Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 10 de febreiro de 2012 Páx. 5592

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 3 de febreiro de 2012 pola que se prorroga, durante o cuarto trimestre de 2011 e o primeiro, segundo e terceiro trimestres de 2012, o acordo entre a Xunta de Galicia e o Consello Galego dos Procuradores sobre a compensación económica pola asistencia xurídica gratuíta.

O artigo 24 da nosa Constitución garante o dereito fundamental a obteren a tutela efectiva dos xuíces e tribunais a todas as persoas no exercicio dos seus dereitos e intereses lexítimos e, así mesmo, á defensa e á asistencia de letrado. Este dereito fundamental compleméntase co disposto no artigo 119 da Carta Magna, onde se establece que a xustiza será gratuíta cando así o dispoña a lei e, en todo caso, respecto de quen acredite insuficiencia de recursos para litigar. Polo que atinxe a esta materia, a Comunidade Autónoma de Galicia posúe plenas competencias, xa que a través do Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, lle foron transferidos pola Administración do Estado os medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, entre os cales se atopa o aboamento da compensación económica aos colexios de procuradores dos tribunais polas actuacións dos seus colexiados no ámbito da asistencia xurídica gratuíta.

Coa entrada en vigor da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, a materia foi obxecto dunha fonda reforma, e fíxose necesaria a elaboración dun regulamento que a desenvolvese, e tendo en conta as peculiaridades propias da nosa comunidade autónoma e o tempo transcorrido, o primeiro Decreto 146/1997, do 22 de maio, foi modificado polo Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outra banda, o 14 de outubro de 2003 a Xunta de Galicia e o Consello Galego dos Procuradores asinaron un acordo para establecer o baremo da compensación económica da asistencia xurídica gratuíta destes profesionais, cun ámbito temporal polo cal durante o ano 2008 se debería negociar e, se fose o caso, aprobar, un novo acordo para os vindeiros anos. Por diversas circunstancias non foi posible acadar ese acordo novo, e logo das obrigadas conversas co Consello Galego dos Procuradores, ambas as dúas institucións acordaron a prórroga do baremo establecido no acordo do ano 2003 nas cantidades de compensación económica que rexeron no ano 2008, actualizadas pola Orde desta consellería do 2 de xullo de 2009 e prorrogada esta última polas ordes do 28 de maio e 15 de outubro de 2010 e do 21 de decembro de 2010, de xeito que estes conceptos económicos imperasen durante o cuarto trimestre de 2011 e o primeiro, segundo e terceiro trimestres do ano 2012, ao tempo que as partes iniciasen un proceso negociador coa finalidade de acadar un acordo para os vindeiros anos.

Así mesmo, a Orde do 9 de xuño de 2011 (DOG número 136, do 15 de xullo) aproba o formato en que os colexios de procuradores de Galicia deben remitir a xustificación trimestral da aplicación da compensación económica establecida no Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia.

En consecuencia co anteriormente exposto,

DISPOÑO:

Primeiro. A prórroga do Acordo do 14 de outubro de 2003 entre a Xunta de Galicia e o Consello Galego dos Procuradores polo cal se estableceu o baremo da compensación económica da asistencia xurídica gratuíta.

Segundo. Durante o cuarto trimestre do ano 2011 e o primeiro, segundo e terceiro trimestres de 2012 as cantidades do baremo da compensación económica da asistencia xurídica gratuíta serán as que rexeron durante o ano 2008, actualizadas pola Orde desta consellería do 2 de xullo de 2009 e prorrogada esta última polas ordes do 28 de maio e 15 de outubro de 2010 e do 21 de decembro de 2010 e especificadas no anexo desta orde. Estas cantidades deberán ser certificadas trimestralmente polos colexios de procuradores, seguindo estritamente a ordenación de tipoloxías recollidas no modelo que figura no anexo da orde, de acordo co artigo 38.3 do Decreto 269/2008, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia.

