Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 27 de xaneiro de 2012 Páx. 4097

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 20 de xaneiro de 2012 pola que se convocan os premios extraordinarios de formación profesional de grao superior correspondentes ao curso 2010-2011.

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte creou mediante a Orde ECD/1696/2002 do 1 de xullo de 2002 (BOE do 5 de xullo), os premios nacionais de formación profesional como recoñecemento ao alumnado que rematou os seus estudos de formación profesional de grao superior.

Así mesmo, no artigo terceiro, a citada orde establece que poderá concorrer aos premios extraordinarios nacionais o alumnado que resulte merecedor dos premios extraordinarios convocados na súa comunidade autónoma nos termos que se establecen nesa norma.

Na súa virtude, co obxectivo de recoñecer os méritos baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou estudos de formación profesional de grao superior na Comunidade Autónoma de Galicia, cun excelente resultado académico, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso desta habilitación e das atribucións que ten conferidas, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG do 25 de xuño)

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

Convócanse premios extraordinarios de formación profesional para o alumnado que rematase os estudos de formación profesional de grao superior no curso 2010-2011 nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Número e características dos premios.

1. Poderanse conceder ata vinte e dous premios extraordinarios, un por cada familia de formación profesional de grao superior que se imparte na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A dotación para os premios será de 18.700 € con cargo á partida orzamentaria 15.05.423A.480.1 dos orzamentos do ano 2012, que se distribuirán entre os premiados na mesma contía, e que non poderá exceder os 850 € por premio. Estas contías estarán suxeitas ás retencións que legalmente lles correspondan.

3. O alumnado que obteña o premio extraordinario, ademais da dotación económica, recibirá un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro público onde estea depositado o expediente académico anotará nel a distinción e farao constar nas certificacións académicas que se emitan.

4. Os/as alumnos/as que obteñan o premio extraordinario de formación profesional poderán concorrer, logo de inscrición, ao correspondente premio nacional.

5. Estes premios extraordinarios de formación profesional de grao superior son compatibles con calquera outro premio, incluídos os premios nacionais de formación profesional de grao superior.

Artigo 3. Requisitos de participación.

Poderá optar aos premios extraordinarios de formación profesional o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

1. Ter rematados os estudos de formación profesional de grao superior no ano 2011 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia.

2. Ter obtido unha cualificación final media de todos os módulos igual ou superior a 8,50. Esta obterase como media aritmética das cualificacións dos módulos que compoñen o ciclo formativo e non se computarán os que fosen cualificados cos termos de apto, validado ou exento. A nota media expresarase con dous decimais, redondeando á centésima máis próxima e en caso de equidistancia á superior.

Artigo 4. Documentación.

1. O alumnado que, reunindo os requisitos establecidos no artigo 3 desta orde, desexe optar aos premios extraordinarios, formalizará a súa inscrición no modelo de solicitude que figura no anexo I e presentaraa na secretaría do centro público de educación en que estea o seu expediente académico.

2. Xunto coa solicitude de inscrición deberá presentar a seguinte documentación:

a) Relación dos méritos que se desexe alegar vinculados co título profesional, de acordo co previsto no artigo 7.1.b), xunto coa documentación xustificativa correspondente. Os méritos acreditaranse mediante certificado orixinal ou fotocopias compulsadas das certificacións, en que conste expresamente o número de horas de duración.

b) Declaración responsable de ter ou non ter percibido ou solicitado outras axudas ou premios convocados co mesmo fin polas administracións públicas competentes segundo o modelo do anexo II desta orde, co que se entenderá cumprido o mesmo requisito exixido previo ao último pagamento, no caso de non producirse variación.

3. Os centros públicos de educación en que estea o expediente académico do alumno/a elaborarán e xuntarán á documentación anterior os documentos que de seguido se relacionan:

a) Certificación académica orixinal dos estudos alegados para concorrer á convocatoria, onde se reflicta a cualificación final media expresada con dous decimais, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/a director/a do centro.

b) Documento xustificativo da transferencia de datos que se imprime unha vez introducidos na aplicación informática http://www.edu.xunta.es/premiosfp os datos da solicitude do alumnado.

