Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 1 de febreiro de 2012 Páx. 4659

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 30 de decembro de 2011, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, polo que se dá publicidade á resolución do expediente n.º 411, que afecta os montes de Laxa e Carrupeiro, solicitados como veciñais en man común pola comunidade veciñal de Olveira, da parroquia de Olveira, do concello de Ribeira.

Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento para a aplicación da Lei galega 13/1989, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1.º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 16 de decembro do 2011, adoptou a seguinte resolución:

«Asistentes:

Presidente: xefe territorial da Consellería do Medio Rural na Coruña, Antonio Manuel Aguión Fernández.

Vogais:

– Letrada da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, Susana Loreta Benedeti Corzo.

– Representante do Colexio Provincial de Avogados da Coruña, Augusto José Pérez-Cepeda Vila.

– Xefa do Servizo de Montes e Industrias Forestais da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural da Coruña, M.ª Josefa Fernández Fernández.

Secretaria: xefa de sección do Servizo Xurídico-Administrativo da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural na Coruña, M.ª de los Dolores Añón Rodríguez.

Na cidade da Coruña, no día 16 de decembro de 2011 reúnese o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña coa asistencia das persoas indicadas anteriormente, co obxecto de estudar e resolver, entre outros, o expediente de clasificación como veciñal en man común dos montes Laxa e Carrupeiro, promovido polos veciños da parroquia de Olveira do concello de Ribeira.

Antecedentes de feito:

1.º Con data 26.2.2010 Elvira Pereira Ageitos, como presidenta da comunidade de montes en man común de Olveira, e en nome desta comunidade xa constituída como tal, presenta unha solicitude para a clasificación como monte veciñal das parcelas de monte denominadas Laxa e Carrupeiro, sitas na parroquia de Olveira do concello de Ribeira. Alega que, segundo os veciños comuneiros máis antigos da comunidade, estes montes sempre foron de uso e aproveitamento veciñal (pastoreo, leña, toxo,...) ademais de que os veciños do lugar son os que se encargan da realización de todos os labores de limpeza e mantemento destes montes, igual que o resto dos montes de Olveira xa clasificados polo xurado.

Achegan documentación gráfica sobre os montes en cuestión; declaración dos veciños de máis idade do lugar; varias escrituras privadas de predios que están na parroquia de Olveira e que limitan nalgunha das súas estremas con monte comunal ou veciñal, un informe da enxeñeira municipal de Ribeira en que se indica que o monte Carrupeiro figura no Catastro de rústica do ano 1964 como «común do municipio de Ribeira» e, no catastro actual, no monte Laxa consta como titular a CMVMC de Olveira.

2.º Á vista de tal solicitude e da documentación achegada, o xurado, na súa reunión do 18.6.2010 acordou iniciar a tramitación e nomear instrutora do expediente de clasificación (n.º 411). As características dos montes dos cales se solicita a clasificación son as seguintes:

Montes: Laxa e Carrupeiro.

Comunidade veciñal: CVMC de Olveira.

Parroquia: Olveira.

Concello: Ribeira.

Superficie total: 0,6982 has.

Estremas:

Segundo a información que consta no expediente as súas estremas son:

• Parcela monte Laxa: superficie 0,5797 ha (parcela 992 do polígono 940 do concello de Ribeira).

Norte: propiedade de José Manuel Ordóñez Franco.

Sur: propiedades particulares e camiño público.

Leste: propiedades de Francisco Pego Sobrido e outros.

Oeste: camiño público e propiedades de Filomena Martínez Rama e outros.

• Parcela monte Carrupeiro: superficie 0,1185 ha (situada no polígono 940 do concello de Ribeira). Sen enclaves.

Norte: camiño público.

Sur: propiedades de Josefa Valiño Bretal e outros.

Leste: propiedades de Clemente Olveira Pego e outros.

Oeste: propiedades de Clemente Olveira Pego e outros.

3.º En cumprimento do disposto no artigo 20 do Regulamento de montes veciñais en man común, solicitouse ao Servizo de Montes e Industrias Forestais informe sobre o monte de referencia. O xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común emite un informe o 26.1.2011 en que manifesta, en síntese, que os montes solicitados non están inscritos no Catálogo de montes de utilidade pública, nin figuran entre os montes conveniados ou consorciados coa Xunta de Galicia.

Canto ao aproveitamento comunal do monte, remítese ao informe do Distrito IV do 17.1.2011 no cal se indica que non se que pode afirmar que veñen realizando os membros da xunta promotora e os posibles comuneiros, en réxime de comunidade e sen asignación de cotas, algún tipo de aproveitamento, forestal ou non; isto pode deberse, entre outros motivos, á escasa superficie, á inexistencia de arboredo e á pobre fertilidade do terreo, que en boa parte da parcela maior é pedra viva, vexetando principalmente toxo no resto dos predios.

Conforme o disposto no artigo 21 do Regulamento de montes veciñais, solicitouse a correspondente certificación de asentos ao Rexistro da Propiedade de Noia, que certifica o 7.2.2011 que «os predios indicados na dita solicitude, tal e como se describen nela, non figuran inscritas neste Rexistro da Propiedade».

4.º Para dar cumprimento ao disposto no artigo 23 do Regulamento do 4 de setembro de 1992, o 17.3.2011 procedeuse á correspondente tramitación e libráronse por orde da instrutora do expediente comunicacións do acordo de inicio do expediente de clasificación ao Servizo de Montes e Industrias Forestais para os efectos de aproveitamentos e de acordo co disposto no artigo 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro; ao alcalde do Concello de Ribeira, ao cal se lle remitiu edicto do acordo de inicio a fin de que, segundo o disposto no artigo 10 da lei e 23 do Regulamento de montes veciñais en man común, sexa exposto polo período dun mes para os efectos de alegacións dos posibles interesados; ao representante da comunidade veciñal de Olveira solicitante da clasificación do monte como veciñal; e ao Diario Oficial de Galicia para a súa publicación (DOG número 73, do 13 de abril de 2011). No taboleiro de anuncios do Concello de Ribeira estivo exposto –segundo certificación achegada pola secretaria do concello– un mes desde o 13.4.2011.

5.º Durante o período de alegacións non foi presentada ningunha.

Fundamentos de dereito:

1.º O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2.º De conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e o artigo 19 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, a comunidade veciñal da parroquia de Olveira do Concello de Ribeira é parte lexítima para solicitar o inicio deste expediente de clasificación.

3.º Para a súa clasificación como veciñal en man común, o monte debe reunir as seguintes características: a) pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; b) que se veña aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; c) que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a cal se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, e artigos 1, 2 e 3 do seu regulamento).

4.º Vista a documentación que consta no expediente, queda constancia de que os montes dos cales se solicita a clasificación teñen a consideración de comunais e vencellados á comunidade veciñal de Olveira, promotora do expediente de clasificación, non constando oposición ningunha á súa clasificación durante a tramitación do expediente.

Por todo o exposto, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito indicados, e de acordo coa Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, e logo da proposta da instrutora e por unanimidade dos asistentes con dereito a voto, este xurado

ACORDA:

Clasificar como montes veciñais en man común os montes Laxa e Carrupeiro en favor dos veciños da parroquia de Olveira, do concello de Ribeira (CVMC de Olveira) cos lindeiros, superficie, e características indicadas no antecedente segundo, e conforme a planimetría presentada polos solicitantes no seu informe técnico do 22.2.2010 e validada polo xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no seu informe do 26.1.2011 que forma parte integrante da presente proposta de resolución.

Notifíquese esta resolución aos interesados».

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A Coruña, 30 de decembro de 2011.

Antonio Manuel Aguión Fernández
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común da Coruña