Terceiro. Os procuradores percibirán o 100% da compensación económica correspondente á súa actuación profesional cando acrediten a realización dalgún dos seguintes trámites procesuais:

a) Nos procesos penais, a presentación da copia da dilixencia ou solicitude da actuación procesual na cal interveña o procurador, ou a apertura do xuízo oral.

b) Nos procesos civís, a presentación da copia da providencia de admisión da demanda ou de ter formulado a contestación dela.

c) Nos demais procesos, a presentación da copia da dilixencia xudicial acreditativa da intervención do procurador dos tribunais.

d) Nas apelacións civís, a presentación da copia da providencia pola cal se admite a trámite o recurso ou, se procede, a comparecencia ante a sala.

e) Nas apelacións penais, a presentación da copia da resolución xudicial na cal se teña por formalizado ou impugnado o recurso ou o sinalamento para a vista.

f) Nos recursos de casación formalizados, a presentación da copia da providencia pola cal se teña por interposto o recurso.

Nos anuncios de recurso de casación que non chegan a ser formalizados, a presentación da copia do anuncio do recurso, debidamente xustificada.

g) Nas execucións de sentenzas que se produzan transcorridos máis de dous anos despois de recaída resolución xudicial, presentación da copia de petición de execución, debidamente acreditada.

Os documentos referidos poderán ser substituídos pola copia selada polo órgano xudicial da primeira folla do escrito presentado.

Cuarto. En cumprimento do establecido do artigo 41.1 do Decreto 269/2008, do 6 de novembro, dentro do mes natural seguinte ao da finalización de cada trimestre o colexio de procuradores remitirá á Dirección Xeral de Xustiza unha certificación que conteña os datos relativos ás actuacións realizadas polos profesionais durante ese período.

Quinto. En cumprimento do establecido do artigo 48 do Decreto 269/2008, do 6 de novembro, e tendo en conta a Orde do 9 de xuño de 2011, os colexios de procuradores deberán remitir a xustificación trimestral dos fondos percibidos a que se refire o artigo 47 do devandito Decreto 269/2008:

a) En formato electrónico: relación detallada das quendas de garda ou, se procede, das asistencias letradas ao detido efectuadas por cada procurador, así como tamén dos asuntos de xustiza gratuíta asumidos por cada letrado.

b) En formato papel: todos os documentos establecidos nos puntos c), d), e) e f) do artigo 48.1 do Decreto 269/2008, do 6 de novembro.

Disposición derradeira. Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2012.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Módulos e bases da compensación económica.
Baremos para o cuarto trimestre do ano 2011 e o primeiro,
segundo e terceiro trimestres de 2012

Procuradores/tipoloxía

Xurisdición penal

Código

Denominación

Módulo

101

Procedemento ante o xulgado de instrución en sumarios ou causas perante o tribunal do xurado

36,91 €

102

Intervención ante o xulgado de instrución en procedementos abreviados de especial complexidade (actuacións de máis de 1.000 folios)

25,68 €

103

Intervención ante o xulgado de instrución en procedementos abreviados

14,02 €

104

Intervención ante o xulgado de instrución en xuízos rápidos

25,68 €

105

Xuízo oral ante a audiencia provincial

21,09 €

106

Xuízo oral ante o xulgado do penal

21,01 €

107

Xuízo de faltas (*)

28,02 €

108

Recurso de apelación

31,53 €

109

Procedemento ante o xulgado de vixilancia penitenciaria (*)

23,35 €

Xurisdición civil

Código

Denominación

Módulo

201

Procedemento ordinario

44,37 €

202

Xuízo verbal e procesos especiais

35,02 €

203

Proceso matrimonial contencioso (completo)

52,53 €

204

Proceso matrimonial de mutuo acordo

36,91 €

205

Medidas provisionais previas

14,02 €

206

Modificación de medidas definitivas

49,03 €

207

Recurso de apelación

31,53 €

Xurisdición contencioso-administrativa

Código

Denominación

Módulo

301

Recurso contencioso-administrativo (*)

35,02 €

302

Recurso de apelación (*)

31,53 €

Xurisdición social

Código

Denominación

Módulo

401

Proceso laboral (*)

36,91 €

402

Recurso de suplicación (*)

31,53 €

Xurisdición militar

Código

Denominación

Módulo

501

Proceso íntegro

35,02 €

Recursos de casación e amparo

Código

Denominación

Módulo

606

Recurso de casación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

35,02 €

(*) Cando a intervención do procurador sexa requirida expresamente pola autoridade xudicial, de conformidade co artigo 6.3 da Lei 1/1996, de asistencia xurídica gratuíta