Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 10 de febreiro de 2012 Páx. 5616

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Santiago de Compostela

EDICTO (245/2009).

Vistos por min, Fernando Ferreiro Rozas, maxistrado xuíz do Xulgado de Primeira Instancia número 1 desta localidade e o seu partido xudicial, este xuízo verbal n.º 245/2009, promovido por Mercedes Vietes Mella contra Vicente Sande Noya, e os herdeiros deste en caso de falecemento, sobre acción declarativa de dominio derivada de prescrición adquisitiva de ben inmoble.

Antecedentes de feito.

Primeiro. A procuradora dos tribunais Sra. Alfonsín Somoza, en representación de Mercedes Vietes Mella, presentou o día 6.3.2009 demanda de xuízo verbal en exercicio de acción declarativa de dominio contra Vicente Sande Noya e os herdeiros deste en caso de falecemento, en que, tras citar os fundamentos xurídicos que se consideraron de aplicación, e xuntando a proba documental que consta en autos, se suplicaba que se ditase sentenza en conformidade co suplico do seu escrito de demanda, despois de convocar o oportuno xuízo e citar a parte demandada.

Segundo. Admitida a trámite a demanda a través do oportuno auto do 24 de abril de 2009, deuse traslado á parte demandada, e sinalouse para a realización do xuízo o día 16 de setembro de 2009. Ao non comparecer a parte demandada, foi declarada en situación procesual de rebeldía. A parte demandante ratificouse no seu escrito de demanda e propuxo como proba a documental achegada e testifical. Admitida a proba e practicada co resultado que consta nos autos, quedaron estes vistos para ditar sentenza.

Terceiro. Que na tramitación deste procedemento se observaron as formalidades legais.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Exerce a demandante acción declarativa de dominio por entender que concorren os requisitos legais para que se declare a propiedade do predio n.º 930 do plano xeral de concentración parcelaria de Cacheiras-Recesende, concello de Teo, a prol de Mercedes Vietes Mella, porque esta a adquiriu a través da figura xurídica da prescrición adquisitiva, ao concorreren todos os requisitos exixidos pola lei para tal adquisición e que a seguir analizaremos.

Segundo. Delimitados os elementos obxectivos e subxectivos da contenda, entrando xa no fondo do asunto procede, en primeiro lugar, analizar se Mercedes Vietes Mella é propietaria do predio 930 do citado plano de concentración parcelaria, por ter adquirido a súa propiedade por usucapión, é dicir, por prescrición adquisitiva, figurando como propietario da súa metade indivisa Vicente Sande Noya, protexido pola forza lexitimadora emanante do Rexistro da Propiedade, pois presúmese que o dereito inscrito existe e que pertence ao seu titular rexistral na forma determinada polo asento rexistral respectivo (artigo 38 da Lei hipotecaria), todo iso mentres os tribunais, baixo cuxa salvagarda se atopan os seus libros e asentos, non declaren a inexactitude do rexistro (artigo 1 da LH).

O artigo 1930 do CC dispón que pola prescrición se adquiren, da maneira e coas condicións determinadas pola lei, o dominio e demais dereitos reais, e no artigo 1957 do referido texto legal especifícase como a prescrición adquisitiva ordinaria require a posesión ininterrompida do ben reclamado por usucapión durante dez anos entre presentes e vinte entre ausentes, con xusto título e boa fe, posesión que debe ser a «título de dono», tal e como exixe reiterada doutrina xurisprudencial, de acordo cos artigos 430, 1940 e 1942 do CC, polo que en principio, para os efectos debatidos na litis, preséntase como transcendental o feito relativo á existencia ou non do título de usucapiente, Mercedes Vietes Mella, toda vez que se trata dunha usucapión «contra tábulas», isto é, contra una inscrición rexistral practicada a prol de persoa distinta. A sentenza do Tribunal Supremo do 13 de febreiro de 2003 establece que «o réxime da usucapión contra tábulas do dominio non pode ser hoxe máis que o contido no artigo 36 da Lei hipotecaria en que se coordinan a defensa dos principios hipotecarios coas inevitables consecuencias da usucapión. Deste modo, cando o conflito se presenta entre o usucapiente e o titular rexistral que se encontra en vías de perder o dominio, «cualificarase o título e contarase o tempo conforme a lexislación civil», título, loxicamente, da usucapión ordinaria e tempo, tanto da ordinaria coma da extraordinaria.

Entre posuidor usucapiente e dono o conflito desenvólvese no marco da lexislación civil ordinaria, polo que a posesión, aínda non inscrita (como exixe o artigo 1949 do CC), pode vencer o titular rexistral inactivo. Á vista das actuacións, resulta acreditado que Mercedes Vietes Mella adquiriu o predio n.º 930 por doazón da súa nai, Hermitas Mella Vázquez, quen pola súa vez o adquirira da súa irmá por compravenda realizada o día 1 de marzo de 1977, e que ese título reúne os requisitos exixidos pola lei, ao se tratar dun título xusto, verdadeiro, válido e resultar probado con base na documental achegada coa demanda.

Terceiro. Acreditada, xa que logo, a existencia de título, débese ter en conta que a existencia ou non da posesión invocada, a súa duración temporal e se esta o é en concepto de dono, son cuestión, como sinalou a Sala Primeira do Tribunal Supremo na Sentenza do 10 de febreiro de 1993, de estrita natureza fáctica e tal respecto na concernente ao requisito esencial da posesión en concepto de dono, exixible en todas as modalidades de usucapión, concepto que non é puramente subxectivo ou intencional, e que se debe basear en actos inequívocos, con clara manifestación externa no tráfico, pois, como expresa o artigo 447 e reitera o artigo 1941, ambos do CC, só a posesión que se adquire e se desfruta en concepto de dono pode servir de título para adquirir o dominio, non sendo abondo para iso a mera posesión material ou simple, senón que a esa situación fáctica se lle debe engadir un «plus» dominicial de actuar e presentarse no mundo exterior como efectivo dono e propietario «animus domini» da cousa sobre a cal se proxectan os actos posesorios polo que, evidentemente, no se poden ter en conta por non operaren prescritivamente neste sentido positivo, os actos de mera condescendencia do efectivo propietario, –artigo 444 en relación co 1942, ambos do CC- ou se posúa ás agachadas do verus dominus en accións e condutas dotadas de clandestinidade-Sala Primeira do Tribunal Supremo, sentenzas do 22 de setembro de 1984, 10 de febreiro e 3 de xuño de 1993, 29 de outubro e 30 de decembro de 1994 e 7 de febreiro de 1997, entre moitas outras– todo o cal, pola súa vez, vén presidido polo principio de ser a prescrición adquisitiva un instituto que non se funda na xustiza intrínseca, polo que a súa aplicación se debe facer de forma restritiva-Sala Primeira do Tribunal Supremo, sentenzas do 8 e 10 de outubro de 1988 e 14 e 15 de febreiro de 1989.

Cuarto. Proxectando a doutrina xurisprudencial exposta ao caso que nos ocupa, resulta acreditado das actuacións procesuais que Mercedes Vietes Mella e os seus pais foron posuidores pública, pacífica e ininterrompidamente e en concepto de donos, do predio n.º 930 da concentración parcelaria de Cacheiras-Recesende, desde hai máis de 30 anos. Así se desprende das declaracións das testemuñas e veciños do lugar Manuel Cao Tallón, Isabel Rivadas Carrillo e José Manuel Vázquez Muinelo, que corroboraron sen ningunha dúbida esta cuestión.

Quinto. As custas procesuais son de obrigada imposición á parte demandada en aplicación do artigo 394 da Lei de axuizamento civil.

Vistos os preceptos citados e demais de xeral e pertinente aplicación, pola autoridade conferida polo pobo español, en nome do rei,

Resolvo que debo estimar e estimo a demanda interposta por Mercedes Vietes Mella, representada pola procuradora Sra. Alfonsín Somoza, contra os herdeiros de Vicente Sande Noya, en situación de rebeldía procesual, declarando que Mercedes Vietes Mella é a lexítima propietaria do predio n.º 930 do plano de concentración parcelaria de Cacheiras-Recesende, concello de Teo (A Coruña), que consta inscrita no Rexistro da Propiedade de Padrón, como predio 14022, no folio 161, libro 137 de Teo, tomo 467 do arquivo.

Ordénase cancelar a inscrición rexistral practicada no seu día sobre o indicado predio rexistral n.º 14022, facendo constar a titularidade declarada no primeiro parágrafo da resolución desta sentenza, para o cal se expedirán os oportunos mandamentos ao rexistrador da propiedade de Padrón.

Todo isto con expresa imposición das custas procesuais causadas nesta instancia á parte demandada.

Contra esta resolución cabe recurso de apelación que se deberá preparar neste xulgado no prazo de cinco días na forma e cos requisitos establecidos nos artigos 455 e seguintes da LAC, do que coñecerá, de ser o caso, a Audiencia Provincial da Coruña.

Así, por esta miña sentenza, xulgando definitivamente na instancia, pronúncioo, mándoo e asínoo. Fernando Ferreiro Rozas, maxistrado xuíz do Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Santiago de Compostela e o seu partido.

Publicación. A anterior resolución leuna e publicouna no día da data o xuíz que a ditou, celebrando audiencia pública, do que eu, secretaria xudicial deste xulgado, dou fe.