Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 20 de febreiro de 2012 Páx. 6379

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 9 de xuño de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente, se aproba o proxecto de execución e se inclúe no réxime especial de produción de enerxía eléctrica unha instalación de coxeración de 191 kW de potencia eléctrica que Carballo Biometanización, S.L. promove en Carballo (A Coruña).

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 12 de marzo de 2009, Jacobo Bouzada Rodríguez, en representación de Carballo Biometanización, S.L., presentou a solicitude de autorización administrativa e aprobación de proxecto para unha instalación de coxeración de 191 kW de potencia eléctrica que Carballo Biometanización, S.L. promove no concello de Carballo (A Coruña).

Segundo. Con data do 6 de abril de 2009, Jacobo Bouzada Rodríguez, en representación de Carballo Biometanización, S.L., presentou a solicitude para obter o recoñecemento de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica para a instalación citada.

Terceiro. Con data do 27 de abril de 2009, comunícaselle a Luis Calvo Sanz, S.A. a tramitación do procedemento de autorización da citada instalación nunha parcela da súa propiedade.

Cuarto. Con data do 30 de xullo de 2009, e consonte o previsto no Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, remitíuselle unha copia do estudo ambiental á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, para os efectos de que se pronuncie sobre a necesidade ou non de iniciar o trámite de avaliación de impacto ambiental. O 4 de setembro de 2009 remiten contestación en que se establece que non procede someter o proxecto ao trámite de avaliación de impacto ambiental nin de efectos ambientais.

Quinto. Con data do 28 de xaneiro de 2010 publicouse no Boletín Oficial da provincia da Coruña núm. 18, e con data do 29 de xaneiro de 2010 no Diario Oficial de Galicia núm.19, a solicitude de autorización administrativa indicada no antecedente de feito primeiro, sen que conste que se presentase alegación ningunha. As características do proxecto que se somete a información pública son as seguintes:

Solicitante: Carballo Biometanización, S.L.

Domicilio social: rúa Brasil 50, entresollado 6 - 36204 Vigo (Pontevedra).

Denominación: planta de biometanización de residuos industriais.

Situación: Carballo (A Coruña).

Características técnicas:

Planta de coxeración que proxecta utilizar como combustible o biogás producido na instalación de tratamento de lodos (biodixestión) procedentes da depuradora de augas existente na factoría de Luis Calvo Sanz, S.A. e doutros lodos de orixe externa, composta de:

– Equipamento de coxeración composto por un motor de potencia unitaria 191 kWe e un xerador de 245 kVA.

– Centro de transformación de tipo interior de potencia 250 kVA e con relación de transformación 20/0,42 kV.

– Aparellaxe eléctrica de mando, protección, sinalización e medida.

– Equipamentos da liña de alimentación de lodos, biodixestión, liña de lodos, liña de biogás, liña de calefacción e instrumentación da planta.

– Liña aérea a 20 kV de 6 metros de lonxitude, en condutor LA-110, con orixe en apoio existente en empresa distribuidora e final en apoio de paso aéreo-soterrado proxectado.

– Interconexión de centro de transformación e medida con paso aéreo-soterrado mediante unha canalización en gabia entubada e formigonada, de lonxitude 25 m, con condutor tipo D.H.Z.1 12/20 kV 3(1×150) A1.

Sexto. Con data do 25 de marzo de 2010, o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña emitiu informe favorable á solicitude presentada.

Sétimo. Con data do 11 de maio de 2010, preséntase a documentación complementaria necesaria para continuar coa tramitación do procedemento.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 28 da Lei 54/1997 establece que a construción, explotación, modificación substancial, a transmisión e o peche de instalacións de produción de enerxía eléctrica en réxime especial estará sometida ao réxime de autorización administrativa previa, que terá carácter regrado, e cuxo outorgamento corresponde á Administración autonómica.

Segundo. O artigo 4.1 do Decreto 661/2007, do 25 de maio, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial, establece que o recoñecemento da condición de instalación de produción acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica corresponde aos órganos das comunidades autónomas.

Terceiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e no artigo 28 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, que atribúe á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de industria, seguranza industrial, solo industrial, metroloxía, metais preciosos, enerxía e minas.

Cuarto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, no Real decreto 661/2007, do 25 de maio, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede

RESOLVO:

Primeiro. Autorizar administrativamente a Carballo Biometanización, S.L. unha instalación de coxeración de 191 kW que promove en Carballo (A Coruña).

Segundo. Aprobar o proxecto de execución da devandita instalación (proyecto de planta de biometanización de residuos industriais Carballo Biometanización, S.L.), asinado polo enxeñeiro técnico industrial José Luis Camiña Martínez, colexiado n.º 2641, e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo o 9.3.2009 co n.º 209-1207, anexo visado con data do 4.6.2009 e n.º 20903056, anexo 2 visado con data 8.9.2009 e n.º 20904876, complementario visado con data do 1.10.2009 e n.º 20905278, anexo a complementario visado con data do 22.10.2009 e n.º 20905683 e anexo II a complementario visado con data do 21.12.2009 e n.º 20906872.

Terceiro. Recoñecer á instalación que por esta resolución se autoriza a condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica regulado polo Real decreto 661/2007, do 25 de maio, e incluíla no subgrupo a.1.3 do artigo 2 do devandito real decreto.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto, anexos e complementarios que por esta resolución se aproban, e referido no punto segundo da súa parte dispositiva.

Segunda. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto, anexos e complementarios será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

Terceira. O prazo para a posta en servizo das instalacións que se autorizan será de seis meses contados a partir da data de publicación desta resolución.

Cuarta. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos por Carballo Biometanización, S.L.

Quinta. Con carácter previo á posta en servizo das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, ou por incumprimento das condicións impostas.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Oitava. Como requisito necesario para a aplicación do réxime especial á devandita instalación, o titular e/ou explotador deberá inscribila no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14 de xullo), para o cal acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 12 do Real decreto 661/2007, do 25 de maio, e presentará a documentación que figure nas instrucións que dite esta dirección xeral en desenvolvemento da citada orde.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2010.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas