Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 23 de xaneiro de 2012 Páx. 3424

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 20 de xaneiro de 2012 pola que se acorda a cesión de uso de tres pistas polideportivas propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia ao Concello de Vilagarcía de Arousa.

O artigo 27.22 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de promoción deportiva e da axeitada utilización do lecer.

De conformidade co disposto no artigo 9 da Lei 11/1997, do 22 de agosto, xeral do deporte de Galicia, correspóndelle á Administración deportiva da Comunidade Autónoma a cooperación e coordinación coas corporacións locais en materia deportiva.

No artigo 6 do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, establécese que a Secretaría Xeral para o Deporte é o órgano superior da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponde a elaboración, proposta e execución da política de Goberno galego en materia de deporte, sen prexuízo das demais competencias que teñan legal ou regulamentariamente atribuídas.

Segundo establece o artigo 1 do citado Decreto 325/2009, a Secretaría Xeral para o Deporte depende funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e orgánicamente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

O Concello de Vilagarcía de Arousa solicitou a cesión de uso de pistas polideportivas para a práctica deportiva, tanto para a promoción do deporte de base, deporte en idade escolar e deporte para todos, como para a realización de competicións e outros eventos deportivos organizados pola Administración municipal.

O artigo 82 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que os bens e dereitos patrimoniais da Comunidade Autónoma de Galicia poden ser cedidos gratuitamente para a realización de fins de utilidade pública ou interese social a outras administracións públicas, sempre que a súa afectación ou explotación non se estimase previsible.

No artigo 96 bis do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, disponse que se a cesión fora só do uso do ben poderá outorgarse por un prazo máximo de cinco anos, prorrogable por períodos sucesivos de igual duración.

De acordo co disposto no artigo 83 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, a cesión dos bens mobles do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia é competencia do titular da consellería que posúa a adscrición do ben.

Polo tanto, no marco do réxime legal regulador das relacións de colaboración, cooperación e coordinación, e logo da petición do Concello de Vilagarcía de Arousa, considérase conveniente cederlle a o dito concello o uso de tres pistas polideportivas propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia e adscritas á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Á vista do exposto, en uso das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Acórdase a cesión de uso a favor do Concello de Vilagarcía de Arousa de tres pistas polideportivas formadas cada unha delas por vinte rolos consistentes en pavimento deportivo de cor verde de 3,5 mm de espesor composto por un estrato superior visto en relevo fabricado en PVC compacto e por un estrato inferior de apoio de PVC espanso con fibra de vidro interposta.

Artigo 2.

A cesión de uso sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

1. As pistas polideportivas obxecto de cesión destinaranse á práctica deportiva, tanto para a promoción do deporte de base, deporte en idade escolar e deporte para todos, como para a realización de competicións e outros eventos deportivos organizados pola Administración municipal.

2. Esta cesión é de carácter gratuito e ten por obxecto exclusivamente o uso dos bens cedidos.

3. A cesión implica para o cesionario a obriga de destinar os bens exclusivamente ao fin expresado neste acordo, na forma e coas condicións que nel se expresen, sen que poidan destinarse a outros fins, públicos ou privados.

4. A cesión enténdese outorgada en precario, e poderase revogar libremente en calquera momento, sen que o interesado teña dereito a ningunha indemnización.

5. De conformidade co establecido no artigo 96 bis do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a cesión outorgarase polo prazo máximo de cinco anos, prorrogable por períodos sucesivos, de igual duración, se así o acordase expresamente a Administración cedente, logo da petición do cesionario con anterioridade ao vencemento do período anterior, quedando excluída a tácita recondución.

6. Esta cesión de uso implica a posibilidade de utilización, incluíndo, de ser preciso, o desprazamento físico temporal, das pistas deportivas cedidas para a organización e o desenvolvemento de actividades ou competicións deportivas promovidas ou patrocinadas pola Secretaría Xeral para o Deporte, sempre mediante a oportuna coordinación coa Administración municipal beneficiaria da cesión.

7. A Administración cesionaria é responsable do correcto uso dos bens cedidos e da adopción de todas as medias precisas para a súa adecuada conservación e custodia.

8. Corresponde á consellería competente en materia de patrimonio verificar a aplicación dos bens ao fin para o cal foron cedidos, para o cal poderán adoptar cantas medidas fosen necesarias segundo dispón o artigo 85 da Lei 5/2011, do 30 de setembro.

9. Os gastos de todo tipo que xerasen os bens obxecto da cesión ou a súa instalación, transporte, utilización ou conservación serán en todo caso de conta da administración beneficiaria dela.

10. Serán por conta do cesionario a detrimento e a deterioración sufridos polos bens cedidos, sen que sexan indemnizables os gastos en que incorrera para cumprir as cargas ou condicións impostas.

11. Se os bens cedidos non se aplicasen ao fin sinalado ou deixasen de estalo con posterioridade, se se descoidasen ou se utilizasen con grave quebrantamento ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión, e os bens revertirán á Administración cedente.

Artigo 3.

A devandita cesión formalizarase mediante acta subscrita pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica desta consellería e o alcalde do Concello de Vilagarcía de Arousa e deberá constar nela o acordo de cesión e a aceptación por parte do cesionario.

Disposición derradeira primeira.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da Secretaría Xeral Técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2012.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza