Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 12 de xaneiro de 2012 Páx. 1963

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 10 de xaneiro de 2012, de delegación temporal de competencias nos órganos superiores e directivos da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Mediante Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, integrase nela a Consellería do Medio Rural e do Mar.

No Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, estrutúrase a Consellería do Medio Rural e do Mar en tres órganos superiores e catro órganos directivos, coa adscrición dun organismo autónomo e catro entes públicos.

Estes decretos supoñen a extinción de dúas consellerías e a creación dunha nova na cal se integran os órganos superiores e directivos referidos, feito que ten como consecuencia inmediata a perda de vixencia da Orde do 24 de abril de 2009, sobre delegación de competencias no secretario xeral da Consellería do Medio Rural, e da Orde do 25 de novembro de 2009, de delegación de competencias no secretario xeral, nos directores xerais, nos xefes territoriais da Consellería do Mar e no presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia, xa que en ambos os casos se extinguen os órganos delegantes e noutros tamén os destinatarios da delegación.

Isto leva consigo unha concentración de funcións na titular da nova Consellería do Medio Rural e do Mar cuxo volume aconsella, naqueles asuntos que non exixan unha atención directa e persoal da conselleira, recorrer á delegación de competencias, co debido respecto aos principios informadores da actividade administrativa, que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1, en prol dunha maior axilidade da actuación que beneficie a Administración e os administrados.

Esta delegación ten carácter temporal, coa finalidade de non paralizar a actividade administrativa mentres non se aprobe o decreto de estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e unha delegación de competencias acorde con ela. Esta delegación de competencias faise tendo en conta a adscrición temporal de órganos que establece a Orde do 5 de xaneiro de 2012, pola que se determina a adscrición dos órganos superiores e directivos regulados no Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

Regúlanse tamén as delegacións competenciais en materia de portos, posibilitando que o presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia manteña as competencias que viña exercendo por delegación en virtude da Orde do 25 de novembro de 2009.

Polo exposto e facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Delégase temporalmente no secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural e do Mar as competencias que atribuían aos secretarios xerais técnicos das consellerías do Medio Rural e do Mar a Orde do 24 de abril de 2009, sobre delegación de competencias no secretario xeral da Consellería do Medio Rural, e a Orde do 25 de novembro de 2009, de delegación de competencias no secretario xeral, nos directores xerais, nos xefes territoriais da Consellería do Mar e no presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia, respectivamente.

Artigo 2.

De acordo coa adscrición de órganos que establece a Orde do 5 de xaneiro de 2012, pola que se determina a adscrición dos órganos superiores e directivos regulados no Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, delégase temporalmente no secretario xeral do Mar as competencias que tiñan delegadas o director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica e o director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños na Orde do 25 de novembro de 2009, de delegación de competencias no secretario xeral, nos directores xerais, nos xefes territoriais da Consellería do Mar e no presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia.

Artigo 3.

Delégase temporalmente na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro o exercicio das competencias que tiña delegadas este centro directivo na Orde do 25 de novembro de 2009, de delegación de competencias no secretario xeral, nos directores xerais, nos xefes territoriais da Consellería do Mar e no presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia.

Artigo 4.

Deléganse temporalmente nos xefes territoriais da extinta Consellería do Mar as competencias que lles atribuía a Orde do 25 de novembro de 2009, de delegación de competencias no secretario xeral, nos directores xerais, nos xefes territoriais da Consellería do Mar e no presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia.

Artigo 5.

Deléganse temporalmente no presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia as competencias que en materia de portos lle atribuía a Orde do 25 de novembro de 2009, de delegación de competencias no secretario xeral, nos directores xerais, nos xefes territoriais da Consellería do Mar e no presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia.

Artigo 6.

1. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas pola autoridade que as conferiu.

2. En calquera momento a conselleira poderá reclamar para si o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde, das cales quedan excluídos, en todo caso, os supostos previstos no artigo 13.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 42.2 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2012.

Rosa M.ª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar