Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 1 de febreiro de 2012 Páx. 4646

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 30 de decembro do 2011, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, polo que se lle dá publicidade á resolución do expediente n.º 415 que afecta o monte Sestaio solicitado como veciñal en man común polos veciños dos lugares de Sestaio de Arriba e do Fondo da parroquia de Sestaio do concello de Muros.

Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento para a aplicación da Lei galega 13/1989, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1.º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 16 de decembro de 2011, adoptou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente: Antonio Manuel Aguión Fernández (xefe territorial da Consellería do Medio Rural na Coruña).

Vogais:

Susana Loreta Benedeti Corzo (letrada da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia).

Augusto José Pérez-Cepeda Vila (representante do Colexio Provincial de Avogados da Coruña).

M.ª Josefa Fernández Fernández (xefa do Servizo de Montes e Industrias Forestais da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural da Coruña).

Representantes dos veciños dos lugares de Sestaio de Arriba e do Fondo da parroquia de Sestaio do concello de Muros: Eduardo Vázquez González e Juan González Lado, na súa condición de presidente e vogal da xunta provisional promotora dos veciños de Sestaio de Arriba e do Fondo da parroquia de Sestaio.

Secretaria: M.ª de los Dolores Añón Rodríguez (xefa de Sección do Servizo Xurídico-Administrativo da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural na Coruña).

Na cidade da Coruña, sendo o día 16 de decembro de 2011, reúnese o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña coa asistencia das persoas indicadas anteriormente, co obxecto de estudar e resolver, entre outros, o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte Sestaio promovido polos veciños dos lugares de Sestaio de Arriba e do Fondo da parroquia de Sestaio do concello de Muros.

Antecedentes de feito.

1.º Eduardo Vázquez González e outros veciños dos lugares de Sestaio de Arriba e do Fondo da parroquia de Sestaio presentan unha solicitude o 28.9.2010 ante o xurado para que o monte Sestaio do concello de Muros sexa declarado como veciñal en man común alegando que desde tempo inmemorial os veciños deses lugares o veñen aproveitando de forma consuetudinaria e sen asignación de cotas.

2.º Á vista de tal solicitude e da documentación achegada durante a tramitación do correspondente expediente de clasificación, o xurado, na súa reunión con data do 16.12.2011, acordou iniciar a súa tramitación. As características do monte do que se solicita a clasificación son as seguintes:

Monte: Sestaio.

Comunidade veciñal: veciños de Sestaio de Arriba e do Fondo.

Parroquia: Sestaio.

Concello: Muros.

Superficie: 88,40 ha.

Segundo o informe do xefe de Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común do 29.6.2011 o monte solicitado é parte do monte Sestaio e outros que consta no CUP co n.º 121 o deslindamento do cal foi aprobado por Orde ministerial do 29.5.1968 (BOP do 21.9.1968) e as súas extremas son as seguintes:

– Norte: do vértice 1 do deslindamento do monte Sestaio e outros (CUP n.º 121) ao 13 co monte veciñal en man común de San Xián, pertencente á comunidade de San Xián de Torea, no termo municipal de Muros.

– Leste: do vértice 13 do dito deslindamento do monte Sestaio e outros a un punto situado entre os vértices 15 e 16, coñecido por Portela Ancha, con máis monte veciñal en man común de San Xián; deste punto ao vértice 19 co monte veciñal de Lestón (expediente 274), e deste ao vértice 21 co monte veciñal de Sieiras, pertencente á comunidade veciñal de Lestón de Abaixo (expediente 341) no termo municipal de Muros. Dos vértices 21 ao 27 co monte veciñal en man común de Baño, da comunidade de Serres (expediente 263). Dos vértices 27 a 37 segue o valado do lugar Laxe Negra. Dos vértices 37 ao 38 co monte veciñal en man común de Baño. Dos vértices 38 ao 48 segue o valado do lugar Viveiro. Dos vértices 48 ao 49 co monte veciñal en man común de Baño. Dos vértices 49 ao 66 segue o valado do lugar Calcerada. Do vértice 66 ao 73 segue o valado do lugar Prado do Rei.

– Sur: dos vértices 73 ao 74 co monte veciñal en man común de Baño, da comunidade de Serres.

– Oeste: do vértice 74 ao 83 co lugar Rego do Prado; deste ata o vértice 90 polo valado de Campiños do Prado; deste ata o vértice 114 polo valado de Costa do Prado, e logo ata o 123 polo valado de Tras do Prado; deste ao 130 ata o 148 polo valado das Hortas; deste ao 161 polo valado de Portela do Rastro, ata o 166 polo valado das Pías; e ata o 186 polo valado do Currelo, seguindo o camiño do Fondo a Arriba ata o vértice 188, e logo ata o vértice 241 cos predios O Campo, Agro Chousa, Carril Vello, Banda do Río e Fervenza. E co río Fervenzas (xunto ao muíño de Fervenzas) volve ao vértice 1 (situado no lugar de Agras Vella onde principia a formarse o regato), que o separa do monte veciñal en man común denominado Sestaio (expediente 287), pertencente ao lugar de Eiroa, concello de Muros.

Situados:

Situado A: Rego dos Pozos.

Situado B: Agro do Cubelo.

Situado C: Prado do Rei.

Situado D: Agro Capadamoa.

