Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 14 de febreiro de 2012 Páx. 5826

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 1 de febreiro de 2012 pola que se modifica a Orde do 8 de novembro de 2000 sobre as condicións que deben cumprir para acollerse á denominación Viño da Terra de Betanzos os caldos elaborados nesa comarca vitivinícola.

Por Orde do 8 de novembro de 2000, a entón Consellería de Agricultura, Gandaría e Política Agroalimentaria recoñeceu a denominación Viño da Terra de Betanzos para os viños elaborados baixo as condicións establecidas no territorio delimitado. Esta orde foi modificada por última vez mediante a Orde do 28 de abril de 2008 da Consellería do Medio Rural.

Hoxe en día, coa aprobación da nova regulación comunitaria do sector vitivinícola aprobada en 2008, a figura de protección da normativa española «viño da terra» asimilouse ás indicacións xeográficas protexidas que regula a actual organización común do mercado vitivinícola. Por iso, os viños da terra españois incluíronse no Rexistro comunitario de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, pero a Administración española, como a do resto dos Estados membros, quedou comprometida a presentar, antes do 31 de decembro de 2011, o denominado «expediente técnico» correspondente a cada indicación xeográfica protexida. O devandito expediente técnico inclúe como elemento fundamental o «prego de condicións» da indicación xeográfica protexida, no cal se recollen as normas que regulan a súa produción e comercialización.

A Consellería do Medio Rural e do Mar acaba de rematar a redacción do devandito prego de condicións. Nel recóllese unha modificación puntual da normativa vixente reguladora desta indicación xeográfica, modificación que pode ser considerada «de menor importancia» de acordo coa normativa comunitaria, polo que é de aplicación o establecido na letra d) do número 1 do artigo 73 do R(CE) n.º 607/2009 da Comisión, do 14 de xullo de 2009, na redacción dada polo R(CE) n.º 670/2011 da Comisión, do 12 de xullo de 2011. Por iso, a devandita modificación puido ser incluída no prego de condicións que se remitiu á Comisión Europea, sendo necesario entón modificar a normativa do Estado membro para harmonizala co recollido no prego de condicións.

En concreto, a modificación consiste na inclusión, tras a petición dos vitivinicultores da zona, das variedades branco lexítimo e agudelo entre as variedades coas cales se poden elaborar estes viños. Trátase de dúas variedades de cultivo e uso tradicional na zona que non se incluíran na normativa reguladora desta denominación porque non estaban recoñecidas como variedades comerciais. Despois de anos de estudo, ambas as dúas variedades foron recoñecidas como tales a través da Orde ARM/624/2011, do 18 de marzo, a primeira como sinonimia da variedade albarín branco e a segunda como sinonimia da variedade chenin blanc.

Faise necesario, por iso, modificar a Orde de 8 de novembro de 2000 antes citada para recoller este cambio.

Polo tanto,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde da Consellería de Agricultura, Gandaría e Política Agroalimentaria do 8 de novembro de 2000.

Mediante esta orde modifícase o número 1 do artigo 3 da Orde do 8 de novembro de 2000, sobre as condicións que deben cumprir para acollerse á denominación Viño da Terra de Betanzos os caldos elaborados nesa comarca vitivinícola, que queda redactado como se expresa a continuación:

«1. Para poder acollerse á denominación Viño da Terra de Betanzos, os caldos terán que ser elaborados cun mínimo do 60% de uvas das seguintes variedades consideradas como recomendadas:

a) Brancas: godello, branco lexítimo (albarín blanco) e agudelo (chenin blanc).

b) Tintas: mencía, brancellao e merenzao».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2012.

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar