Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 14 de febreiro de 2012 Páx. 5822

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 1 de febreiro de 2012 pola que se modifica o Regulamento da denominación de orixe Rías Baixas e do seu Consello Regulador.

O 29 de xullo de 2009 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 21 de xullo de 2009, pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe Rías Baixas e do seu Consello Regulador.

Por outra parte, de acordo co establecido na actual regulación comunitaria do sector vitivinícola, as denominacións de orixe recoñecidas conforme as normas da anterior Organización Común do Mercado Vitivinícola do ano 1999 quedaron protexidas ao entrar en vigor a nova regulación do ano 2008, pero os Estados membros adquiriron a obriga, para mantelas, de presentar antes do 31 de decembro de 2011, para cada denominación de orixe, o denominado «expediente técnico», conxunto de documentos que inclúe o prego de condicións da denominación, onde se recollen os aspectos fundamentais da súa regulación.

Nos pasados meses, o Consello Regulador da denominación de orixe Rías Baixas traballou na elaboración do devandito prego de condicións, que logo de ser aprobado polo Pleno deste organismo foi posteriormente remitido aos servizos da Comisión Europea. O devandito prego de condicións contén algúns elementos que modifican puntualmente determinados aspectos do Regulamento vixente da denominación de orixe e do seu Consello Regulador, modificacións que se poden considerar «de menor importancia», polo que é de aplicación o establecido na letra d) do número 1 do artigo 73 do R(CE) n.º 607/2009 da Comisión, do 14 de xullo de 2009, na redacción dada polo R(CE) n.º 670/2011 da Comisión, do 12 de xullo de 2011. Por iso, as ditas modificacións puideron ser incluídas no prego de condicións que se remitiu á Comisión Europea.

Faise necesario, polo tanto, modificar o Regulamento desta denominación de orixe e do seu Consello Regulador para adecuar o seu contido ao do prego de condicións aprobado.

Polo anterior, tras a proposta do Consello Regulador da denominación de orixe Rías Baixas e de acordo co establecido no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do anexo da Orde do 21 de xullo de 2009 pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe Rías Baixas e do seu Consello Regulador.

O Regulamento da denominación de orixe Rías Baixas e do seu Consello Regulador, aprobado pola Orde de 21 de xullo de 2009 (DOG n.º 147, do 29 de xullo, corrección de erros na versión en galego do DOG n.º 166, do 25 de agosto), queda modificado de acordo co que se expresa a continuación:

Un. A letra b) do artigo 6 queda redactada do seguinte xeito:

«b) Autorizadas:

Brancas: Torrontés e Godello.

Tintas: Mencía, Brancellao, Pedral e Castañal.»

Dous. O número 2 do artigo 8 queda coa seguinte redacción:

«2. A graduación alcohólica natural probable mínima dos mostos antes do inicio da fermentación para cada unha das elaboracións será de 11º para os procedentes da variedade albariño, 10º para o procedente do resto das variedades brancas, 9,5 º para o procedente das variedades tintas e 10º para os mostos destinados aos viños escumosos de calidade.»

Tres. A letra b) do número 1 do artigo 9 queda redactada do seguinte xeito:

«b) 10.000 quilogramos para a variedade Caíña tinta.»

Catro. O número 1 do artigo 23 queda redactado do seguinte modo:

«1. Nas etiquetas de viños embotellados figurará sempre a mención Rías Baixas ademais dos datos que, con carácter xeral, se determinan na lexislación aplicable.

Nos viños protexidos pola denominación de orixe Rías Baixas, con excepción dos escumosos, será obrigatoria a indicación do ano da súa colleita.»

Disposición derradeira única. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2012.

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar