Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 14 de febreiro de 2012 Páx. 5875

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se lle outorga á empresa Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa, se aproba o proxecto de execución e se recoñece, en concreto, a utilidade pública do proxecto do gasoduto de distribución de gas natural denominado Ramal MOP = 16 bar O Porriño-Ponteareas e da súa addenda (expediente IN627A 2010/15-0).

Logo de examinar o expediente instruído por instancia da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con CIF A15383284 e con enderezo, para os efectos de notificacións, na rúa Lisboa, s/n, edificio Área Central, local 31 HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 30.12.2010 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública do proxecto do gasoduto de distribución de gas natural denominado Ramal MOP = 16 bar O Porriño-Ponteareas, acompañada do preceptivo proxecto de instalacións.

O 5.7.2011 a dita empresa presentou a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública dunha addenda ao dito proxecto. Esta addenda ten por obxecto:

– Redeseñar o trazado proxectado entre os vértices V-RP-112 e V-RP-117, de xeito que discorra por terreos que fagan factible tecnicamente a súa execución.

– Definir o sistema de protección catódica, optando, dos dous incluídos na memoria do proxecto, pola instalación dunha estación de protección catódica.

A autorización da infraestrutura gasista que se solicita comportará, de acordo co que establecen os artigos 103 e 105 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, os beneficios da declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación urxente para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos afectados, necesarios para o establecemento destas instalacións, e da imposición e o exercicio da servidume de paso e doutras limitacións de dominio.

As características desta infraestrutura gasista son as seguintes:

• O gasoduto denominado Ramal MOP = 16 bar O Porriño-Ponteareas ten o seu inicio na punta de tubaxe deixada por Gas Natural Distribución SDG, S.A. como punto final do proxecto de punto de entrega de Gas Natural con MOP = 16 bar para subministración a Gas Galicia en Atios, O Porriño (Pontevedra).

• O dito ramal discorrerá polos termos municipais do Porriño e Ponteareas e rematará nun armario de regulación e medida (16/5 bar), situado nun predio particular nas inmediacións do río Xinzo, no concello de Ponteareas.

• Esta condución terá unha lonxitude de 13.742,5 m, realizarase en tubaxe de aceiro de 6” de diámetro e deseñarase para unha presión máxima de servizo de 16 bar. As instalacións obxecto do proxecto son as seguintes:

– Conexión á tubaxe proxectada de 6" de saída da EM (estación de medida) propiedade de Gas Natural Distribución SDG, S.A., no lugar de Atios, no concello do Porriño.

– Canalización de gas natural, con MOP (máxima presión de operación) = 16 bar, de 13.742,5 m de lonxitude entre O Porriño e Ponteareas e con tubaxe de aceiro de 6" e espesor de 4 mm.

– Instalación de válvula de 6" soterrada e redución concéntrica de 6"×3" de entrada ao ARM (armario de regulación e medida).

– Instalación dun ARM (16/5 bar) ao final da canalización, con conexións de entrada e saída.

– Saída do ARM con canalización de aceiro de 4" e válvula de 4" subterránea.

– Instalación de tritubo para telecomunicacións.

– Instalación dunha estación de protección catódica.

• O seu orzamento ascende á cantidade de dous millóns cento setenta e tres mil sesenta e un euros con cincuenta e sete céntimos (2.173.061,57 €).

Segundo. O 13.1.2011 esta dirección xeral resolveu iniciar o trámite de competencia para o outorgamento da autorización administrativa do dito gasoduto, para os efectos previstos no artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril.

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 9.2.2011 e, durante o prazo establecido (30 días), non se presentaron outras solicitudes en concorrencia. En consecuencia, continuouse co procedemento de outorgamento de autorización administrativa solicitada pola empresa Gas Galicia SDG, S.A.

Terceiro. O 6.9.2011 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, resolveu que non era necesario someter o proxecto da dita infraestrutura gasista ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

Cuarto. O 7.10.2011 esta dirección xeral resolveu someter á información pública a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública do proxecto do gasoduto de distribución de gas natural denominado Ramal MOP = 16 bar O Porriño-Ponteareas e da súa addenda, promovidos pola empresa Gas Galicia SDG, S.A.

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 31.10.2011 e nos xornais La Voz de Galicia do 1 de novembro e Faro de Vigo do 27 de outubro de 2011, e tamén estivo exposta nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados durante un prazo de vinte días (no Porrriño desde o 19.10.2011 ao 11.11.2011; en Ponteareas desde o 4 ao 28.11.2011).

Así mesmo, esta dirección xeral cursou as preceptivas notificacións individuais a todas as persoas que aparecen como interesadas no procedemento expropiatorio, e cuxos predios afectados se relacionaron no anexo da dita resolución de información pública.

Durante o período de información pública legalmente establecido non se presentaron alegacións.

Quinto. Así mesmo, a empresa promotora deu traslado das separatas do dito proxecto ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, con bens e dereitos ao seu cargo, afectadas pola mencionada condución de gas, para os efectos de obter a súa autorización. Na seguinte táboa relaciónanse estas entidades e recóllese un resumo da súa resposta:

N.º

Entidade

Resumo da resposta

1

Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño

Resolución do 5.9.2011: autoriza a execución do proxecto de referencia, con suxeición ás condicións especificadas.

2

Demarcación de Estradas do Estado en Galicia-Ministerio de Fomento

Resolución do expediente A362011/0046-II: autoriza a execución do proxecto de referencia, con suxeición as condicións especificadas.

3

Servizo de Vías e Obras-Deputación Provincial de Pontevedra

Resolución do 25.4.2011: autoriza a execución do proxecto de referencia, con suxeición ás condicións especificadas.

5

Dirección de Operacións e Enxeñaría de Rede Convencional-Administración de Infraestruturas Ferroviarias (Adif)

Resolución do expediente 2011/05/041: autoriza a execución do proxecto de referencia, con suxeición ás condicións especificadas.

6

Dirección Xeral de Montes-Consellería do Medio Rural

Informe do 6.6.2011: considéranse suficientes as medidas correctoras propostas no estudo de impacto ambiental.

7

Concello do Porriño

Licenza de obra, do 12.5.2011, para a execución do proxecto de referencia, con suxeición ás condicións especificadas.

8

Concello de Ponteareas

Licenza de obra, do 6.6.2011, para a execución do proxecto de referencia, con suxeición ás condicións especificadas.

Sexto. A Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria (en adiante, xefatura territorial) emitiu informe favorable sobre o proxecto de referencia o 15.12.2011.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas, e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio, e no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regulan o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP), e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. En canto aos bens e dereitos afectados por este gasoduto e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo coas condicións e os informes emitidos por estes ou, de ser o caso, pendentes de emitir.

De conformidade cos preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

• Outorgarlle á empresa Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa, aprobar o proxecto de execución e recoñecer, en concreto, a utilidade pública do proxecto do gasoduto de distribución de gas natural denominado Ramal MOP = 16 bar O Porriño-Ponteareas e da súa addenda; con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 43.461,23 €, importe do 2% do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro. Esta fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Cuarta. As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto e na súa addenda, subscritos polo enxeñeiro industrial Alfonso Vázquez Varela (colexiado n.º 1130-colexio de Galicia) e visados polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, na súa Delegación de Santiago de Compostela, con rexistro n.º 255/09 (data: 3.4.2009) e 177/11 (data: 30.6.2011), respectivamente.

Quinta. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. deberá presentar a solicitude de posta en marcha ante a xefatura territorial, que deberá estendela, logo das comprobacións técnicas que considere oportunas. Previamente ao levantamento da acta de posta en marcha, a xefatura territorial solicitaralle á empresa distribuidora os ensaios e probas oportunas, así como o certificado de dirección e remate de obra, asinado por técnico competente, en que conste que a construción e montaxe das instalacións se efectuaron de acordo co proxecto correspondente, acreditando así mesmo, expresamente, o cumprimento das condicións técnicas e prescricións regulamentarias de aplicación.

Sexta. A empresa Gas Galicia SDG, S.A. deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sétima. A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realizar as instalacións aprobadas.

Oitava. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo; por incumprimento das condicións estipuladas; pola facilitación de datos inexactos; ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, conforme o establecido nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2012.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas