Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 13 de xaneiro de 2012 Páx. 2254

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2011 pola que se prorrogan os orzamentos para o ano 2012.

De acordo co establecido no artigo 176 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, a non aprobación do orzamento anual da universidade antes do día 1 de xaneiro do ano correspondente suporá a prórroga automática do orzamento do ano anterior.

Tendo en conta que non é posible aprobar o orzamento para o ano 2012 antes da data citada, esta reitoría

RESOLVE:

Primeiro. Prórroga.

Prorrógase o orzamento da Universidade de Santiago de Compostela do exercicio 2011.

Segundo. Contía.

A contía do orzamento prorrogado será de douscentos vinte e oito millóns oitocentos corenta e tres mil novecentos sesenta euros, distribuídos nos seguintes capítulos:

Ingresos 228.843.960

Capítulo III Prezos públicos e outros ingresos   41.548.000

Capítulo IV Transferencias correntes 140.109.480

Capítulo V Ingresos patrimoniais        713.000

Capítulo VII Transferencias de capital   41.473.480

Capítulo IX Variación de pasivos financeiros     5.000.000

Gastos 228.843.960

Capítulo I Gastos de persoal 149.260.000

Capítulo II Gastos en bens correntes e servizos   26.188.960

Capítulo III Gastos financeiros        898.000

Capítulo IV Transferencias correntes     2.904.420

Capítulo VI Investimentos reais   42.672.580

Capítulo IX Variación de pasivos financeiros     6.920.000

Terceiro. Importe do crédito do orzamento prorrogado.

O crédito inicial das partidas do orzamento prorrogado será igual ao crédito inicial que tiñan no orzamento de 2011 (páxinas 37 á 53 da edición impresa/43 á 55 da edición web).

Cuarto. Criterios de non dispoñibilidade da prórroga.

A previsión de menores ingresos para o ano 2012 fai necesario unha retención cautelar no orzamento que se prorroga.

4.1. As porcentaxes de retención que se aplicarán sobre os créditos prorrogados son:

Capítulo II, o 25%.

Capítulo IV, o 50%.

Capítulo VI, o 80%.

Os capítulos I, III e IX, o 0%.

4.2. Os responsables de Asuntos Económicos formalizarán estas retencións mediante autorizacións.

4.3. Non serán de aplicación as retencións indicadas anteriormente a:

Créditos do Consello Social.

Créditos para as bibliotecas.

Fondos de dotación de créditos para cursos de posgrao, proxectos, contratos e convenios de investigación.

Subvención á Fundación USC Deportiva.

Crédito para programas educativos europeos.

Créditos para investimentos de reparacións e mellora asociados á subvención do plan de financiamento do SUG.

Quinto. Normas de execución.

Como consecuencia da prórroga, seguen en vigor as normas de execución do orzamento para 2011 e as complementarias ditadas neste exercicio, en todo o non modificado pola presente resolución.

Sexto. Créditos derivados de financiamentos específicos (actividades de I+D+i, cursos de posgrao propio, etc.).

O crédito do que poderán dispor estas actividades que teñan anualidade prevista no ano 2012 ou que sigan activos durante este exercicio será o resultante da suma do remanente do exercicio 2011 e/ou a anualidade concedida para o ano 2012. Formalizaranse na contabilidade descentralizada mediante as figuras de IR-incorporación de remanentes e TP-transferencia de crédito, respectivamente.

Sétimo. Créditos dos departamentos.

Os responsables de Asuntos Económicos abrirán o crédito de cada departamento mediante unha modificación orzamentaria TP, polo mesmo importe que foi distribuído no ano 2011 para gastos de funcionamento e desprazamento.

Oitavo. Dispoñibilidade no 2012 dos saldos dos créditos no 31.12.2011.

Ata o peche da contabilidade do ano 2011, previsiblemente a finais de febreiro de 2012, os saldos dos créditos no 31.12.2011 do capítulo VI financiados con fondos propios habilitaranse no orzamento de 2012 nunha porcentaxe do 20%.

O crédito habilitado na partida da Vicerreitoría de Investigación para facer fronte ao cofinanciamento das infraestruturas de investigación da convocatoria 2011 do programa Feder incorporarase ao 2012.

Noveno. Apertura do exercicio 2012 e contabilización de gastos.

O exercicio económico 2012 abrirase en canto sexa tecnicamente posible e, desde ese momento, poderanse facer as operacións contables necesarias.

Como excepción, non se poderán introducir facturas con IVE ata que se determine a porcentaxe de pro rata aplicable, previsiblemente nos primeiros días de febreiro.

Décimo. Disposición adicional.

Son de aplicación as disposicións adicionais contidas nas normas de execución dos orzamentos 2011 que prevén ditar as instrucións que sexan precisas por parte da Xerencia para a adaptación e o desenvolvemento das normas de execución, e tamén de aplicación da presente resolución.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2011.

Juan José Casares Long
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela