Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 23 de xaneiro de 2012 Páx. 3428

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

DECRETO 255/2011, do 29 de decembro, polo que se desafecta do dominio público a parcela número 241 do polígono 113 do Concello de Lugo afectada pola autovía A-54 impulsada polo Ministerio de Fomento.

Con motivo das obras da autovía A-54 Lugo-Santiago de Compostela, tramo: Vilamoure-Nadela e conexión con Lugo, viuse afectada a parcela número 241 do polígono 113 de Lugo, titularidade da comunidade autónoma, dentro do expediente de expropiación tramitado polo Ministerio de Fomento.

Mediante oficio do 16 de novembro de 2011, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, informa favorablemente a iniciación do expediente de desafectación da parcela número 241 do polígono 113, concello de Lugo, ao non estar a dita parcela afectada ao uso xeral ou á prestación dos servizos públicos desta comunidade autónoma.

O artigo 10.1.º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos de lexislación da expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

O punto segundo do antedito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia se deberá facer mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, logo da instrución do expediente pola Consellería de Facenda, por instancia da consellería interesada, e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.

O inmoble non é necesario para o cumprimento dos fins determinantes da afectación, e así emitiu informe a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de decembro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Desaféctase do dominio público a parcela obxecto de expropiación, que segundo os datos catastrais se describe a seguir:

Inmoble situado no concello de Lugo, dunha superficie de 293 m2 e que linda: ao norte e oeste con Francisco Gómez Escolante; ao leste coa estrada e ao sur co Concello de Lugo. Referencia catastral 27900A113002410000ST.

Artigo 2.

O inmoble anteriormente descrito adquire natureza patrimonial.

Disposición derradeira.

A Consellería de Facenda, a través da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vinte e nove de decembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Marta Fernández Currás
Conselleira de Facenda