Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 13 de xaneiro de 2012 Páx. 2252

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2011, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se modifica o couto de pesca de Padrón, no río Sar.

Antecedentes.

De conformidade co disposto no artigo 15 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), o Servizo Provincial de Conservación da Natureza da Coruña iniciou o expediente de modificación do couto de pesca de Padrón.

No expediente de modificación do couto de pesca de Padrón consta o informe favorable do Comité Provincial de Pesca Fluvial da Coruña.

O expediente de modificación do couto de pesca de Padrón foi sometido a información pública mediante Resolución do 19 de outubro de 2011, publicada no DOG núm. 220, do 17 de novembro. Neste trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Consideracións legais.

O expediente de modificación do couto de pesca de Padrón cumpre os requisitos establecidos na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, e demais normativa de aplicación.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza é competente para resolver o expediente segundo o disposto na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, e mais no Decreto 318/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria.

Resolución.

De conformidade con todo o anterior, resolvo modificar o couto de pesca de Padrón, no río Sar, cos límites e a normativa que a seguir se establecen:

– Tramo I.

Límite superior: presa do muíño de Concheiro, concellos de Padrón e Rois.

Límite inferior: ponte do Carme, concello de Padrón.

Lonxitude aproximada: 4,2 km.

Clasificación: couto de reo.

Permisos diarios: 12 permisos os días laborables e 15 os sábados, domingos e festivos.

Cota diaria de captura, tamaño mínimo do reo e da troita e xornadas hábiles: segundo a orde anual de pesca continental.

– Tramo II.

Límite superior: ponte do Carme, concello de Padrón.

Límite inferior: desembocadura do río Sar no río Ulla, concello de Padrón.

Lonxitude aproximada: 2,5 km.

Clasificación: couto de pesca sen morte.

Permisos diarios: 10.

Xornadas hábiles: segundo a orde anual de pesca continental.

De conformidade co disposto no artigo 15 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), inclúense no couto de pesca os 100 m finais de todos os afluentes existentes no tramo acoutado.

Contra esta resolución caberá, de conformidade cos artigos 107.1.º, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, a interposición do recurso de alzada perante o conselleiro do Medio Rural no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2011.

Ricardo García-Borregón Millán
Director xeral de Conservación da Natureza