a delimitación do ámbito ao parcelario, o que nalgunha zona do bordo supón que se amplía para incluír unha parcela completa, e na zona á que se refire a alegación o límite redúcese para que este se apoie en liñas de parcela, definíndose ademais o volume da edificación para construír como límite do Plan especial co contorno.

A delimitación e o volume proposto para a nova edificación conta co informe favorable da Consellería de Cultura. A alegación desestímase.

2. Que os aplacados de granito sexan respectados na U.E. n.º 15.

As normas dun planeamento non poden ter excepcións non xustificables, a referida unidade edificatoria ten un grao de protección ambiental, por tanto, deberá estar sometida ás condicións establecidas para este grao de protección.

No informe da propia Consellería de Cultura (vinculante) indícase a corrección do texto da normativa, no sentido de que non se permitan recercados de cantería.

Non obstante, o que existan elementos construtivos nunha edificación non conformes coa ordenación, e como neste caso, de escasa entidade, non obriga a unha substitución, unicamente en caso dalgunha intervención debería adaptarse ás condicións establecidas no Plan especial. Desestímase.

3. A normativa do Plan especial non establece as condicións para calquera actuación dentro do ámbito, non pode facer distincións no sentido de permitir nuns edificios certas actuacións e noutros non. A normativa establece as normas pero no suposto de que exista algún edificio construído que non as cumpra parcialmente, tratarase dun elemento fóra de ordenación, que será necesario corrixir, aínda que non se estableza para iso prazo ningún. Desestímase.

4. En relación coas carpintarías o criterio mantido pola Consellería de Cultura é o que aparece na normativa, carpintarías de madeira. É vinculante. Desestímase.

5. Corríxense todos os erros detectados. Infórmase favorablemente.

6. Especifícanse con toda claridade as alturas (máximas e mínimas) das novas edificacións.

N.º 2. Alegación presentada por María del Carmen Cancelas Villamide.

O concepto de fóra de ordenación non ten relación exclusivamente cos materiais, pode ter relación coa posición da edificación. Aínda que no caso a que se refire a alegación os materiais son tradicionais, ben que cun despezamento e utilización non tradicionais, o fóra de ordenación proposto e informado favorablemente pola Consellería de Cultura non é debido aos materiais nin a que conteña ningún elemento distorsionante senón a que a edificación en si é distorsionante e interfire a percepción do lenzo da muralla. Desestímase.

En relación co punto terceiro da alegación, procede aclarar que o Plan especial se refire a un reducido ámbito, por tanto, pola súa propia esencia non pode alterar a «ordenación integral do territorio» nin supón unha «reforma interior non prevista no plan», polo contrario, constitúe un planeamento de desenvolvemento previsto no Plan xeral.

As edificacións fóra de ordenación están sometidas ao réxime de fóra de ordenación establecido na LOUGA.

Infórmase desfavorablemente.

N.º 3. Alegación presentada por César Marey Vivero.

Refírese a alegación a unha errata que se corrixe, efectivamente non existe capítulo 6.

O plan non ten ningunha proposta en relación coa liña de media tensión, recolle o seu trazado, que se reflicte nos planos.

Efectivamente a edificación a que se refire é desconforme, e por tanto, non está catalogada. As fichas refírense exclusivamente a aquelas edificacións que teñen algún grao de protección, non é o caso.

Corríxese o plano de pavimentos de acordo coa alegación.

Visto o informe de Secretaría e de conformidade co disposto nos artigos 86.1.f) e 89.2 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e 22.2.c), da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o Pleno da Corporación, por unanimidade,

acorda:

Primeiro. Aprobar o informe emitido polo redactor do plan ás alegación presentadas ao documento de aprobación inicial, e notificarlles aos interesados este acordo.

Segundo. Aprobar definitivamente o Plan especial de protección do barrio da Fortaleza, coas modificacións resultantes das alegacións formuladas e dos informes emitidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, e pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Terceiro. De conformidade co establecido no artigo 92.2 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, publicar a aprobación definitiva no Diario Oficial de Galicia, e a aprobación definitiva xunto coa normativa e as ordenanzas do Plan especial no Boletín Oficial da provincia.

Cuarto. Comunicar o acordo de aprobación definitiva, en virtude do artigo 92.3 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia, para os efectos oportunos, á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, achegando unha copia autenticada de dous exemplares do plan aprobado definitivamente con todos os planos e documentos que o integran sobre os que recaese acordo de aprobación definitiva, debidamente dilixenciados pola secretaria da Corporación.

Con data do 16 de febreiro, remitiuse o expediente á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderá interporse recurso contencioso-administrativo, ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte a aquel en que se notifique, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Todo iso sen prexuízo de que se poida interpor calquera outro recurso que se puidese estimar máis conveniente.

Castroverde, 17 de febreiro de 2012.

Xosé M.ª Arias Fernández
Alcalde