4. Sen prexuízo do anterior, o alumnado poderá presentar a documentación indicada nos números 2 e 3 deste artigo, no Rexistro Único da Xunta de Galicia, edificio administrativo San Caetano de Santiago de Compostela ou en calquera das dependencias a que fai referencia o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para estes efectos, os rexistros dos centros educativos non se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no dito artigo. No caso de que se opte por presentar a solicitude ante unha oficina de Correos, farase en sobre aberto, para que esta sexa datada e selada polo persoal de Correos antes de ser certificada.

5. De acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, se a solicitude de inscrición non reúne os requisitos precisos ou non se acompaña da documentación indicada no artigo anterior, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición ou, se é o caso, non se valorarán os méritos que non estean debidamente xustificados.

Artigo 5. Prazo de presentación de solicitudes.

O alumnado que, reunindo os requisitos indicados, desexe optar aos premios extraordinarios de formación profesional de grao superior correspondentes ao curso 2010-2011, deberá solicitalo no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Os centros educativos remitirán a documentación, durante o prazo de presentación de solicitudes ou nos tres días posteriores ao dito prazo, por correo urxente, ao Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, edificio administrativo San Caetano s/n, bloque 2, 1.º andar, 15781, Santiago de Compostela.

Artigo 6. Xurado de selección.

Para a análise e valoración das solicitudes constituirase un xurado de selección presidido pola persoa responsable da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue, e integrado polas persoas responsables do Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, do Servizo de Ordenación e Formación Profesional, do Servizo da Xestión da Formación Profesional e do Servizo de Orientación Profesional e Relación con Empresas, funcionarios dos corpos de inspectores de educación e/ou profesores de ensino secundario das especialidades de formación profesional, designados pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Actuará como secretario/a do xurado, con voz pero sen voto, un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Artigo 7. Criterios de valoración.

1. Os premios concederanse en réxime de concorrencia competitiva. Na valoración final o xurado terá en conta os seguintes méritos:

a) A nota media do expediente académico do ciclo de formación profesional polo que se opta ao premio extraordinario valorarase de 0 a 3 puntos, outorgándose 0,02 puntos por cada centésima que supere o 8,50.

b) Méritos relacionados co título profesional. Para efecto de valoración só se terán en conta as actividades de formación, cursos, congresos ou xornadas, relacionadas directamente cos contidos do ciclo formativo correspondente, obtidos, na súa totalidade, con posterioridade á matrícula no ciclo formativo polo que opta ao premio e finalizados antes do 31 de decembro de 2011. Os cursos de linguas estranxeiras, TIC e prevención de riscos laborais considéranse actividades relacionadas con todos os ciclos.

Se o/a alumno/a realiza o ciclo en máis de dous cursos académicos, só se valorarán as actividades realizadas nos dous últimos cursos.

A valoración expresarase numericamente do 0 a 10 con dous decimais.

I. As actividades de formación organizadas polas administracións educativas que se atopen en pleno exercicio das súas competencias en materia educativa, por institucións sen ánimo de lucro que fosen homologadas ou recoñecidas polas administracións anteditas, así como as organizadas polas universidades e desenvolvidas na súa totalidade durante o período en que se cursaron os estudos que posibilitan a presentación a esta convocatoria, valoraranse con 0,10 puntos por cada 10 horas de formación, ata un máximo de 7 puntos.

Os cursos conducentes á obtención dun título académico non se valorarán, agás os das linguas estranxeiras de ensinanza oficial nas escolas oficiais de idiomas que, coa cualificación de apto, se valorarán como 130 horas.

II. Outras actividades de formación organizadas coa colaboración de administracións educativas que se atopen en pleno exercicio das súas competencias en materia educativa valoraranse con 0,10 puntos por cada 20 horas de formación, ata un máximo de 2 puntos.

III. Traballos de investigación, premios, concursos e publicacións relacionados coa familia profesional cursada e realizados na súa totalidade durante o período en que estivo matriculado nos estudos polos que concorre ao premio, ata a súa finalización, ata un máximo de 1 punto.

2. A valoración final expresarase con dous decimais, redondeando á centésima máis próxima e en caso de equidistancia á superior, e será o resultado de aplicar os factores de ponderación recollidos no anexo III: 80% do número 1.a) e 20% do 1.b) deste artigo.

3. O xurado resolverá os empates tendo en conta a maior puntuación nos seguintes méritos e por esta orde:

a) Maior valor da nota media do expediente académico do ciclo de formación profesional por que se opta ao premio extraordinario.

b) Cualificación do módulo de proxecto integrado, no caso de que forme parte de todos os ciclos da mesma familia profesional.

c) Outros méritos relacionados co título profesional (artigo 7.1.b) I).

d) Outros méritos relacionados co título profesional (artigo 7.1.b) II).

e) Outros méritos relacionados co título profesional (artigo 7.1.b) III).

f) Sorteo.

4. O xurado poderá declarar deserto algún dos premios.

Artigo 8. Resolución provisional da concesión dos premios.

1. Antes dun mes a partir do remate do prazo de presentación de solicitudes o xurado de selección confeccionará unha acta provisional coas puntuacións dos aspirantes e os méritos xustificados. Os resultados publicaranse no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

2. Contra esta poderase presentar reclamación, no prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa publicación, mediante instancia dirixida á presidenta ou presidente do xurado de selección, presentándoa no Rexistro Único da Xunta de Galicia, edificio administrativo San Caetano de Santiago de Compostela ou en calquera das dependencias a que fai referencia o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para estes efectos, os rexistros dos centros educativos non se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no dito artigo. No caso de que se opte por presentar a reclamación ante unha oficina de correos, farase en sobre aberto, para que esta sexa datada e selada polo persoal de Correos antes de ser certificada e remitida ao Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, edificio administrativo, San Caetano s/n, bloque 2, 1.º andar, 15781 Santiago de Compostela. Poderase adiantar o envío ao fax 981 54 65 50 ou por correo electrónico ao enderezo sacse@edu.xunta.es

Artigo 9. Resolución definitiva.

1. Unha vez resoltas as reclamacións, o xurado elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación dos premios extraordinarios. Os resultados coas puntuacións definitivas dos aspirantes publicaranse no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A acta orixinal quedará arquivada na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e remitirase unha copia dos resultados coas puntuacións definitivas ás xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

2. O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elevará a proposta feita polo xurado de selección ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá a orde correspondente para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de seis meses, desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria, e terá efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

4. Contra a resolución de adxudicación dos premios poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben impugnala directamente na vía xurisdicional ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 10. Obriga dos/as gañadores/as.

1. O alumnado gañador dos premios ten a obriga de someterse ás actuacións de comprobación que poidan efectuar os órganos de comprobación competentes, para o cal achegará canta información lle sexa requirida, de acordo co artigo 11 da Lei 9/2007.

2. O alumnado premiado presentará certificación de titularidade dunha conta bancaria con 20 díxitos, na cal se ingresará mediante transferencia bancaria a dotación do premio, no prazo de 10 días desde a publicación da concesión dos premios. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

3. O beneficiario ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indica o artigo 14 j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Información aos/ás interesados/as.

Ademais da información recollida no Diario Oficial de Galicia, o alumnado poderá informarse do proceso e facer consultas no portal educativo http://www.edu.xunta.es/portal, na páxina de inicio da aplicación http://www.edu.xunta.es/premiosfp e no teléfono 902 90 54 45 da Unidade de Atención a Centros (UAC).

Artigo 12. Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución do premio concedido, conforme o artigo 23 da Lei 9/2007.

Artigo 13. Transparencia das prácticas da administración.

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben impugnala directamente na vía xurisdicional ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO III
Baremación dos expedientes e outros méritos

Mérito

Documento acreditativo

Ponderación

Nota media do expediente académico dos estudos de formación profesional de grao superior

Certificación académica

80%

Outros méritos relacionados co título profesional

Certificación oficial ou fotocopia compulsada do documento xustificativo

20%

missing image file
missing image file