Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 20 de febreiro de 2012 Páx. 6374

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 22 de marzo de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución dunha modificación substancial da planta de coxeración que Financiera Maderera, S.A., posúe nas súas instalacións de Padrón (A Coruña).

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data 13 de xullo de 1994, a Dirección Xeral de Industria resolveu autorizarlle a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Financiera Maderera, S.A. no municipio de Padrón (A Coruña) e concederlle a condición de autoxerador eléctrico.

Segundo. Con data 28 de marzo de 1996, a Dirección Xeral de Industria resolveu aprobar o proxecto reformado de execución da planta de coxeración citada, que ten as seguintes características técnicas básicas:

– Dous motores de combustión interna de fuel óleo de 7.240 kW de potencia c/u.

– Dous xeradores eléctricos de 7.450 kVA c/u e tensión de xeración 6 kV.

– Un transformador de potencia de 25 MVA, r/t 66/6 kV.

– Liñas subterráneas de conexión dos xeradores coa subestación eléctrica propia.

– Aparellaxe eléctrica de protección, mando, sinalización e medida.

Terceiro. Con data 31 de maio de 2010, Financiera Maderera, S.A. solicitou autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución para unha modificación substancial da instalación de coxeración de referencia.

Cuarto. Con data 3 de novembro de 2010 publicouse no Boletín Oficial da provincia da Coruña n.º 209, e con data 9 de novembro de 2010 no Diario Oficial de Galicia n.º 215, a solicitude de autorización administrativa indicada no antecedente de feito terceiro, sen que conste que se presentase ningunha alegación. As características da instalación son as seguintes:

Solicitante: Financiera Maderera, S.A. (Finsa).

Enderezo social: estrada N-550, km 57, 15890 Santiago de Compostela (A Coruña).

Denominación: substitución de motor de coxeración Finsa-Padrón.

Situación: Padrón.

Características técnicas:

– Substitución e adaptación dun dos motores de fuel existentes por un único motor-xerador a gas natural de 9.780 kWe, cos correspondentes equipamentos de control e modificación para a adaptación ás instalación existentes.

– Instalación de tanque de aceite de lubricación e reformas en circuíto de lubricación existente e ampliación do intercambiador de placas actual.

– Modificación nas unidades de refrixeración de alta e baixa temperatura, circuíto de aire en carga, circuíto de ventilación, saída de gases de escape.

– Modificación das sección dos cables, proteccións e control de 6 kV.

Quinto. Con data 29 de novembro de 2010, Financiera Maderera, S.A. presenta acordo de compra de equipos por importe superior ao 50% do orzamento do proxecto.

Sexto. Con data 2 de febreiro de 2011, o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña emitiu informe favorable á solicitude presentada.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 28 da Lei 54/1997 establece que a construción, explotación, modificación substancial, a transmisión e o peche de instalacións de produción de enerxía eléctrica en réxime especial estará sometida ao réxime de autorización administrativa previa, que terá carácter regrado, e corresponderalle o seu outorgamento á Administración autonómica.

Segundo. O artigo 28 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, atribúelle á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de enerxía.

Terceiro. A disposición transitoria terceira do Real decreto 1565/2010, do 19 de novembro, polo que se regulan e modifican determinados aspectos relativos á actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial, establece que as solicitudes de autorización dunha modificación substancial dunha instalación presentadas con anterioridade á entrada en vigor deste real decreto poderán tramitarse e resolverse conforme a normativa vixente no momento da presentación da dita solicitude, sempre que o titular da instalación dispoña dun acordo de compra asinado entre o promotor da instalación e o fabricante ou subministrador de equipos correspondente para a adquisición de equipos por un importe equivalente polo menos ao 50 por cento do valor da totalidade destes fixado no proxecto de instalación. Este é o caso desta modificación substancial, pois foi solicitada con data 31 de maio de 2010 e presentouse acordo de compra de equipos por importe superior ao 50% do orzamento do proxecto con data 29 de novembro de 2010.

Cuarto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, no Real decreto 661/2007, do 25 de maio, na Orde da Consellería de Economía e Industria do 14 de decembro de 2009, pola que se regulan os criterios para aplicar o concepto de modificación substancial valorada con criterio de reposición que recolle o artigo 4.3.º do Real decreto 661/2007, do 25 de maio, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Autorizar administrativamente a Financiera Maderera, S.A. a modificación substancial da planta de coxeración que posúe nas súas instalacións de Padrón (A Coruña).

Segundo. Aprobar o proxecto de execución da dita modificación, «Substitución motor de coxeración en Finsa-Padrón», asinado polo enxeñeiro industrial José Manuel Fernández Bouzo, colexiado número 859, e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia-A Coruña o 12 de maio de 2010 co número C0101308, e «Proxecto de desmantelamento motor substituído», asinado polo enxeñeiro industrial José Manuel Fernández Bouzo, colexiado número 859, e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia-A Coruña o 4 de xuño de 2010 co número C0101608.

Terceiro. A planta de coxeración deberá dispoñer no seu punto de conexión dun relé direccional que limite a potencia activa vertida á rede a 11.980 kW, e cun retardo de disparo de 2 segundos.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto que por esta resolución se aproba e referido no punto segundo da parte dispositiva desta.

Segunda. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da dita facultade.

Terceira. O prazo para a posta en servizo das instalacións que se autorizan será de doce meses contados a partir da data de publicación desta resolución.

Cuarta. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos por Financiera Maderera, S.A.

Quinta. Con carácter previo á posta en servizo das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución.

Sexta. A Administración resérvase o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, ou por incumprimento das condicións impostas.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Oitava. Como requisito necesario para a aplicación do réxime especial á dita instalación, o titular deberá solicitar a modificación da súa inscrición no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14 de xullo).

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2011.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas