O artigo 24 da nosa Constitución garántelles o dereito fundamental a obteren a tutela efectiva dos xuíces e tribunais a todas as persoas no exercicio dos seus dereitos e intereses lexítimos e, así mesmo, á defensa e á asistencia de letrado. Este dereito fundamental compleméntase co disposto no artigo 119 da Carta Magna, onde se establece que a xustiza será gratuíta cando así o dispoña a lei, e, en todo caso, respecto de quen acredite insuficiencia de recursos para litigar. Polo que atinxe a esta materia, a Comunidade Autónoma de Galicia posúe plenas competencias, xa que a través do Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, lle foron transferidos pola Administración do Estado os medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, entre os que se atopa o aboamento da compensación económica aos colexios de avogados polas actuacións dos seus colexiados no ámbito da asistencia xurídica gratuíta.
Coa entrada en vigor da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, a materia foi obxecto dunha fonda reforma, o que fixo necesaria a elaboración dun regulamento que a desenvolvese, e tendo en conta as peculiaridades propias da nosa comunidade autónoma e o tempo transcorrido, o primeiro Decreto 146/1997, do 22 de maio, foi modificado polo Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia.
Por outra banda, con data do 24 de setembro de 2003 a Xunta de Galicia e o Consello da Avogacía Galega asinaron un acordo para establecer o baremo da compensación económica da asistencia xurídica gratuíta destes profesionais, cun ámbito temporal polo que durante o ano 2008 se debería negociar e, se fose o caso, aprobar un novo acordo para os vindeiros anos. Por diversas circunstancias non foi posible acadar no ámbito negocial ese acordo novo, e logo das obrigadas conversas co Consello da Avogacía Galega, ambas as dúas institucións acordaron a prórroga do baremo establecido no acordo do ano 2003 nas cantidades de compensación económica que rexeron no ano 2008, actualizadas pola Orde desta consellería do 2 de xullo de 2009 e prorrogada esta última polas ordes do 28 de maio, do 15 de outubro e do 21 de decembro de 2010, de xeito que estes conceptos económicos imperasen durante o cuarto trimestre de 2011 e o primeiro, segundo e terceiro trimestre do ano 2012, ao tempo que as partes iniciasen un proceso negociador coa finalidade de acadar un acordo para os vindeiros anos.
Así mesmo, a Orde do 9 de xuño de 2011 (DOG núm. 136, do 15 de xullo) aproba o formato en que os colexios de avogados de Galicia deben remitir a xustificación trimestral da aplicación da compensación económica establecida no Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia.
En consecuencia co anteriormente exposto,
DISPOÑO:
Primeiro. A prórroga do Acordo do 24 de setembro de 2003 entre a Xunta de Galicia e o Consello da Avogacía Galega, polo que se estableceu o baremo da compensación económica da asistencia xurídica gratuíta.
Segundo. Durante o cuarto trimestre do ano 2011 e o primeiro, segundo e terceiro trimestre de 2012 as cantidades do baremo da compensación económica da asistencia xurídica gratuíta serán as que rexeron durante o ano 2008, actualizadas pola Orde desta consellería do 2 de xullo de 2009 e prorrogada esta última polas ordes do 28 de maio, do 15 de outubro e do 21 de decembro de 2010, e especificadas no anexo desta orde. Estas cantidades deberán ser certificadas trimestralmente polos colexios de avogados, seguindo estritamente a ordenación de tipoloxías recollidas no modelo que figura no anexo da orde, de acordo co artigo 38.3 do Decreto 269/2008, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia.
Terceiro. Os avogados percibirán o 100% da compensación económica correspondente á súa actuación profesional cando acrediten a realización dalgún dos seguintes trámites procesuais:
a) En materia de asistencia letrada ao detido ou preso, unha vez finalizada a intervención profesional e que o avogado presente o parte selado polo órgano xudicial ou policial onde se levou a cabo a asistencia e no cal se recollan os seguintes datos como mínimo:
– Nome e número de colexiado do avogado.
– Nome e DNI do asistido ou asistidos. No caso de estranxeiros, número de pasaporte ou tarxeta de residencia.
– Motivo polo cal o asiste e, se fose o caso, da detención e número de dilixencias policiais ou xudiciais.
Cando o colexio de avogados teña establecida unha quenda de garda, pagarase unha única compensación por cada quenda de garda. Se o número de asistencias realizadas a persoas diferentes é superior a cinco dentro dunha mesma garda, o avogado percibirá unha compensación equivalente ao dobre do módulo establecido, sexa cal sexa o número de asistencias realizadas.
b) Nos procesos penais, a presentación da copia da dilixencia ou solicitude da actuación procesual en que interveña o letrado, ou a apertura do xuízo oral.
c) Nos procesos civís, a presentación da copia da providencia de admisión da demanda ou de ter por formulada a contestación dela.
d) Nos demais procesos, a presentación da copia da dilixencia xudicial acreditativa da intervención do avogado.
e) Nas apelacións civís, a presentación da copia da providencia pola que se admite a trámite o recurso ou, se procede, a comparecencia ante a sala.
f) Nas apelacións penais, a presentación da copia da resolución xudicial en que se teña por formalizado ou impugnado o recurso ou o sinalamento para a vista.
g) Nos recursos de casación formalizados, a presentación da copia da providencia pola que se teña por interposto o recurso.
Nos anuncios de recurso de casación que non chegan a ser formalizados, a presentación da copia do anuncio do recurso, debidamente xustificada.
h) Nas transaccións extraxudiciais e informe de insustentabilidade da pretensión, a presentación do documento de transacción subscrito polos interesados ou do informe da insustentabilidade dirixido ao colexio.
i) Nas desistencias extraxudiciais por pasividade do interesado, a presentación de xustificación escrita do letrado.
j) Nas execucións de sentenzas que se produzan transcorridos máis de dous anos despois de ditada resolución xudicial, presentación da copia de petición de execución, debidamente acreditada.
Os documentos referidos poderán ser substituídos pola copia selada polo órgano xudicial da primeira folla do escrito presentado.
Cuarto. En cumprimento do establecido do artigo 41.1 do Decreto 269/2008, do 6 de novembro, dentro do mes natural seguinte ao da finalización de cada trimestre o colexio de avogados remitirá á Dirección Xeral de Xustiza unha certificación que conteña os datos relativos ás actuacións realizadas polos profesionais durante ese período.
Quinto. En cumprimento do establecido do artigo 48 do Decreto 269/2008, do 6 de novembro, e tendo en conta a Orde do 9 de xuño de 2011, os colexios de avogados deberán remitir a xustificación trimestral dos fondos percibidos a que se refire o artigo 47 do devandito Decreto 269/2008:
a) En formato electrónico: relación detallada das quendas de garda ou, se procede, das asistencias letradas ao detido efectuadas por cada letrado ou procurador, así como tamén dos asuntos de xustiza gratuíta asumidos por cada letrado.
b) En formato papel: todos os documentos establecidos nos puntos c), d), e) e f) do artigo 48.1 do Decreto 269/2008, do 6 de novembro.
Disposición derradeira.
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2012.
Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
ANEXO
Módulos e bases da compensación económica
Baremos para o cuarto trimestre do ano 2011 e o primeiro, segundo e
terceiro trimestre de 2012
Avogados/tipoloxía
Asistencia ao detido ou preso
Código |
Denominación |
Módulo |
101 |
Asistencia individualizada |
102,73 € |