Situado E: Agro Landeira da Fervenza.

3.º Con data do 16 de decembro de 2010, e en cumprimento do disposto no artigo 20 do Regulamento do montes veciñais en man común, solicitouse ao Servizo de Montes e Industrias Forestais un informe sobre o monte de referencia. O xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común remite un informe o 29.6.2011 no que manifesta, en síntese, que o monte solicitado é parte do orixinal monte Sestaio e outros, incluído co n.º 121 no Catálogo de Utilidade Pública e cuxa ficha se indica que a súa titularidade pertence á parroquia de Sestaio, a cal vén sendo representada polo concello de Muros. O monte Sestaio e outros foi deslindado por Orde Ministerial do 29.5.1968 (Boletín Oficial da provincia do 21.9.1968). Ademais, o devandito monte está consorciado co concello de Muros co n.º de elenco C-2068 e que na documentación do consorcio consta tamén a pertenza á parroquia de Sestaio. Por último, remítese ao informe do Distrito Forestal V indicando que «é probable que os que viñan realizando, consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, algún tipo de aproveitamento, forestal ou non fosen veciños dos lugares de Sestaio de Arriba e de Sestaio do Fondo, mesmo hai unha traída de auga que é utilizada polos veciños de Sestaio do Fondo, o cal é un tipo de aproveitamento en común».

Conforme o disposto no artigo 21 do Regulamento de montes veciñais, solicitouse a correspondente certificación de asentos ao Rexistro da Propiedade de Muros, que certifica o 22.7.2011 que o predio solicitado, tal e como se describe no mandamento, non figura inscrita nese rexistro; non obstante, figura inscrito o predio n.º 7284 a favor do concello de Muros denominado Monte Feixa ou Sestaio, Morondo, Fondo do Vico e Armada pertencente á parroquia de Sestaio do concello de Muros.

4.º Para dar cumprimento ao disposto no artigo 21 do Regulamento do 4 de setembro de 1992, con data do 5.8.2011 procedeuse á correspondente tramitación e librouse por orde da instrutora do expediente comunicacións do acordo de inicio do expediente de clasificación ao Servizo de Montes e Industrias Forestais para os efectos de aproveitamentos e de acordo co disposto no artigo 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro; ao alcalde presidente do concello de Muros, ao que se lle remitiu edicto, do acordo de inicio a fin de que, segundo o disposto no artigo 10 da lei e 23 do Regulamento de montes veciñais en man común, sexa exposto polo período dun mes para os efectos de alegacións dos posibles interesados; ao Rexistro da Propiedade de Muros para que se realice a práctica das oportunas anotacións preventivas; ao representante da comunidade veciñal solicitante da clasificación do monte como veciñal; e ao Diario Oficial de Galicia para a súa publicación (DOG n.º 165, do 30 de agosto). No taboleiro de anuncios do concello de Muros e nos lugares de costume da parroquia e asentamentos veciñais estivo exposto -segundo certificación do seu secretario- un mes desde o 17 de agosto de 2011.

5.º Durante o período de alegacións non foi presentada ningunha reclamación nin ningunha oposición á clasificación.

6.º Na xuntanza do xurado do 16.12.2011 os representantes da comunidade veciñal solicitante ratifícanse na condición veciñal do monte Sestaio e do seu aproveitamento polos veciños tanto dos lugares de Sestaio de Arriba como do Fondo.

7.º Na tramitación destas actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, exixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos os dous da Comunidade Autónoma de Galicia; Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais disposicións aplicables ao caso.

Fundamentos de dereito.

1.º O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2.º De conformidade co contido do artigo 11 da precitada lei e o artigo 19 do seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños dos lugares de Sestaio de Arriba e do Fondo da parroquia de Sestaio son parte lexítima para solicitar a iniciación deste expediente de clasificación.

3.º Para a súa clasificación como veciñal en man común, o monte debe reunir as seguintes características: a) pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; b) que se veña aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; c) que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989, do 10 de outubro e artigos 1, 2 e 3 do seu regulamento).

4.º En canto ao aproveitamento consuetudiario do monte por parte dos veciños promotores queda constancia do devandito aproveitamento no informe emitido polo Servizo de Montes e Industrias Forestais do 29.6.2011 que avala as declaracións feitas polos veciños maiores do lugar, e a documentación que consta nos expedientes de deslindamento do monte e a súa inclusión no Catálogo de Utilidade Pública baixo a referencia de pertenza á parroquia de Sestaio. Por outra banda, non se presentou oposición ningunha a esta pretensión durante a tramitación deste expediente.

Por todo exposto, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito indicados, e de acordo coa Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, e logo da proposta da instrutora e por unanimidade dos asistentes con dereito a voto, este xurado

acorda:

Clasificar como monte veciñal en man común o monte Sestaio en favor dos veciños dos lugares de Sestaio de Arriba e do Fondo da parroquia de Sestaio do concello de Muros cos lindeiros, superficie e características indicadas no antecedente segundo, e conforme a planimetría presentada polos solicitantes e validada polo xefe de Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña nos seus informes do 26.11.2010 e do 29.6.2011 que describe os seus extremeiros e que forma parte integrante desta resolución.

Notifíquese esta resolución aos interesados.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A Coruña, 30 de decembro de 2011.

Antonio Manuel Aguión Fernández
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común da Coruña