Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 14 de febreiro de 2012 Páx. 5824

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 1 de febreiro de 2012 pola que se modifica o Regulamento da denominación de orixe Monterrei e do seu Consello Regulador.

O 4 de xaneiro de 1995 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 25 de novembro de 1994 pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe Monterrei e do seu Consello Regulador, orde que foi modificada por última vez mediante a Orde do 30 de xullo de 2009, publicada no Diario Oficial de Galicia o 31 de xullo de 2009.

Por outra parte, de acordo co establecido na actual regulación comunitaria do sector vitivinícola, as denominacións de orixe recoñecidas conforme as normas da anterior Organización Común do Mercado Vitivinícola do ano 1999 quedaron protexidas ao entrar en vigor a nova regulación do ano 2008, pero os Estados membros adquiriron a obriga, para mantelas, de presentar antes do 31 de decembro de 2011, para cada denominación de orixe, o denominado «expediente técnico», conxunto de documentos que inclúe o prego de condicións da denominación, onde se recollen os aspectos fundamentais da súa regulación.

Nos pasados meses, o Consello Regulador da denominación de orixe Monterrei traballou na elaboración do devandito prego de condicións, que logo de ser aprobado polo Pleno deste organismo foi posteriormente remitido aos servizos da Comisión Europea. Estas modificacións realizáronse para unha mellor adecuación da normativa da denominación de orixe -nalgúns aspectos relacionados coas características analíticas dos viños envellecidos- á normativa vitivinícola comunitaria. Son, en todo caso, modificacións que terían, de acordo coa devandita normativa comunitaria, a consideración de «menor importancia», polo que lles é de aplicación o establecido na letra d) do número 1 do artigo 73 do R(CE) n.º 607/2009 da Comisión, do 14 de xullo de 2009, na redacción dada polo R(CE) n.º 670/2011 da Comisión, do 12 de xullo de 2011. Por iso, as ditas modificacións puideron ser incluídas no prego de condicións que se remitiu á Comisión Europea.

Faise necesario, polo tanto, modificar o Regulamento desta denominación de orixe e do seu Consello Regulador para adecuar o seu contido ao do prego de condicións aprobado.

Polo anterior, tras a proposta do Consello Regulador da denominación de orixe Monterrei e de acordo co establecido no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do anexo da Orde do 25 de novembro de 1994 pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe Monterrei e do seu Consello Regulador, modificada pola Orde de 30 de xullo de 2009.

O número 2 do artigo 12 do Regulamento da denominación de orixe Monterrei e do seu Consello Regulador, aprobado pola Orde da Consellería de Agricultura, Gandaría e Montes, do 25 de novembro de 1994 e modificado en último termo pola Orde da Consellería do Medio Rural do 30 de xullo de 2009, queda redactado de acordo co que se expresa a continuación:

«2. Os viños brancos e tintos sometidos a un proceso de envellecemento en barricas de carballo poderán utilizar os termos «barrica», «crianza», «reserva» e «gran reserva», segundo a lexislación vixente.

Os viños con dereito ás devanditas indicacións terán unha graduación alcohólica adquirida mínima en volume do 12% no caso dos tintos e do 11,5% no caso dos brancos. A súa acidez volátil expresada en gramos por litro de ácido acético non será superior a 1,2 g/l nos tintos e a 1,02 g/l nos brancos e a súa acidez total, expresada en g/l de ácido tartárico, non será inferior a 4,5 g/l en ambos os dous tipos de viño. Polo que respecta ao contido en sulfuroso, non será superior a 150 mg/l nos tintos e a 160 mg/l nos brancos».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2012.

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar