Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 27 de xaneiro de 2012 Páx. 4094

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 17 de xaneiro de 2012 sobre aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal de Bueu (Pontevedra) para a súa adaptación ás vixentes disposicións sobre habitabilidade.

O Concello de Bueu remite a modificación puntual referida e solicita a súa aprobación definitiva conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Bueu conta, na actualidade vixente, cunhas normas subsidiarias de planeamento de ámbito municipal aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Pontevedra o 2.2.1987.

2. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible decidiu o 16.6.2008 declarar a non necesidade de someter a modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica, declaración que conserva a súa validez conforme o punto 1.1.2 da Instrución 1/2011, do 12 de abril, para a aplicación da Lei 2/2010 (DOG do 11.5.2011).

3. No expediente constan informes do arquitecto municipal do 13.6.2008 e do 20.7.2010; e da Secretaría do 1.7.2008, do 22.10.2008 e do 22.8.2011 (artigo 85.1 da LOUG).

4. A modificación non precisou do informe previo á súa aprobación inicial (artigo 85.1 da Lei 9/2002).

5. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 9.1.2008. Foi sometida a información pública polo prazo dun mes (Diario de Pontevedra do 13.8.2008, Faro de Vigo do 14.8.2008 e Diario Oficial de Galicia do 24.9.2008). Non foron presentadas alegacións segundo o certificado do 28.10.2008 que figura no expediente remitido. Simultaneamente déuselles traslado aos concellos limítrofes (Marín, Moaña e Cangas).

6. A modificación foi aprobada provisionalmente en Pleno do 5.11.2008.

7. O Concello solicitou a aprobación definitiva o 12.11.2008. O Servizo de Urbanismo da CMATI en Pontevedra, en virtude do disposto no artigo 85.5 da LOUG, requiriu o informe da Consellería de Vivenda e Solo en materia de habitabilidade.

8. Constan informes do Instituto Galego da Vivenda e Solo do 7.4.2009, do 13.12.2010 e do 15.4.2011 sobre o proxecto.

9. Consta aprobación provisional polo Concello Pleno en sesión plenaria do 5.9.2011.

II. Obxecto do proxecto.

O proxecto ten por obxecto alterar certas alíneas da normativa urbanística das normas subsidiarias para adaptalas á normativa de habitabilidade vixente.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación remitida polo Concello, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, cómpre sinalar:

1. Razóns de interese público da modificación.

De conformidade co artigo 94.1 da LOUG, as modificacións de planeamento urbanístico deberán fundamentarse en razóns de interese público debidamente xustificadas.

A adaptación á normativa de obrigado cumprimento en materia de habitabilidade, na medida en que as normas se opoñan ou non conteñan todas as determinacións exixibles conforme o Decreto 29/2010, polo que se aproban as normas de habitabilidade das vivendas de Galicia, hoxe vixente, pode conceptuarse como tal, polo que non se observan obxeccións á proposta.

De conformidade cos artigos 89 e 93.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, e de acordo co punto 7.a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das NSM do Concello de Bueu para a súa adaptación ás vixentes disposicións sobre habitabilidade.

2. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2012.

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas