Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 9 de febreiro de 2012 Páx. 5528

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente o parque eólico Ampliación Monte Arca, situado nos concellos de Cuntis e A Estrada e promovido por Sistemas Energéticos Cuntis, S.A. (Expediente IN661A 2010/1-4).

Examinado o expediente instruído a pedimento da sociedade Sistemas Energéticos Cuntis, S.A., sobre autorización administrativa do parque eólico Ampliación Monte Arca, localizado nos concellos de Cuntis e A Estrada (Pontevedra), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Mediante Resolución do 30 de abril de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, publícase a relación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa de instalación de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais (DOG n.º 97, do 25 de maio), entre as que se atopa a presentada por Gamesa para o parque eólico Ampliación Monte Arca, cunha potencia de 4 MW.

Segundo. O 8 de outubro de 2010, Juan Barreiro Grandío, en representación de Gamesa Energía, S.A., e Teodoro Monzón Arribas, en representación de Sistemas Energéticos Cuntis, S.A., solicitan a autorización administrativa do parque eólico Ampliación Monte Arca a nome da sociedade Sistemas Energéticos Cuntis, S.A., de conformidade co establecido no artigo 36 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Terceiro. Por Acordo do 9 de novembro de 2010, do Departamento Territorial de Pontevedra, sométese a información pública a solicitude de autorización administrativa da ampliación do Parque Eólico Monte Arca, nos concellos de Cuntis e A Estrada, que se publica no Diario Oficial de Galicia do 25 de novembro, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 18 de novembro e no xornal La Voz de Galicia do 18 de novembro.

As características da instalación recollidas no devandito acordo son as seguintes:

Solicitante: Sistemas Energéticos Cuntis, S.A. Unipersonal.

Domicilio social: rúa Antonio Gómez Vilasó, bloque 3, portais 2 e 3, 15702 Santiago de Compostela.

Denominación: Parque Eólico Monte Arca Ampliación.

Concellos afectados: Cuntis e A Estrada (Pontevedra).

Potencia que se vai instalar: 4 MW.

Localización (coordenadas poligonais en unidades UTM):

Coordenadas perimetrais do parque eólico:

V1 (538.000, 4.723.000); V2 (543.000, 4.723.000); V3 (543.000, 4.720.000); V4 (538.000, 4.720.000).

Coordenadas dos aeroxeradores:

V1 (540.701, 4.721.437); V2 (540.538, 4.721.680).

Características técnicas:

– Dous aeroxeradores Gamesa G87-2 MW, cunha potencia unitaria de 2 MW, montados sobre fuste tubular metálico de 78 m de altura e rotores de 87 m de diámetro.

– Dous transformadores situados no interior dos fustes de 2.350 kVA e tensións de 0,69-1/20 kV.

– Rede eléctrica soterrada de media tensión a 20 kV realizada en condutor DHZ1 12/20 kV 3×1×(1x95) mm2 Al, para interconexión dos aeroxeradores e estes coa subestación transformadora (P.E. Monte Arca Fase I).

– Produción neta anual estimada: 12.244 MWh/ano.

– Orzamento total: 3.957.123,65 euros.

Durante o período de información pública non se presentaron alegacións.

Cuarto. O 12 de xaneiro de 2011, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental informa que, dado que as dúas máquinas proxectadas ocupan posicións recollidas na DIA emitida o 20 de decembro de 2006 para o Parque Eólico Monte Arca, considérase solucionado o trámite ambiental do parque eólico Ampliación Monte Arca, e élle de aplicación en todo o seu contido o condicionado establecido na devandita DIA.

Quinto. Con data do 28 de xaneiro de 2011, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra emite informe favorable sobre a solicitude de autorización administrativa para o parque eólico Ampliación Monte Arca.

Aos anteriores antecedentes de feito sonlles de aplicación os seguintes:

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Consellería de Economía e Industria é a competente para resolver este procedemento, con fundamento no Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e no Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, en relación co artigo 28 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, que atribúe á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de industria, seguridade industrial, solo industrial, metroloxía, metais preciosos, enerxía e minas, e co artigo 38 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites procedementais sinalados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. A documentación presentada polo solicitante cumpre co disposto na letra e) do artigo 36 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, que establece que os titulares dos anteproxectos seleccionados poderán presentar a solicitude de autorización administrativa e documentación necesaria a nome das sociedades filiais unipersoais sempre e cando se acredite este aspecto de forma simultánea á achega da citada documentación.

Polo exposto e no exercicio das competencias que teño atribuídas

RESOLVO:

Autorizar administrativamente o parque eólico Ampliación Monte Arca, localizado nos concellos de Cuntis e A Estrada (Pontevedra) e promovido por Sistemas Energéticos Cuntis, S.A., cunha potencia de 4 MW.

Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Conforme o disposto no artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, para os efectos de garantir o cumprimento das obrigas establecidas nesta autorización, Sistemas Energéticos Cuntis, S.A. deberá constituír, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, unha fianza de 79.142,47 euros, importe correspondente ao 2% do orzamento das instalacións que se autorizan.

A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e devolverase unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

2. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria do 23 de xaneiro de 2009 pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG n.º 37, do 23 de febreiro).

3. O parque eólico que se autoriza deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, que lle resulten de aplicación.

4. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condiciones impostas ou por outra causa excepcional que o xustifique.

5. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2011.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas