Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 1 de febreiro de 2012 Páx. 4652

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 30 de decembro de 2011, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, polo que se dá publicidade á resolución do expediente número 413, que afecta o monte Neme de Oza, solicitado como veciñal en man común pola parroquia de Oza, do concello de Carballo.

Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento para a aplicación da Lei galega 13/1989, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1.º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 16 de decembro de 2011, adoptou a seguinte resolución:

«Asistentes:

Presidente: Antonio Manuel Aguión Fernández, xefe territorial da Consellería do Medio Rural na Coruña.

– Vogais:

Susana Loreta Benedeti Corzo, letrada da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

Augusto José Pérez-Cepeda Vila, representante do Colexio Provincial de Avogados da Coruña.

M.ª Josefa Fernández Fernández, xefa do Servizo de Montes e Industrias Forestais da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural da Coruña.

– Representantes dos veciños da parroquia de Oza:

Jesús Fernández Pérez e Venancio Amarelle, na súa condición de presidente e vogal, respectivamente, da xunta provisoria promotora dos veciños da parroquia de Oza.

Secretaria: M.ª de los Dolores Añón Rodríguez, xefa de sección do Servizo Xurídico-Administrativo da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural na Coruña.

Na cidade da Coruña, no día 16 de decembro de 2011, reúnese o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña coa asistencia das persoas indicadas anteriormente, co obxecto estudar e resolver, entre outros, o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte Neme de Oza, promovido polos veciños da parroquia de Oza, do concello de Carballo.

Antecedentes de feito.

1.º Jesús Fernández Pérez, como presidente da Asociación de Veciños de Oza, en Carballo, e da xunta promotora de veciños da devandita parroquia, presenta unha solicitude para a clasificación como monte veciñal do monte Neme de Oza a favor dos veciños da parroquia de Oza, do concello de Carballo. Presenta canda a solicitude unha acta notarial dos veciños de máis idade da parroquia do 3.12.2009 na que manifestan que desde tempo inmemorial é utilizado polos veciños en réxime de comunidade; a planimetría do monte Neme e un escrito do Concello de Carballo do 28.4.1966 en que se dá conta dun acordo adoptado por unanimidade do Pleno do Concello de «ceder aos veciños dos lugares da citadas parroquias (Cances, Razo e Oza) o 50% da participación que corresponde ao concello na explotación do consorcio; ademais, que co fin de administrar os futuros beneficios dos montes, acorda propoñer aos veciños dos lugares das citadas parroquias a constitución dunha comisión». O devandito acordo realízase ante a petición dos veciños das citadas parroquias que se presentan como usuarios dos devanditos montes «considerados como pertencentes en man común aos veciños da citadas parroquias, que son os que viñeron aproveitándoos consuetudinariamente».

2.º Á vista de tal solicitude e da documentación achegada, o xurado, na súa reunión do 16.12.2010 acordou iniciar a tramitación e nomear instrutora do expediente de clasificación (n.º 413) a Susana Loreta Benedeti Corzo. As características dos montes dos cales se solicita a clasificación son as seguintes:

Monte: Neme de Oza.

Comunidade veciñal: veciños da parroquia de Oza.

Parroquia: Oza.

Concello: Carballo.

Superficie: 14,29 ha.

Segundo o informe do xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común do 24.5.2011 canto aos seus límites e á descrición das estremas do monte de Neme de Oza en resumo, son:

– Norte: do punto situado na intersección da liña que une os vértices a-142 e b-142 do deslindamento do monte Neme, CUP n.º 47, co camiño que define a estrema co monte veciñal en man común denominado monte Neme e monte Longo; deste punto ao vértice g-142 do dito deslindamento co monte veciñal en man común Carballeiras e Vilar, pertencente á parroquia de Santo Martiño de Razo (expte. n.º 298), no termo municipal de Carballo; seguindo a liña do deslindamento.

– Este: do vértice g-142 do deslindamento do monte Neme (CUP n.º 147) ao vértice 73, seguindo un valado de pedra, con propiedades particulares da parroquia de Oza.

– Sur: do vértice 73 ao 95 do dito deslindamento, seguindo varios valados de pedra, con propiedades particulares da parroquia de Oza.

– Oeste: do vértice 95 ao 101 cara ao cumio seguindo un valado que o separa de propiedades particulares; do 101 ao 103 á beira o camiño que vai de Oza ao monte, deixando á esquerda un valado; e do 103 ao devandito punto situado na intersección da liña que une os vértices a-142 e b-142 do deslindamento do monte Neme, CUP n.º 47, co camiño que define a estrema co monte veciñal en man común denominado monte Neme e monte Longo (expte. 374) no cal se pecha o perímetro.

3.º En cumprimento do disposto no artigo 20 do Regulamento do montes veciñais en man común, solicitouse ao Servizo de Montes e Industrias Forestais informe sobre o monte de referencia. O xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común emite un informe o 24.5.2011 no cal manifesta, en síntese, que o monte é a parte aínda de utilidade pública do deslindamento total do monte Neme, CUP n.º 47. Canto á titularidade desta parte, segundo o devandito CUP, é que pertencía á parroquia de S. Severísismo de Oza, representada polo Concello de Carballo. O monte Neme foi deslindado por Orde ministerial aprobatoria do 13.12.1967 e está consorciado co Concello de Carballo co n.º de elenco C-2075. Canto ao aproveitamento, remítese ao informe do Distrito II.

Conforme o disposto no artigo 21 do Regulamento de montes veciñais, solicitouse a correspondente certificación de asentos ao Rexistro da Propiedade de Carballo, que certifica o 30.5.2011 que «o predio indicado na dita solicitude, tal e como se describe nela, non figura inscrito neste rexistro da propiedade ao menos de forma en que poida ser identificado e segundo os datos fornecidos».

4.º Para dar cumprimento ao disposto no artigo 23 do Regulamento do 4 de setembro de 1992, o 14.7.2011 procedeuse á correspondente tramitación e librouse por orde da instrutora do expediente comunicacións do acordo de inicio do expediente de clasificación ao Servizo de Montes e Industrias Forestais para os efectos de aproveitamentos e de acordo co disposto no artigo 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro; ao alcalde do Concello de Carballo, ao cal se lle remitiu edicto do acordo de inicio co fin de que, segundo o disposto no artigo 10 da lei e 23 do Regulamento de montes veciñais en man común, sexa exposto polo período dun mes para os efectos de alegacións dos posibles interesados; ao representante da comunidade veciñal da parroquia de Oza, solicitante da clasificación do monte como veciñal; e ao Diario Oficial de Galicia para a súa publicación (DOG n.º 152, do 9 de agosto de 2011). No taboleiro de anuncios do Concello de Carballo e nos lugares de costume da parroquia estivo exposto –segundo certificación achegada polo secretario do concello– un mes desde o 26.7.2011.

5.º Durante o período de alegacións M.ª Consuelo Suárez Pensado presentou un escrito o 24.8.2011 en que afirma que, dentro dos montes comunais de Oza-Carballo, ten un terreo que vén da escritura n.º 256 do 11.4.1959 de aprobación e protocolización da herdanza de Eliseo Cambón Paredes (parcela n.º 227, que xa constaba ao seu nome no catastro de 1956). Actualmente, afirma, este predio é propiedade dos herdeiros de José Antonio Rodríguez Cambón. Achega canda o escrito copia do catastro de 1956 e escritura parcial do predio na cal se indica que o «monte chamado Poza da Lagoa no monte Neme, linda norte, sur e este con monte veciñal; e oeste con camiño público».

O Concello de Carballo remite durante o período de alegacións diversa documentación sobre os antecedentes de que dispón sobre o monte Neme, e informa de que no Inventario de bens do concello de 1963 aparece inscrito o monte Neme da parroquia de Oza, se ben cunha superficie superior a 60 ha; non obstante, na rectificación anual do Inventario de bens referida ao 31.12.2010, xa non figura inscrito o monte Neme de Oza; tamén informa que está inscrito no Rexistro da Propiedade de Carballo o monte Neme na parroquia de Oza, pero cunha superficie de 60 ha, entendendo que podería estar dentro dos seus límites a superficie solicitada neste expediente de clasificación. Achega tamén copia do catastro de 1957 en que consta que a parcela 225 do polígono 34 e cunha extensión de 24,53 ha aparece como titular catastral «comunal do R» a cal inclúe a parcela afectada por este expediente. No catastro actual, desde o ano 2004 e ata a actualidade, informa de que existen varias parcelas que integran este monte, a maior parte con titular descoñecido ou en investigación; outras como titular privado.

Por último, achega o concello a sentenza firme do 8.12.2003, ditada no xuízo ordinario n.º 79/03, na cal se declara como monte veciñal parte do monte Neme e o monte Longo a favor da parroquia de Cances, así como planimetría deste monte clasificado, que non inclúe a parte do monte Neme que se pretende clasificar neste expediente.

6.º Na comparecencia ante o xurado os representantes da parroquia de Oza defenden o carácter veciñal do monte Neme e o seu aproveitamento inmemorial por parte dos veciños da parroquia de Oza.

Fundamentos de dereito.

1.º O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2.º De conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e o artigo 19 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños da parroquia de Oza do Concello de Carballo son parte lexítima para solicitar o inicio deste expediente de clasificación.

3.º Para a súa clasificación como veciñal en man común, o monte debe reunir as seguintes características: a) pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; b) que se veña aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; c) que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a cal se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, e artigos 1, 2 e 3 do seu regulamento).

4.º Canto á posible condición veciñal do monte Neme en favor dos veciños da parroquia de Oza, considérase que entre a documentación que consta no expediente existen referencias significativas entre as cales cabe subliñar as seguintes:

– No informe do xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común do 24.5.2011 sinálase que o monte Neme consta no Catálogo de utilidade pública co n.º 47 e atribúe a súa titularidade á parroquia de Oza, do Concello de Carballo, aínda que cunha extensión de 25,20 ha. No seu informe especifica que xa está clasificado como veciñal por sentenza xudicial no xuízo ordinario n.º 79/03 a favor da parroquia de Cances parte deste monte (clasificado baixo a denominación de monte Neme e Longo), polo que quedaría unha superficie de 14,29 ha de monte público, que é a que está a solicitar neste expediente a parroquia de Oza.

– No catastro antigo de 1957 consta que a parcela 225 do polígono 34 e cunha extensión de 24,53 ha (semellante á incluída no deslindamento do monte Neme no Catálogo de utilidade pública) aparece como titular catastral «comunal do R», a cal inclúe a parcela afectada por este expediente de clasificación.

– O acordo adoptado por unanimidade polo Pleno do Concello de Carballo o 28.4.1966, no cal se cede aos veciños dos lugares das parroquias de Oza, Cances e Razo (que así o reclamaban) o 50% da participación que corresponde ao concello na explotación do consorcio; ademais, neste acordo, e que co fin de administrar os futuros beneficios dos montes, acorda tamén o concello propoñer aos veciños dos lugares das citadas parroquias a constitución dunha comisión. O devandito acordo realízase ante a petición dos veciños das parroquias de Cances, Razo e Oza, que se presentan como usuarios dos devanditos montes «considerados como pertencentes en man común aos veciños da citadas parroquias, que son os que viñeron aproveitándoos consuetudinariamente». Cómpre sinalar que as parroquias de Cances e Razo xa teñen recoñecidos os seus montes veciñais, ben por este xurado ben por sentenza xudicial, limítrofes co monte Neme de que se solicita a clasificación.

– Na sentenza firme do 8.12.2003 ditada no xuízo ordinario n.º 79/03, na cal se declara como monte veciñal parte do monte Neme e o monte Longo a favor da parroquia de Cances, contén numerosas indicacións e probas que demostran a natureza veciñal do monte Neme: un escrito do Concello de Carballo de 1861 no que se refire que «o concello non pode menos que recoñecer como recoñece o aproveitamento en común dos veciños das respectivas parroquias do distrito, os montes e terreos relacionados neste expediente», entre eles o monte Neme; o «expediente de información de perpetua memoria de 1865, polo cal se acredita que varios montes que radican nalgunhas parroquias do distrito son do aproveitamento común dos seus veciños». Na súa demanda a parroquia de Cances solicitou soamente parte do monte Neme, segundo a planimetría que consta no Servizo de Montes Veciñais en Man Común, e que agora sería o linde oeste do monte Neme de Oza.

– A escritura privada que presenta M.ª Consuelo Suárez Pensado co seu escrito do 24.8.2011 indica que o monte chamado Poza da Lagoa, no monte Neme, linda norte, sur e este con monte veciñal e oeste con camiño público.

5.º Canto á propiedade alegada por M.ª Consuelo Suárez Pensado respecto da leira que manifesta que está na superficie do monte a clasificar, cómpre dicir, en primeiro lugar, que da documentación presentada non queda acreditado fidedignamente que a devandita leira estea dentro do monte Neme deste expediente ao non presentar unha planimetría axeitada; en calquera caso, nestes momentos a superficie do monte Neme da cal se solicita clasificación é monte público incluído no Catálogo de utilidade pública e no seu deslindamento non consta ningún enclave ou recoñecemento de propiedades particulares. Por último, non é competencia deste xurado o recoñecemento dominical de propiedades, senón determinar se existen probas suficientes para determinar a condición veciñal dun monte, debendo acudir os interesados á xurisdición ordinaria para facer valer os dereitos de propiedade que crean asistilos segundo o disposto no artigo 10.9 da Lei 55/1980, de montes veciñais en man común.

Por todo o exposto, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito indicados, e de acordo coa Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, e logo da proposta da instrutora e por unanimidade dos asistentes con dereito a voto, este xurado

ACORDA:

Clasificar como monte veciñal en man común o monte Neme de Oza en favor dos veciños da parroquia de Oza, do Concello de Carballo, coas estremas, superficie e características indicadas no antecedente segundo, e conforme a planimetría presentada polos solicitantes e validada polo xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no seu informe do 24.5.2011, que forma parte integrante da presente resolución.

Notifíquese esta resolución aos interesados».

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A Coruña, 30 de decembro de 2011.

Antonio Manuel Aguión Fernández
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común da Coruña